De principios e de honras

Queda por saber se a conxunción dunha humillación nacional, dunha crise social e dun fastío xeral cara á política e os políticos, pode favorecer nos nosos días, nalgún país occidental, a chegada dun fascismo en regra. Sería sen dúbida aventurado descartar categoricamente tal eventualidade.

Con este parágrafo Jean Touchard finaliza a sección do seu libro Historia das ideas políticas dedicada ao fascismo e ao nacionalsocialismo. Non teño o menor interese en espallar medos nin agoiros, pero os feitos, á vista de todos, impóñense por si mesmos. Veño de facer unha lenta relectura da obra de Ibsen Un inimigo do pobo. O meu primeiro achegamento a ela orixinoume un profundo desacougo. Non a entendín entón -e creo que tampouco a entendo agora- como un ataque frontal á democracia, senón como unha retrucada dialéctica que nos propoñía o ilustre dramaturgo.

Non obstante, o reto que nos lanza Ibsen resulta, cando menos, inquietante. Un home só, o doutor Stockmann, ostenta a posesión da verdade, a razón e a honradez, enfrontado ao resto da comunidade que, democraticamente, é dicir, mediante asembleas abertas, deliberativas, decisorias e vinculantes oponse a el e ás súas pretensións. Pero non, en principio polo menos, para aniquilalo. A comunidade, que defende os seus intereses, propón un pacto ao doutor, pídelle que non radicalice a súa postura, que sexa flexible e dialogante. Mais o doutor Stockmann considera que a gravidade da cuestión non admite componendas.

Isto dá pé a unhas argumentacións contra a democracia e o sufraxio universal como instrumento para a delegación da representación política, que non acerto a cualificar doutro xeito que non sexa desacougantes

O dilema de Ibsen, para quen non coñeza a obra, é o seguinte. Stockmann é o director do balneario do que, dunha ou doutra maneira, vive toda a comunidade, e descobre que as súas augas están contaminadas. O alcalde, que ademais é o seu irmán, e logo toda a comunidade e tamén a prensa, entenden e aceptan a gravidade do asunto, pero pídenlle que, a cambio do seu silencio, lles permita ir realizando as obras necesarias para evitar a contaminación sen paralizar o balneario. Stockmann négase a calquera adiamento e esixe o peche das instalacións en tanto persista a contaminación. Isto dá pé a unhas argumentacións contra a democracia e o sufraxio universal como instrumento para a delegación da representación política, que non acerto a cualificar doutro xeito que non sexa desacougantes.

A primeira frase polémica: O inimigo máis perigoso da razón e da liberdade da nosa sociedade é o sufraxio universal. O mal está na maldita maioría liberal do sufraxio, nesa masa amorfa.

Outra: Non; a maioría non ten razón nunca. Esa é a maior mentira social que se dixo. Todo cidadán libre debe protestar contra ela. Quen conforman a maioría no sufraxio? Os estúpidos ou os intelixentes? Espero que vostedes me concederán que os estúpidos están en todas as partes, formando unha maioría esmagadora. E creo que iso non é motivo abondo para que manden os estúpidos sobre os demais. ... Escoitade: a maioría ten a forza, pero non ten a razón. ... A minoría sempre ten razón.

Outra máis: Penso dedicar todas as miñas forzas e toda a miña intelixencia a loitar contra esa mentira de que a voz do pobo é a voz da razón. Que valor ofrecen as verdades proclamadas pola masa? Son vellas e caducas. E cando unha verdade é vella, pódese dicir que é unha mentira, porque acabará converténdose en mentira.

E outra: ...refírome á crenza segundo a cal a plebe, a maioría, constitúe a esencia do pobo; ao seu xuízo, o home do pobo, o que encarna a ignorancia e todas as enfermidades sociais, debe ter o mesmo dereito a condenar e a aprobar, a dirixir e a gobernar, que os seres elixidos que forman a aristocracia intelectual.

