De quen son as actas?

ois, verán, parece que depende. Seica temos un conflito, ou escisión, entre legal e lexítimo, onde o primeiro é obvio e o outro vai por barrios. Falamos, claro, dos postos de representación política obtidos en acto electoral; e si, en efecto, con aplicación inmediata ao proceso desenvolvido no ámbito nacionalista galego, de- ou re-construtor conforme se mire.

Hai, en principio, dous puntos de vista. Un, o escano ou concellaría é da candidatura, sexa ou non partidaria; outro, da persoa elixida que toma posesión. Xogan aí principios diverxentes e o marco lexislativo xeral atribúello ao electo, que non causa baixa como non dimita: eis o legal, e nin aínda os máis preocupados polo transfuguismo seica atoparon modo ou motivo eficiente para mudar a norma.

Pasa que esta non carece de argumento. En lóxica primaria, o deputado ou concelleiro adquire persoalmente un compromiso coa cidadanía, e a súa presenza na lista debe ser estimada coadxuvante na adquisición de sufraxio. Nalgún sistema, tal o británico ou o norteamericano, a relevancia do individuo é tal que se considera o elixido como representante directo dos electores; nos órganos lexislativos dos USA, votan a prol ou en contra do seu partido ou presidente segundo o caso, momento e sen atrancos.

Entre nós, xaora, non hai listas abertas nin, coma onda os anglosaxóns, candidato individual para posto único. Suponse, logo, que o cargo público se debe aos seus votantes, pero tamén asume unha obriga con respecto á candidatura da que forma parte, tanto máis -posiblemente- se esta foi presentada por un partido político; velaí, probablemente, un dos motivos que sustentan eticamente a existencia dunha Lei Antitransfuguismo. E deixemos a cuestión legal.

Porque o que a min máis me interesa, arestora, é a lexitimidade. Primeira cuestión: entender que a acta pertence, de seu e integralmente, ao partido converte o titular nun aplicador mecánico de encomenda ou consigna: caso extremo, o elenco de aplaudidores- apupadores que ás veces parece nutrir as bancadas no parlamento español; facilita a planificación e manobra das cúpulas directivas, xaora, pero tamén confire un aquel de monotonía e artificio que igual ata incide na moi vixente indiferenza pública. Non promovo eu que o parlamentario xestione o seu escano con total autonomía, moito menos que o ‘negocie’: pero algo da representación ou portavocía social reside na súa persoa, e o noso pensamento político non parece darlle moita cabida a tal idea que agora deixo, por prolixa.

E aquí está o segundo asunto, de sentido bastante común: en eleccións municipais cobra particular notoriedade o aspecto persoal. Parte da credibilidade ou apoio a unha lista ten orixe partidaria xeral; parte, na executoria local do grupo e, cando menos, aspectos do programa presentado; unha porcentaxe achégana os membros da candidatura; e non pouca afección e defección adoita estar vinculada á sona e persoa do encabezador. Pode alguén, por méritos propios, chegar a alcalde nun lugar onde a súa (por exemplo) fronte concita identificación política menor: verbi gratia ese Fernández Lores que a miúdo me evoca os senadores demócratas por Montana. E difícil se volve radicar a identificación popular nun logotipo.

Xaora, usualmente o devandito serve para posible reflexión teórica ou capítulo menor de gramáticas pardas. Ora ben, como xurdiu entre nós a non menos inusual ca típica ocasión excepcional, velaquí o terceiro chanzo: que será o que convén no caso de escisión partidaria? Xa que estas non alteran o curso político nin interrompen lexislaturas, atopámonos de súpeto con cargos públicos inicialmente adscritos a unha sigla que deixa de ser propia; en tales situacións, o administrador da marca adoita reclamar a totalidade do patrimonio e bens, alegando un fundamento que vou denominar -por unha vez- xustiza restitutiva.

Non aceptar un reparto supón, ou parece, adxudicarlle á sigla a titularidade moral de todos os cargos; en lóxica representativa, paréceme excesivo, inadecuado. Se a ideoloxía e propósitos da parte escindida non entran en contradición co programa electoral que asumira; se os seus actos e procedementos non apuntan a confluencia cun partido xa existente; nomeadamente, se a separación obedece a lectura ou interpretación da que foi filosofía política basicamente compartida... diría eu, daquela, que ambos sectores parecen ter dereito a parte do capital institucional posuído no momento.

Admito que é revesgado facer as partillas: en proceso xeral e parlamentario, habería que estimar tamaño da escisión, número de representantes e relevancia da representación; hai quen engade estes días, aínda, a conveniencia de asumir compromisos económicos, principalmente se hai débedas. No ámbito municipal, a lóxica radica máis na localidade, a lista e mailo seu impacto. Velis nolis, cumpriría un esforzo de avinza non baseado exclusivamente no cui prodest?

Non sería para mal, entendo, se o proceso que vostedes saben enveredase por tal camiño. Aínda que agora esteamos en guerra e a reflexión seica leve, de momento, a sitio diferente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.