Decidirmos o futuro constitucional

As pasadas eleccións europeas, a reivindicación catalá do dereito a decidir (que semella podería continuar Euskadi) e máis a abdicación do Xefe do Estado amosan graves fendas nos tres alicerces do sistema institucional en crise: a Coroa, o bipartidismo dinástico e máis un determinado concepto da unidade de España que non recoñece a súa plurinacionalidade. Se a iso lle engadimos a desafección cidadá xerada pola corrupción enxergaremos a fondísima crise institucional que estamos a vivir.

As pasadas eleccións europeas, a reivindicación catalá do dereito a decidir (que semella podería continuar Euskadi) e máis a abdicación do Xefe do Estado amosan graves fendas nos tres alicerces do sistema institucional en crise

Neste contexto, semella obrigado un proceso de mutación constitucional ou, polo menos, de fonda reforma da Carta Magna, para sentar os alicerces dunha anovada convivencia política e social. E, para estes efectos, a cuestión non é República española vs Monarquía ou República española vs. República galega, senón o dereito a decidir da cidadanía. Lembremos que só os maiores de 54 anos foron quen a votar unha Constitución na que a Coroa e a indisolúbel unidade da nación española foron o prezo para transacionar o recoñecemento das liberdades, o pluripartidismo e unha limitada descentralización política.

A cuestión non é República española vs Monarquía ou República española vs. República galega, senón o dereito a decidir da cidadanía

Velaí que a cidadanía teña que decidir non só sobre a cuestión da forma de Estado (monarquía vs república), senón sobre os demais alicerces desta revisión ou remuda constituínte: a modernización das nosas institucións políticas e administrativas, a blindaxe do Estado do Benestar, a profundización do noso réxime de liberdades e a autonomía real do Poder Xudicial. E, concretamente, a cidadanía galega haxa decidir tamén sobre a ampliación do  autogoberno, o grao de relación de Galicia co resto das nacións españolas e máis o seu encaixe, federal ou confederal, no Estado, preservando sempre o dereito a decidir da cidadanía galega.

Esta reforma constitucional  aprobaríase nun referendo, mais cumpriría artellar outras consultas previas para definir a vontade da cidadanía sobre estas grandes decisións constitucionais

Canto ás solucións xurídicas concretas, certo é que esta reforma constitucional  aprobaríase nun referendo, mais cumpriría artellar outras consultas previas para definir a vontade da cidadanía sobre estas grandes decisións constitucionais. Algunhas serían privativas de cada nacionalidade histórica e outras do conxunto da cidadanía do Estado.
   
A peor das solucións, de certo, sería teimar no inmobilismo amosado até de agora polo PP e PSOE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.