Decentralize

Dominio Público

“decentralize” -- Kanye West, 25-04-2018

Este simple chío en Twitter, dun dos pensadores máis importantes do momento, deu lugar a ríos de tinta electrónica no seu día. Que querería dicir Kanye? Estaría falando sobre Bitcoin, sobre política americana, sobre a industria da música? Talvez nunca o saibamos.

A día de hoxe existen multitude de repositorios de código, librarías, proxectos, aplicacións, distribucións de Linux… que resolven unha inmensa cantidade de problemas e crean outros novos

Ao traballar nunha industria tan complexa como a do desenvolvemento de software, escoito todos os días moitas queixas sobre os problemas do sector. Unha das máis habituais refírese á tendencia a existir múltiples solucións para un mesmo problema, moitas veces competindo entre si e ¨aportando escaso valor sobre a competencia¨ (sic).

A día de hoxe existen multitude de repositorios de código, librarías, proxectos, aplicacións, distribucións de Linux… que resolven unha inmensa cantidade de problemas e crean outros novos. Moito dese traballo é duplicado e redundante, o que representa millóns de horas de traballo, aparentemente, desperdiciadas. Non só iso, se non que engade traballo para os que empregan esas solucións teñan que discutir e escoller cal é a máis axeitada, todo iso nun entorno de constante cambio e evolución tecnolóxica. E de aí veñen a maioría das queixas: se toda a xente que traballa para resolver un problema se unise toda e traballara xunta e coordinada para resolvelo, todo sería máis doado e o mundo sería marabilloso…

As carencias duns son complementadas polas virtudes doutros. E todo no seu conxunto forma un ecosistema que lle permite ao sector ter esa vitalidade que fai que “o software estea devorando o mundo”

Só que a realidade é outra, por suposto. No mundo real, os problemas poden ser resoltos de maneiras moi diferentes e con aproximacións moi diversas. Habitualmente non existe a solución perfecta, e en moitos casos a que é considerada a mellor nun momento é reemprazada por outra nova ou algunha que fora desbotada anteriormente. No mundo dos proxectos, pode haber mil motivos polos que un non saia adiante, ou siga un camiño que interese só aos seus creadores, ou a unha parte da comunidade de usuarios, e disguste a outra. Ou que se enoxen uns con outros por temas personais. Despois de todo, os que crean as tecnoloxías que permiten que esteas lendo este artigo, son seres humanos tamén.

O mundo do software é altamente descentralizado: millóns de desenvolvedores en diferentes partes do mundo traballan cada día en proxectos que se solapan total ou parcialmente. Aínda así, non é un traballo cego xa que o coñecemento é compartido grazas á web e á filosofía do código aberto. As carencias duns son complementadas polas virtudes doutros. E todo no seu conxunto forma un ecosistema que lle permite ao sector ter esa vitalidade que fai que “o software estea devorando o mundo”.

É por iso, por exemplo, que ter ducias de distribucións diferentes de Linux fai que sexa o sistema operativo líder a nivel de empresa, ou que cando unha corporación compra unha base de datos co fin de alterar o mercado, surxan inmediatamente outras que propoñan alternativas que suplan e incluso melloren o produto orixinal.

A redundancia e a ineficiencia puntual son un prezo barato a pagar pola saúde do sistema no seu conxunto

A redundancia e a ineficiencia puntual son un prezo barato a pagar pola saúde do sistema no seu conxunto. A alternativa pasaría por un sistema de desenvolvemento feito de arriba a abaixo, no que uns poucos tomasen decisións e o resto sufrise as consecuencias, o que nos condenaría ao estancamento e ralentizaría o tremendo progreso feito na área da informática nas últimas décadas. Por fortuna, con excepcións non foi así ata agora e non parece que vaia cambiar en breve.

E xa que estamos, non estaría de máis exportar este modelo de éxito a outros sectores. Quen sabe, ao mellor Kanye sabía ben o que quería dicir cando chiaba...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.