De tanto chamar acabou por chegar Vox. E a esquerda que?

Os resultados de Andalucía dan moito que falar e analizar, tanto polo apoio electoral de cada candidatura presentada, a potente presenza institucional de Vox e a perda do goberno por parte do PSOE como pola reacción dos partidos a estes resultados.

O PP, Feijóo mesmo, non ten reparos en pactar coa etiquetada extrema dereita se iso lles facilita o acceso ao poder, esquecido xa o seu discurso de que debe gobernar a lista máis votada. A explicación do PP e de Ciudadanos da irrupción electoral do fascismo é o proceso de independencia de Cataluña, a mera existencia de Podemos, etiquetada como extrema esquerda bolivariana, e o apoio recibido (sen pacto) por Pedro Sánchez dos partidos independentistas.

O PSOE, o gran derrotado, continúa instalado na alianza do bloque constitucional e na defensa do réxime do 78, incapaz de diferenciarse da dereita. Todos, por suposto, encontran a explicación da semellanza coa presenza europea e intercontinental dos partidos reaccionarios ou con tendencias antidemocráticas como a de Trump ou Bolsonaro. Facémonos europeos, disque.

Como se define VOX?

Vox non se define como fascista senón como defensores da unidade de España e da liberdade e preséntase como rexeneración fronte á corrupción e aos partidos tradicionais. Foi capaz de recoller parte da ‘indignación’. Non se etiquetan como franquistas nin piden unha nova ditadura, defenden a liberdade das persoas a sentir admiración por Franco e non aceptan revisionismos da historia do réxime, a liberdade de capital, de idioma, o trato igual do home fronte á muller na violencia de xénero, a seguridade fronte ao acoso migratorio,...

Vox non é casual, chegou para quedar. O seu discurso da unidade de España, das autonomías como problema, do ‘despilfarro’ das televisións autonómicas, da migración, do golpismo en Cataluña ou da rebelión independentista é o discurso de Ciudadanos e agora tamén do PP de Casado e Feijoo. Un relato branqueado por grupos mediáticos moi importantes, aquí La Voz de Galicia, pero no Estado está PRISA con El País e a SER, cos seus líderes de audiencia mañá, tarde e noite lexitimando esta argumentación.  Se os medios progresistas xustifican as agresións contra quen pedía poder decidir ou votar en Cataluña, amparados na defensa da ‘constitución’, por que non darlle o voto ao máis puro defensor desta liña política, VOX?.

Que fai a esquerda?

O PSOE, sen novidade. Está atrapado no relato da confrontación contra Cataluña,  agarrado á bandeira española e á monarquía, sen darse conta de que estas xa teñen propietarios. É cómplice da reforma constitucional que nos obriga a pagar antes a débeda que as necesidades das persoas, e por outra parte, sen forza parlamentaria para poñer en marcha iniciativas de esquerda que xustifiquen a súa existencia, como poden ser medidas sociais ou eliminar lexislacións vergoñentas como a lei mordaza ou leis empobrecedoras como a reforma laboral. Está perdido nas lagoas da dereita.

Podemos está noqueado, sen creto para ser a voz da indignación, co poder interno centralizado, depurados os círculos de participación e autoorganización e cun discurso morno sobre a capacidade de decidir (en Cataluña). Aseméllase progresivamente a un partido tradicional máis, do sistema, cunha mensaxe de esquerdas no social, pero coa frescura perdida. Parece unha Izquierda Unida-2 polo que non sorprende que a suma dos dous en Andalucía non mellorase o resultado previo. Teresa Rodríguez, líder do Podemos andaluz, chama á reflexión pola baixada electoral; Monedero pide a dimisión da líder andaluza e centrarse en construír unha alternativa española, de patria, de país; Pablo Iglesias dá a alerta antifascista e chama ás barricadas.

A democracia liberal, a nosa, está en crise. A falta de lexitimidade das institucións e dos políticos en xeral, a mensaxe de “non nos representan”, produciu cambios e reaccións nos últimos anos tanto das organizacións partidarias como dos medios de comunicación e institucións financeiras.
A cidadanía, farta, preocupada, ás veces temerosa, informada ou mediatizada pola chamada postverdade, exprésase cun formato diferente. A resposta escapa do tradicional, xa non espera solucións da democracia liberal representativa, non hai ningunha institución do Estado que se vexa como garante da liberdade ou do progreso social. Dá igual onde se mire, nin partidos nin monarquía nin parlamentos nin xornais nin sindicatos nin Europa. Nada é suficientemente fiable.

Non vale o partido tradicional, sexa único ou como alianza de partidos. Esa non é pluralidade. Iso non suma. É necesario tecer unha rede, unha marea, extensa de persoas e grupos (que tamén poden estar en partidos) que se sintan libres e cómodos para poder aportar a súa visión, o que pensa e sabe facer cada un, que enriquezan e constrúan un proxecto transversal, democrático, de igualdade, unha alternativa fronte ao poder e que sexan capaces de respectarse e encontrar un mínimo común múltiplo de obxectivos políticos. Só deste modo se derrota á dereita e ao fascismo.

O espazo político galego da alternativa, da busca dese mínimo común é o da marea. Neste momento estanse decidindo as candidaturas municipais para as próximas eleccións. Poden estar formadas por mareantes ou coas persoas que decidan os partidos inseridas nas mesmas, como se pode ver no pulso madrileño. Está en xogo a dirección de En Marea confrontando unha candidatura de coalición de partidos, construída mediante cotas dos mesmos e con predominio da marca estatal de Podemos, fronte a outra de persoas que suman o seu valor particular, a súa participación en movementos sociais ou nas mareas municipais, que desexan construír un proxecto galego plural e de adscrición individual, sen cotas nin tutelas.

Andalucía dá pistas do camiño do  fracaso, o das coalicións de partidos sen máis, con candidaturas decididas polas cúpulas das organizacións e nas que se marxinan ou non implican ás xentes (de fóra dos partidos) que se moven acotío fronte á opresión.

Necesitamos unha marea de individuos e grupos diversa, plural e altruísta para gañar á dereita e ao fascismo. Aí está o futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.