Admitamos varias cousas. A república non é unha panacea, nin o bálsamo de Feirabrás, nin a romaría do Corpiño. A república non é un fin en si mesmo. A república é unha forma de goberno non hereditaria. Hai repúblicas e hai repúblicas, de distinto xeito a que hai monarquías e hai monarquías, pero resultan moitas veces inapreciablemente equipolentes. Hai repúblicas infames e hai repúblicas daquela maneira. A república non é un totem, nin un mito. Hai tantas repúblicas coma cidadáns desexantes dela. A república de X non é ningún argumento para a república de Y. Cada república ten a súa marca e a súa historia.
A república non é unha panacea, nin o bálsamo de Feirabrás, nin a romaría do Corpiño. A república non é un fin en si mesmo. A república é unha forma de goberno non hereditaria
Admitamos, pois, estas cousas e outras máis que prolongarían en exceso esta pequena reflexión, como a de remontarmos a Aristóteles, Platón e mais Cicerón para atopar os raigames desta palabra proteica que tanto vale para unha cousa como para a súa contraria. No caso hispánico engádense matices sentimentais, emocionais, derivados da cercanía tráxica do derradeiro intento de institución republicana. As lembranzas daquel tempo proxectan sobre o presente demasiadas imaxes, imaxinarios e imaxinacións que entorpecen ou condicionan a idea mesma de república. A presencia do rei, herdeiro do ditador (republicano) Franco que conspirou contra ese réxime, non contribúe a pensar neste termo coa debida distancia e razón. A actuación do monarca, á marxe da súa lexitimidade, discutida e inequívoca segundo o cristal con que se mire, tamén impide reflexionar con tranquilidade sobre a posible consideración da república como réxime aplicable ao estado no que vivimos.
As lembranzas daquel tempo proxectan sobre o presente demasiadas imaxes, imaxinarios e imaxinacións que entorpecen ou condicionan a idea mesma de república
Son demasiadas as cousas das que un debe prescindir nunha revisión deste termo para a súa reivindicación actual. Os ánimos sempre se alteran de forma moi particular neste país de fortes ecos guerracivilistas. Non faltan estes días os que dun lado e doutro amosan a súa simpatía e o seu rexeitamento polo que foi un período da historia ben especial, xa que derivou en sangue e crimes. A posible instauración da república ten que contar necesariamente con este continxente de recordos e tentar de disipalos ou acurrunchalos para considerar unha proposta civil de envergadura, aceptable para unha maioría.
A república para moitos ou para case todos cífrase (como nunha sinécdoque da parte polo todo) na forma de goberno. Monarca ou presidente, hereditario ou decidido por sufraxio. Esta pequena diferencia (que nalgún caso mesmo podería desaparecer se a soberanía decidise prescindir do presidente do país como emblema, símbolo ou concepto sublimador das esencias patrias), sen dúbida, condiciona outras moitas conexións constitucionais, pero non é nin sequera o principal propósito dos reivindicadores dun réxime republicano. A estrutura do vello réxime, refrendada na constitución de 1978, depende en gran medida desa pedra angular monárquica, de maneira que unha decisión sobre a forma de goberno debe levar non só a substitución desa xefatura senón a restruturación de boa parte do organismo político do réxime.
Parece máis interesante a apertura dun proceso constituínte, onde os distintos partidos formulen coa claridade que estimen máis oportuna a súa predilección por ese modo de goberno
Neste punto, parece máis interesante a apertura dun proceso constituínte, onde os distintos partidos formulen coa claridade que estimen máis oportuna a súa predilección por ese modo de goberno, que un debate necesariamente torticeiro sobre a fórmula empregada para a representación simbólica (ou non) da chamada soberanía popular. O republicanismo debe atender precisamente a preservar os valores da soberanía popular, sempre coa máxima da eliminación da monarquía como modo de goberno, ao considerar que vulnera o principio democrático que rexe para todo o demais. Pero prescindir da figura do rei non é o principal: é a consecuencia lóxica de aplicar un criterio obxectivo de retirar dese proxecto constitucional aquilo que sobarde o pensamento democrático de elección e de respecto á vontade dos cidadáns. A república exclúe o rei, non por unha animadversión caprichosa á monarquía, senón por propia concatenación do pensamento democrático. O republicanismo, pois, mira máis á defensa dunha constitución escrupulosa co poder dos cidadáns, nun réxime de liberdades e de igualdade supremas, que ao derrube da monarquía. Este, obviamente, vai de seu.