Decadencia

Debo ser optimista, xa por natureza, xa por necesidade, porque acostumo ver a botella medio chea. Porén, estame custando.

Hai só 38 anos, as nenas e mozas deben asistir obrigatoriamente aos centros de ensino, co cal pasan a ter e mesma formación que os mozos da súa idade

Vivo, e me consta que non son a única, o momento máis decadente da miña historia, tendo en conta que aturei toda a ditadura fascista que non foi precisamente un camiño de rosas. Mesmo así, a esperanza era un asideiro, e a loita tiña un obxectivo, que mal que ben, deu como resultado unha transición que non supuxo recuperar a República, como fora o goberno anterior, afogada por un golpe de estado, senón unha Monarquía, sistema máis propio do absolutismo que dunha democracia. Sexa como for, aprobouse unha Constitución progresista en moitos aspectos. Mal que nos pese, máis adiantada que o pensamento reaccionario dunha boa parte da cidadanía. Cito un gran logro: Por primeira vez na historia de España, hai só 38 anos, as nenas e mozas deben asistir obrigatoriamente aos centros de ensino, co cal pasan a ter e mesma formación que os mozos da súa idade. Desde a imposición desa lei xa son maioría as mulleres nas diversas materias da Universidade. Un 70%. Porén, non se ven os froitos desta supremacía cultural na valoración das mulleres. A misoxinia imponse á realidade. Isto merece unha explicación que ninguén se molesta en facer.

Se ben son elas as que compran libros (acto xa insólito), van ao cine, asisten a conferencias, presentacións de libros, recitais de poesía e outros actos culturais, ou queiman as pestanas nos laboratorios científicos, nada disto importa

Se ben son elas as que compran libros (acto xa insólito), van ao cine, asisten a conferencias, presentacións de libros, recitais de poesía e outros actos culturais, ou queiman as pestanas nos laboratorios científicos, nada disto importa. A “cultura” esmorece nun ambiente ruinoso, a ignorancia e a grosería imperan, até chegar á presidencia do país máis destacado do mundo, a arte contemporánea non é máis que un parasito indolente das vangardas, e, paralelamente á perda económica nunha gran crise capitalista, levamos camiño de perder integramente o noso herdo cultural. A historia do pensamento e da arte oscila como o fai a orografía terrestre formando simas aparentemente insuperables. Quevedo, con gran estatura literaria, mostra o seu desalento ante a España do século XVII, entusiasmada polo espectáculo, como a actual, coa Igrexa e a Política corrupta. Non é estraño que haxa quen chama Contrarreforma á Posmodernidade.

Coma sempre, no declive, son as persoas máis débiles, pobres e desprezadas da sociedade as que devalan. As mulleres, no último chanzo social, vense obrigadas a abaixarse até niveis que xa críamos superados. O feminismo atravesa un mal momento e o poder masculino medra. A moda é un paradigma visible: as saias, as melenas, as formas, os tacóns, todo consegue diferenciar o máximo as mulleres dos homes. O trato que se nos dá é cada vez peor. Nótase no día a día. Non pedimos que nos deixen os asentos, ou a dereita, pero nola disputan se queremos seguir o noso camiño, tan afeitos están a que as mulleres llela cedan. A acritude e palabras desagradables aparecen con facilidade, e cando son cariñosos perdoan a vida cun “mulleriña”. Os anuncios obscenos invaden os medios. “Entrada, copa e cen euros, ofrecen nunha discoteca, para cada muller que entre sen braga”.

Unha foto, sen parangón, mostra, nunha dependencia da Casa Branca, a Trump en plena recepción a unha extensa comisión negra, mentres a funcionaria, melena loura como todo o seu séquito, está subida, aparentemente descalza, nun sofá, desentendida do que a rodea, cunha aptitude pouco digna e sen dúbida inadecuada para asistir ao acto. Non me atrevo a dicir que como eran negros non merecían respecto, porque mesmo sendo importantes para o presidente, non lle preocuparía que a dama adoptase ese comportamento propio de muller frívola, e parva, “que mellor é”. Quen quere unha bachillera? ironizaba Rosalía de Castro. Desde logo este personaxe desequilibrado, non a quere.

