Se falamos de defender a sanidade pública con seriedade, hai unha medida de base que non pode seguir fóra do debate: derrogar a Lei 15/1997, que abriu a porta á xestión privada de hospitais públicos
Se falamos de defender a sanidade pública con seriedade, hai unha medida de base que non pode seguir fóra do debate: derrogar a Lei 15/1997, que abriu a porta á xestión privada de hospitais públicos. Aquel marco legal foi o inicio dunha privatización silenciosa que hoxe erosiona a sanidade e entrega beneficios a costa do interese común. Se queremos un sistema público forte, hai que pechar esa porta canto antes.
E, ao tempo, nos últimos días volvemos ver unha tensión que leva tempo medrando: médicas e médicos mobilízanse por un Estatuto Marco propio, separado do resto do persoal sanitario, e cargan contra a ministra Mónica García. Defender condicións dignas é lexítimo. Pero cando unha categoría busca apartarse do resto aparece unha pregunta incómoda: é só unha reivindicación laboral, ou tamén un síntoma do elitismo que percorre a nosa profesión? Porque no fondo —xunto á identidade profesional— sempre está o corporativismo gremial : melloras que se buscan para uns, aínda que iso fracture alianzas históricas con enfermaría, administración ou técnicos. E iso é perigoso para a defensa do público.
Médicas e médicos mobilízanse por un Estatuto Marco propio, separado do resto do persoal sanitario. cando unha categoría busca apartarse do resto aparece unha pregunta incómoda: é só unha reivindicación laboral, ou tamén un síntoma do elitismo que percorre a nosa profesión?
Convén lembrar algo: foron as comunidades autónomas —a maioria do PP — as que recortaron investimento, precarizaron e externalizaron servizos. Non o Ministerio. E con todos os defectos que poida ter Mónica García, por primeira vez en moito tempo percíbese un intento serio de recuperar o Ministerio de Sanidade que o PP deixou sen competencias, entregando a sanidade a lóxica do negocio do privado. Nun momento de crise, o camiño non é levantar muros entre categorías, senón reforzar a unidade. Reivindicar o noso non está mal; facelo mirando por enriba do ombreiro, si.
-Dito isto, hai cuestións máis fondas —e menos cómodas— das que apenas se fala e que condicionan seriamente a sustentabilidade do sistema. Unha delas é o carácter crecente elitista da carreira de Medicina. O acceso é cada vez máis socialmente restrinxido, non só polo nivel académico esixido, senón polos recursos económicos, culturais e familiares necesarios para chegar ata aí. Hoxe, a maioría do estudantado de Medicina vén de clases acomodadas; apenas entre un 5 % -10% procede de familias traballadoras. Non é só un dato: é unha fenda de sensibilidade. Isto non converte automaticamente aos médicos en persoas peores nin menos comprometidas, pero si ten consecuencias: cando unha profesión perde diversidade social, corre o risco de afastarse das vivencias reais da maioría, e tamén da experiencia da enfermidade como vulnerabilidade, medo e dependencia.
A empatía non se aprende unicamente con guías clínicas nin protocolos. Fórmase tamén na biografía, no contacto co límite, na conciencia da fraxilidade propia e allea. E iso pode erosionarse nunha Medicina cada vez máis tecnificada, máis xerarquizada e máis distante.
Foron as comunidades autónomas —a maioria do PP — as que recortaron investimento, precarizaron e externalizaron servizos. Non o Ministerio. Por primeira vez en moito tempo percíbese un intento serio de recuperar o Ministerio de Sanidade que o PP deixou sen competencias, entregando a sanidade a lóxica do negocio do privado
-A isto súmase unha sociedade profundamente ultramedicalizada. Delegamos no sistema sanitario responsabilidades que tamén son individuais e colectivas: o autocuidado, a xestión do malestar leve, a aceptación de que non todo síntoma require unha resposta médica inmediata. Urxencias saturadas por catarros, mocos ou molestias banais non son unha anécdota: son o síntoma dun modelo cultural no que o dereito se transforma en esixencia permanente.
España é, ademais, un dos poucos países do noso entorno sen ningún tipo de mecanismo de moderación. Non falo de introducir barreiras económicas (copagos) que expulsen aos máis vulnerables, senón de instrumentos que fomenten a corresponsabilidade. Cando un ben común é percibido como infinito, acaba por ser consumido sen límite.
- Outro debate ausente é o do turismo sanitario. Máis de cen millóns de visitantes ao ano fan uso da sanidade pública a través da tarxeta sanitaria europea, ou directamente sen ela. Mentres tanto, calquera cidadán español que viaxa fóra adoita contratar un seguro privado. Esta asimetría non é razoable nin sostible. O turista debería pagar a atención no momento ou acudir á sanidade privada, sen prexuízo das urxencias vitais, como sucede noutros países.
Defender a sanidade pública segue sendo, para min, irrenunciable. Pero defender o público non significa idealizalo nin negar os seus límites. Necesitamos falar de corresponsabilidade social, de límites razoables, de empatía profesional e tamén de deberes cidadáns. Facelo non é atacar o sistema: é intentar salvalo
As consecuencias desta suma de factores vense con especial claridade en Atención Primaria, á que con frecuencia se segue tratando como unha medicina de segunda categoría, cando está composta por especialistas. Nos últimos dous anos, as consultas en Medicina de Familia incrementáronse arredor dun 10 %. Isto tradúcese en miles de consultas adicionais cada día, cupos saturados, menos tempo por paciente, máis días de baixa e baixas máis longas. Este aumento ten dúas causas principais: hiperdemanda social (todo se “medicaliza”) e unha Primaria tan saturada que non pode educar sanitariamente ,nin poñer límites, mentres a Administración non se atreve a dicilos.
-Defender a sanidade pública segue sendo, para min, irrenunciable. Pero defender o público non significa idealizalo nin negar os seus límites. As sociedades tamén poden comportarse de maneira egoísta. Se queremos unha sanidade pública forte, universal e de calidade, necesitamos algo máis ca consignas. Necesitamos falar de corresponsabilidade social, de límites razoables, de empatía profesional e tamén de deberes cidadáns. Facelo non é atacar o sistema: é intentar salvalo.