Defendermos a liberdade

A democracia alicérzase principalmente no principio de legalidade, na inclusión e cohesión social e nun réxime de liberdades plenamente garantidas. A democracia baséase no goberno da maioría, mais garantindo o respecto e integración no xogo político e social das minorías. A democracia esixe dun réxime xudicial garantista, onde ninguén é culpábel até non ser condenado en sentenza firme por un tribunal independente e no goce do seu pleno dereito de defensa.

Máis perigoso é o avance do autoritarismo no seo das democracias. Velaí o caso de Rusia ou dos USA

A causa da liberdade no mundo non vai ben. E non só pola existencia das ominosas ditaduras norcoreana, siria ou birmana, polo totalitarismo teocrático de distinta caste que protagonizan Irán e Arabia Saudí ou polo imparábel crecemento económico de China, primeira potencia mundial dende parámetros políticos autoritarios e represivos.

Porque máis perigoso é o avance do autoritarismo no seo das democracias. Velaí o caso de Rusia, onde Putin liquidou na práctica o xogo parlamentario, a autonomía local e o autogoberno das nacionalidades e rexións que conviven na Unión Rusa e limitou substancialmente as liberdades de opción sexual e de conciencia. Ou dos USA, onde o 11-S xerou unha vaga obsesiva que permite manter detidas centos de persoas sen acusación formal en Guantánamo, outorgar competencia en casos de seguridade do Estado a Tribunais de excepción non independentes ou vulnerar o dereito á intimidade de millóns de persoas por mor de supostas necesidades da seguranza pública que tenden ver inimigos onde só hai discrepantes.

En Galicia asistimos a prácticas policiais abeiradas nunha concepción autoritaria da orde pública, que permiten o illamento dos políticos a 4 quilómetros dos manifestantes

Na Unión Europea consolidouse un goberno burocrático, que non resposta perante a cidadanía. E, no Estado español, unha democracia de baixa calidade na que non existe a transparencia e os Tribunais Supremo, Constitucional e de Contas e o Consello do Poder Xudicial ficaron controlados polo bipartidismo dinástico PP-PSOE. Amais da obsesión por converter o Dereito Penal nun instrumento táctico-político, vulnerando coa doutrina Parot o principio de irretroactividade que rexe este Dereito.

E en Galicia asistimos a prácticas policiais abeiradas nunha concepción autoritaria da orde pública, que permiten o illamento dos políticos a 4 quilómetros dos manifestantes, as sancións administrativas abusivas a preferentistas ou opositores aos despexos ou a incautación, sen razón legal ningunha, de bandeiras estreleiras nos actos deportivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.