Deficits públicos e mentiras

No Consello Europeo de decembro do 2011 a maioría dos estados europeos, por iniciativa de Alemaña e baixo o liderado da troica, aceptaron a inclusión nas respectivas Constitucións nacionais da chamada “regra de ouro”. Un acordo que supuxo que os orzamentos das administracións públicas “estarán equilibrados ou con superávit para o que deben limitar o déficit público a un máximo do 0,5% do PIB”. Un acordo que se integraría nos ordenamentos xurídicos dos estados, ben nas respectivas constitucións ben en normas de nivel equivalente. Un acordo que tería a súa plasmación normativa na sinatura, o 2 de marzo do 2012 por parte de tódolos países da Unión Europea, agás Gran Bretaña e Chequia, do chamado Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobernanza (TECG) polo cal os países asinantes comprometéronse a aplicar o acordado no consello europeo de decembro do 2011 (B.O.E. 02.02.2013).

O goberno Zapatero, querendo ser o primeiro da clase, xa tiña feitos os deberes con anterioridade e no que se chamou unha reforma “expreso” da constitución aprobaría, contando co apoio do PP, a reforma do artigo 135 da Constitución Española que agora recolle que:“1º Tódalas Administracións Públicas axeitarán as súas actuacións ao principio de estabilidade orzamentaria, 2º. O Estado e as Comunidades  Autónomas non poderá incorrer nun déficit estrutural que supere os marxees establecidos, no seu caso, pola Unión Europea para os seus estados membros”. O goberno Zapatero facía así historia propiciando unha nova cesión de soberanía, extremadamente relevante, de España a prol da troica. Unha nova proba de fe neoliberal ao poñer os intereses dos bancos por riba dos dereitos dos cidadáns.

O pasado goberno de Mariano Rajoy, co inefable Cristóbal Montoro de ministro de Facenda, traspasaría este compromiso fiscal fixado polo TECG ás comunidades autónomas e aos concellos. Así no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) de xuño do ano 2013 o goberno español aproveitando a maioría do seu partido (PP) nas presidencias das CCAA       –pero con os votos en contra de Canarias, Andalucía, Asturias e Cataluña e a abstención de Navarra e País Vasco- conseguiu que se aprobara que as CCAA terían que pechar o anos sucesivos con uns límites nos déficits e nas débedas que supoñen aplicarlles as mesmas mais do 75% do axuste global fixado para tódalas administracións. O dogma neoliberal de axuste fiscal quedaba así trasladado, por certo dun xeito absolutamente arbitrario e bastante chapuceiro, ás administracións autonómicas e locais. Compre subliñar o apoio entusiasta do goberno galego de torno (PP) a tal distribución do axuste.

Con este reparto do déficit público, que supuxo cargar a maior parte da redución do mesmo no debe das comunidades autónomas e os concellos, o goberno español anterior, mostraba claramente a súa intención de cargarse o xa débil estado de benestar. Como é ben sabido a maior parte do gasto público (73/75%) destinado as funcións de benestar (atención sanitaria, ensino, dependencia desemprego, vivenda, exclusión social, familia..) é competencia das comunidades autónomas e os concellos polo que calquera axuste fiscal relevante por parte destes afecta moi directamente a aquelas.

Pero a pesares dos durísimos axustes fiscais –avaliados en mais de 26.000 millóns de euros dos que 10.000 millóns foron so en sanidade e ensino públicos- levados adiante polo goberno de Mariano Rajoy aqueles obxectivos fiscais tiveron moitos problemas para cumprirse, por razóns obvias. O último e sonoro incumprimento foi o relativo ao ano 2015, exercicio para o cal o goberno español (PP) tiña asumido un compromiso de déficit do 4,2% do PIB. Un obxectivo longamente incumprido xa que o déficit conxunto das administracións públicas situouse no 5,16%. Un fracaso político que se repite un ano si e outro tamén: no ano 2013 España acadou un déficit do 6,6% do PIB  e no ano 2014 un 5,7%. Déficits (2013, 2014, 2015) que estiveron sempre entre os mais elevados da zona euro a pesar de non contabilizar as axudas a banca –rescates bancarios-.

Fracaso político rotundo non sómente por non ser quen de baixalo déficit público senón por que a xustificación dos axustes foi sempre a redución do déficit para así baixala “enorme débeda pública española” que –segundo o anterior goberno- impedía o crecemento económico e a creación de emprego. Pois ben, como xa dixemos (M. BARBEITOS: “Débedas públicas, débedas privadas. Unha enorme estafa”. PRAZA PÚBLICA) este obxectivo foi outro rotundo fracaso: si cando M. Rajoy chegou ao goberno a débeda pública española era de 0,74 billóns de euros –equivalentes ao 56% do PIB-, agora cando o deixa a débeda pública española está nos 1,095 billóns –equivalentes practicamente ao 101% do PIB-: duplicouse.

Fracaso tamén no que fai referencia ao crecemento económico pois en todos estes anos España –a pesares dalgúns repontes conxunturais- mantívose practicamente en recesión económica con graves e serias ameazas de volver a caer nunha grande depresión. Finalmente o emprego, a pesares das reformas laborais e os axustes salariais, España segue mantendo uns niveis elevadísimos: 20,90% que a sitúa no pelotón de cabeza entre os estados da Unión Europea segundo o volume de desemprego.

Este é o balance do austericidio: non só non se cumpriron os obxectivos estratéxicos fixados polo goberno do PP –déficit e débeda públicos- senón que a economía española non se recupera e o desemprego segue sendo elevadísimo. Compre, xa que logo, facer algunhas reflexións do por qué destes “fracasos”. Reflexións como as seguintes: 1º. Como nos mostra a historia do capitalismo non hai ningunha relación –nin directa nin indirecta- entre débeda pública e crecemento económico. Como diría alguén tan pouco heterodoxo como P. Samuelson “iso son homilías, non ciencia económica”. 2º. O obxectivo de redución da débeda por parte da maioría dos gobernos europeos responde realmente a dúas razóns: a. Por unha parte ao dominio na maioría das instancias europeas do dogma neoliberal que liga débeda con crecemento económico, b. Por outra a de reducir o gasto público a mínima expresión para así desmantelar o estado europeo de benestar que é un dos obxectivos longamente querido pola banca e o capital financeiro europeos (M. Draghi (BCE): “o modelo social europeo morreu”) que son quen, hoxe por hoxe, mandan na Unión Europea. 3. A redución da débeda pública española non é posible, a pesar dos axustes,  entre outras razóns: a. Polos enormes custos que supuxo o chamado rescate da banca española (160.000 millóns de euros). b. Polos elevadísimos xuros que España como moitos estados europeos –maiormente os periféricos- ten que pagar á banca privada pola compra dos seus bonos posto que o BCE non actúa como tal banca pública (M. BARBEITOS: “Débedas públicas, débedas privadas. Unha enorme estafa”. PRAZA PÚBLICA): nos derradeiros 10 anos España ten pagado so de xuros case 500.000 millóns de euros ao tempo que a débeda pública incrementábase sobre 800.000 millóns o que deixa en evidencia tanto que a maior parte do incremento da débeda procede dos xuros -62,5%- como que o déficit é debido fundamentalmente ao mesmo –os xuros da débeda-.

Recortase o gasto público nas funcións de benestar -que benefician as clases populares- para destinalo aos pagos da débeda –o que beneficia a grande banca española e europea-, utilizando o déficit público como pretexto: MENTIRAS.

E aínda hai quen nega a existencia da loita de clases!.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.