Alfa
Non descubriremos o Mediterráneo en pleno Atlántico se dicimos que vivimos arrodeados de sorrisos do máis diverso signo. Sorrisos cínicos e forzados, sorrisos triunfalistas no baleiro implacábel das maiorías totalitarias, sorrisos máis subversivos propulsados por unha amargura neorrealista.
Recoñezo que na linguaxe da neofalsificación permanente baixo a que vivimos asoballados preservo aínda un sintagma de simpatía cara un discurso imaxinario que me gustaría escoitar ou ler a xeito de gargallada liberadora. Se as Giocondas “francesas” e españolas empregaron o sorriso como mecanismo de defensa que non levarán facendo dende hai séculos as Mona Lisas galegas de a pé dende un anonimato por veces negacionista?
Así que cando ese desvío interno abrolla solermiño miro de ceibalo e recrearme nel por ver se se trata dun sorriso rebulideiro ao estilo do profeta Daniel ou é máis ben un sorriso de resiliencia nunha liña Lois Pereiro.
Ao cabo só creo estar aplicando unha das máximas de cabeceira de Christine Lagarde no xa famoso Never imitate the boys!
Estou convencida de que será un sorriso descrido e non outro o que nunha situación de absurdo neoliberalista coma o que padecemos proxecte o seu espectro sobre algún líder económico, alguén que nos anuncie a arribada dun verdadeiro novo cónclave para o discurso común en pleno país das mil peaxes, AKA país dos mil ríos na era A.NC. (Antes da Neonada Capitalista). Reaparecerá entón o sorriso metamorfoseado de San Steve Jobs esbozando o mantra Think Different tentando reconducir ás amigas Merkel e Lagarde polo bo camiño, lembrándolles en baixiño algo así como: “nenas, cando os mercados eran aínda mercados de peixe e non un niño de preas especulativas, nin patelas nin bolsos de marca se pousaban no chan porque era sinal de conivencia co desbaldimento da mercancía”.
A miña lideresa - ben torto ten que andar todo para que nun momento de velocidade retrógrada as mulleres sexamos maioría no parlamento galego – anunciará como voceira comarcal do FMI en provincias a nova taxa a aplicar a quen ouse escindir o U, belas enrugas e Miami Vice á marxe, do PG.
Pero seguro que as medidas de choque serán aprobadas en tempo de vacacións, durante o entrañábel natalicio ou durante o período estival e escribiranse nesa letra pequena que non adoitamos ler nas ocasións contractuais: todo un catálogo de situacións nas que se cobrarán xuros a quen pretenda modificar o imaxinario colectivo descargando palabras de orixe grega dun modo gratuíto, dun xeito pirata.
Imaxinan como se modificaría o discurso diario dos grandes persoeiros da escena teatral mundial? Por fin a repetición incesante da palabra crise traería réditos; soaría o bling bling cando lles dese por levarnos ao clímax dunha nova traxedia, dunha catástrofe bursátil ou cando os enfeitizados polo conto de fadas do self-made man corresen a facer unha rinoplastia Inditex. Que mellor recurso para facer pagar os pratos rotos a todo Cristo, dende un monxe até un bispo, dende camaleóns financeiros a oncólogos tecnócratas que pórmos en valor as palabras de orixe grega en beneficio da verdadeira política democrática? Por fin unha boa nova para nos acordar desta catalepsia, un faro terapéutico sintomático da recuperación, toda unha catarse dende Fisterra até Maratón pasando polos casinos de Mónaco e arredores.
Eureka!!!
Compañeiros, compañeiras; camaradas: porque se cadra os tempos son chegados cousas cousiñas veremos antes de dicir “Troikados e afundidos”.
Omega