Estas desacougantes palabras escribíronse cando en Europa aínda non se declarara ningún totalitarismo, entendendo a palabra englobando as ditaduras comunistas, o fascismo e o nacionalsocialismo

Convén recordar que estas desacougantes palabras escribíronse cando en Europa aínda non se declarara ningún totalitarismo, entendendo a palabra, como algúns autores pretenden, ou sexa, englobando as ditaduras comunistas, o fascismo e o nacionalsocialismo, e, por extensión, todas as ditaduras dun ou outro signo que xurdiron durante o século XX.

A pesar da extemporaneidade  de calquera xuízo sobre Ibsen e a súa obra, non me encaixa o ilustre dramaturgo noruegués como un inimigo da democracia parlamentaria. Pero as miñas indagacións non calmaron o desacougo. Descubro que Adolf Hitler tomou case literalmente tramos enteiros d’Un inimigo do pobo para escribir o seu envelenado Mein Kampf, e que tamén se poden encontrar coincidencias co ideario –é un dicir- de Mussolini.

Adolf Hitler tomou case literalmente tramos enteiros d’Un inimigo do pobo para escribir o seu envelenado Mein Kampf

Volvamos a Jean Touchard e ao seu libro Historia das ideas políticas: O fascismo e o nacionalsocialismo son hostís aos principios da democracia igualitaria e do sufraxio universal. Mussolini denuncia a lei do número. O fascismo -di- non consente que o número, polo simple feito de que é un número, poida dirixir as sociedades humanas. Nega que o número poida gobernar por medio dunha consulta periódica. Afirma a desigualdade irremediable, fecunda e benfeitora dos seres humanos... Hitler mantén unha postura análoga: "É máis doado ver un camelo pasar polo ollo dunha agulla que descubrir un grande home por medio da elección". E afirma: "A historia do mundo está feita polas minorías".

Entremos agora, superando calquera lexítima repugnancia, na chaga infecta do Mein Kampf:

...y descender así á condición do "político", é dicir, a aquela categoría de homes cuxa única convicción é a súa falta de convicción, aparellada a unha arrogante insolencia e unha arte refinada para mentir. Se para desgraza da humanidade honrada tal suxeito chega a ingresar no Parlamento, entón hai que ter por descontado o feito de que a política para el se reduce xa só a unha "heroica loita" pola posesión perpetua deste "biberón" da súa propia vida e da da súa familia. E canto máis pendentes estean dese biberón a muller e os fillos, máis teimudamente loitará o marido por soster o seu mandato parlamentario.

Oxalá non se supoña que das papeletas de sufraxio, emitidas por electores, que todo poden ser menos intelixentes xurdan simultaneamente centenares de homes de Estado. Nunca será suficientemente rebatida a absurda crenza de que do sufraxio universal poden saír xenios...

O parlamentarismo democrático de hoxe non tende a constituír unha asemblea de sabios, senón a recrutar máis ben unha multitude de nulidades intelectuais, tanto máis doados de manexar canto maior sexa a limitación mental de cada un deles. (Mein Kampf. AdolfHitler)

Cabe destacar, aínda, un axioma existencial formulado case con idénticas palabras tanto por Ibsen coma por Hitler: "O home máis forte do mundo é o que está máis só" (Ibsen). "O forte é máis forte cando está só". (Hitler).

O libro de José Luis Durán Mariño é un ataque furibundo e sistemático contra todo o que se move no, sen dúbida, ambiguo marco da democracia española

José Luis Durán Mariño, doutor en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela e Cirurxián Vascular en Lugo, publicou o pasado ano un libriño titulado España democracia low cost, "harto de ver la falta de preparación claramente notable de muchos de los dirigentes de todos los estratos políticos" segundo as súas propias palabras. Non vou actuar por indicios e pasarei por alto que, a estas alturas, o doutor Durán se proclame fillo de La Puebla del Caramiñal e non da Pobra do Caramiñal. Sen dúbida que de aí se podería tirar algunha interesante conclusión, pero non quero pecar de mesquiño. O que si quero destacar é que o procedemento para publicar o seu libro foi a autoedición.