Dada a pouca valoración das mulleres, é normal que padezan todo tipo de violencias. Das denuncias de agresións da clientela nas consultas, de profesionais de sanidade, 14 denuncias ao mes, o 80% son de médicas e enfermeiras. Sen saírmos do xornal do día 4 deste mes, lemos: violación dunha menor de 17 anos, previamente drogada;  agresión e violación dunha señora de 72 anos, discapacitada, ingresada no hospital de Vigo;  condena dun home de 75 anos por abusos a unha nena de 7 anos; dúas mulleres asasinadas, que, malheuresement, xa non son noticia.

Mesmo persoas que non aceptan esa propaganda bioloxicista, dubidan que unha señora a quen se lle botan dous tíos enriba, reducíndoa pola forza, deixándoa malferida, fose violada se tiña posto un tampax

Non é este holocausto o que se denuncia nun autobús dunha asociación católica que circulou por Madrid, anunciando que un home é un home desde que nace, e unha muller é unha muller, dogma demostrado porque un pene é un pene e unha vulva, un oco para gorecer o pene. O demais son bobadas, sexualidades perversas.

Pero mesmo persoas que non aceptan esa propaganda bioloxicista, dubidan que unha señora a quen se lle botan dous tíos enriba, reducíndoa pola forza, deixándoa malferida, fose violada se tiña posto un tampax. O concepto normalizado de muller é de obxecta sexual. Case ninguén pensa que teñan condición de persoa, con independencia e liberdade, e poidan decidir por si mesmas. Porque neste caso, violar é violentar, é actuar contra o dereito da persoa sobre si mesma. Olladas, palabras, toques, todo o que se faga en contra da vontade das mulleres é punible, por moito que aos homes lles pareza o máis natural do mundo.

No nivel político, a maioría non escapa desa mediocridade e pretenden demostrar o seu progresismo “asustando os burgueses”, ulos?, coa transgresión como procedemento, exhibindo xestos e ideas atrasadas

Pero non teñan coidado. A maioría delas aínda son da mesma opinión e, mesmo rapazas novas, confunden interese persoal con coerción, ou cariño con control. Isto é o peor. A decadencia cultural e a asimilación machista tamén alcanza as mulleres. E velaí van, de seguidoras e adoratrices, coa melena dividíndolle a cabeza.

O nivel político, a maioría non escapa desa mediocridade e pretenden demostrar o seu progresismo “asustando os burgueses”, ulos?, coa transgresión como procedemento, exhibindo xestos e ideas atrasadas, por moi nobres pretensión que tivesen no pasado, cando xa son historia mesmo para os bebés que xa manexan smartphones. Falan de pobres e ricos, acoden á caridade cristiá, que non é xustiza, repiten, iso si, co mesmo descaro que se presentan nun escenario, uns argumentos inservibles con aires de profetas. Non hai proxectos nin principios interesantes. 

Os medios de comunicación, as editoriais, os xornais, optan polo mediocre, polo que venden,  polo que chaman novo, unha ruptura coa historia, a liquidación da tradición cultural

Négome a pensar que non as haxa. Pero os medios de comunicación, as editoriais, os xornais, optan polo mediocre, polo que venden,  polo que chaman novo, unha ruptura coa historia, a liquidación da tradición cultural. Pero non existe o novo absoluto. O novo sempre está en relación co existente. Non pode eludir a moral nin a conciencia, que segundo unha amiga de meu, é verde e comeuna un burro. Ao “espírito crítico” defecouno.

O multiculturalismo quere nivelar pola base. Todo o mundo serve para todo.  Se teñen inquietudes para algunha actividade cultural, artística, queren facer cousas

Non me fagan pensar! é o lema. Se teño que ler, que sexa algo agradable, non estou para esforzarme. O cine, se é unha película divertida, que para sufrir xa chega a vida. Un documental interesante na Tele, quero estomballarme no sofá e que me entreteñan. Onde, digo eu, van encontrar ideas interesantes? E, sobre todo, para que as queren? O multiculturalismo quere nivelar pola base. Todo o mundo serve para todo.  Se teñen inquietudes para algunha actividade cultural, artística, queren facer cousas.

Nesta decadencia, a mistificación do novo é un argumento que serve para todo. Non queren vestir como no pasado. Mais confabúlanse para non ver e recoñecer que van espidos. Como o rei do conto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.