“Qual de nós pode, voltando-se no caminho onde não há regresso, dizer que o seguiu como o devia ter seguido?”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).
“Non, je ne regrette rien” (Non, non me arrepinto de nada). Pois si. Pretendendo emular á insuperable Édith Piaf, foi como finiquitaron o sermón sobre as eleccións do 20-D, os dous cóengos da decaída colexiata nacionalista. A cerellada foi como foi e, escoitando a eses dous, antes non pasou ren. Os dous mellores especialistas do noroeste en teoloxía politiqueira, afeitos a botarlle a culpa aos marcianos, cando o nacionalismo galego se escurece; e en anotar nas súas follas de servizos os éxitos, cando agroman os caraveis, esquecéronse de explicarnos o que acontecera nas vésperas da campaña electoral. Vaia por Deus!
Esa simbiótica parella de dous –Paco e Beiras- campións do gargarexo ata a extenuación, levan toda unha vida acudindo puntualmente á ágora de Breogán, despois de cada votación, para desempoar o misal da análise –ou psicanálise- postelectoral, e domear o discurso ao seu antollo, a fin de trazarnos o camiño a seguir, pase o que pase. E así, respectando escrupulosamente a tradición, despois das pasadas eleccións, tamén cumpriron o procedemento, e alí estaban puntualmente co manual na man. O primeiro para identificar aos culpables da derrota, o segundo para atribuírse a paternidade da vitoria, e ámbolos dous para xiringarnos as festas do Nadal coas súas aburridas andrómenas. E así chegamos onde estamos, en boa medida, grazas ás diatribas desta curiosa dualidade divina.
E aí seguen os dous. Un recriminando aos nacionalistas que non votaron aos seus. O outro tratando de convencernos de que o nacionalismo está salvado grazas á súa inestimable teimosía no obxectivo rupturista e autodeterminista. E os dous, tan imperecedoiros, sempre tan enfurruñados, e mal que lles pese, tan incoherentes e cagarolas á hora de concluír o argumentario. O primeiro, por non se atrever, co mesmo arrouto, a recriminar aos non nacionalistas que, elección tras elección, tamén votaron ao BNG. E o segundo, por ser tan modesto, á hora de repartir as cotas de gloria, polos excelentes resultados de En Marea, co lider de Podemos, don Pablo Manuel Iglesias Turrión. E os dous, por estar convencidos que, sen eles, o nacionalismo sería talmente inerte.
Ah! Pois nada. De momento, as liñas mestras sobre o que hai que facer están marcadas por don Paco, don Xosé Manuel -e don Bautista!- e por unha ducia de clons naturais, idénticos na súa xenética. Por iso, o meu tío Lisardo coida que, para o nacionalismo/galeguismo, o corolario deste longo e agreste percorrido tamén se pode atopar na canción de Édith Piaf: “Balaye les amours avec leurs tremolos / Balaye pour toujours / Je reparas a zero” (Varridos os amores e todos os seus tremores / Varridos para sempre / Volvo empezar de cero). Hai que goderse con estes dous –ou tres- pándegos do nabo!