O doutor Durán quería, máis aínda, consideraba, supoño, un deber, unha obriga, un compromiso berrar todo o seu insoportable descontento diante da situación actual da democracia en España. Abofé que o fai. O seu libro é un ataque furibundo e sistemático contra todo o que se move no, sen dúbida, ambiguo marco da democracia española. A verdade é que un libro desta natureza resulta totalmente prescindible. Non achega absolutamente nada que non se poida recoller en calquera cafetaría, ou reunión de amigos, ou debate radiofónico ou televisivo. Todo canto o doutor Durán nos di no seu libro, está na rúa, absolutamente vixente dende moito antes de que en España padecésemos unha crise tan revirada política, axiolóxica e económica, e enlaza, nidiamente, con Ibsen e o seu doutor Stokmann, con Hitler e o seu Mein Kampf, con Mussolini e o seu elitismo fascista.

E é por iso polo que o traemos aquí, porque reproduce un xeneralizado estado de opinión. E, se ademais, na contraportada do seu libro, o doutor Durán coloca un texto tan explícito como este: Un breve ejercicio de reflexión sobre la cualificación y la experiencia laboral o empresarial, fuera de la gestión pública, con que cuenta la inmensa mayoría de los miembros de nuestra clase política, con especial atención a los que configuran los distintos gobiernos central y autonómicos de nuestro país nos permitirá identificar a un sin número de presidentes, ministros y altos funcionarios que “no saben lo que es trabajar ni ganas que tienen de aprenderlo”, que ni estudian ni trabajan. A los Zapateros, Corbachos, Chaves, Uriartes, Carods, Fabras, Quintanas, ... etc. que proliferan por toda la geografía española habría que sumarles una auténtica legión de asesores, pelotas, aduladores y en definitiva, de enchufados de distinta estirpe y condición; individuos anónimos sin oficio ni beneficio, que por decenas de miles viven como parásitos a costa del Estado, como si de una plaga se tratara, instalados en la poltrona administrativa, desde el más insignificante de sus ayuntamientos hasta las más altas instancias del poder. (Contraportada de España democracia low cost, José Luis Durán).

Xamais me ocuparía do doutor Durán nin do seu libro se non fose porque nel encontro cunha magnífica perfección a expresión da tan estendida descualificación da tristemente chamada clase política, o desprestixio da política

Para que imos lelo, se nese fragmento o compendia todo? Máxime, se o último capítulo, cando esperas que achegue propostas ou ideas ou argumentos para arranxar a horrible desfeita que padecemos neste malpocado país, queda definido e explicado polo seu título La solución imposible. (O capítulo cuarto, titulado El sustrato social, non ten desperdicio en tanto que a conclusión final vén sendo que a culpa toda é do pobo).

Quero deixar claro que xamais me ocuparía do doutor Durán nin do seu libro se non fose porque nel encontro cunha magnífica perfección a expresión da tan estendida descualificación da tristemente chamada clase política, o desprestixio da política. É verdade que a análise que se fai, quizais con algúns matices, pode aceptarse, é verdade que os políticos, en gran número, ou esa é a percepción, autodescualifícanse e que o desprestixio da política vai copando todas as posicións máis estratéxicas. Pero tamén é verdade que os inimigos da democracia, como creo que nestas liñas quedou sobradamente demostrado, dedicáronse dende sempre, cunha corrosiva dedicación, á descualificación e ao desprestixio da política e dos políticos.

Só quería poñer de manifesto as arrepiantes concomitancias que poden darse entre as reflexións dun sufocado cidadán de boa fe, escandalizado pola catadura moral dos seus dirixentes, e un arrenegado fascista ou un nazi noxento

Tamén é verdade que con estas liñas só quería poñer de manifesto as arrepiantes concomitancias que poden darse entre as reflexións dun sufocado cidadán de boa fe, escandalizado pola catadura moral dos seus dirixentes, e un arrenegado fascista ou un nazi noxento. Pode que isto tamén sexa pedagoxía. Necesaria se tomamos en consideración que o doutor Durán, a quen eliximos como testemuña dun estado de cousas que fican moi lonxe de compracernos, fai súa a frase que lle envía un seu amigo ou admirador: “el detonante primario del esperpento hispánico, es que vivimos en una sociedad sin principios y sin honor”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.