Deixádenos facer, deixádenos pasar, que xa nós …

O domingo pasado, remoendo o xantar dominical debaixo da viña, falando de nada e de todo un pouco, meu pai díxome que estabamos tan entrampados por mor de vivir por riba das nosas posibilidades. Sorprendeume, non o podo negar. Eu mirei arredor, por se había algo extraordinario que non tivera inventariado; non sei, unha piscina climatizada, un tractor de seis rodas ou un campo de golf no naval. Pero non dei con nada que me chamara a atención: había un tractor novo, pero pouco mais avultaba ca o vello Hanomag; as cortes das vacas eran mais grandes e altas, pero nin de lonxe facían pensar nun Castro Tecnolóxico nin nunha Cidade da Cultura; e polas pintas, as roupas que levaba postas meu pai xuraría que non eran nin de Armani nin Givenchy.

Se no canto do que dixo, dixera que fora por estarricarmos os pes mais do que daba a manta, que estaría a dicir a mesma cousa, pois non me sorprendería tanto, xa que é unha máxima que lle teño escoitado moitas veces. De onde sacaría o vello o de que andaramos a vivir por riba das nosas posibilidades? Porque o que é el dou fe que non andou.

Un ruxe-ruxe comezou a circular polos parladoiros das radios e televisións, nos artigos de opinión dos medios impresos e nas prédicas da fauna política: Ata aquí chegamos porque vivimos por riba das nosas posibilidades

A miña sorpresa viña motivada polo feito de que a expresión chegara enteira e impoluta ata o mesmo Cadrón, na Galiza profunda; e fixérao coa forza abonda para enraizar de seu e non esmorecer. Non llo preguntei, mais penso que meu pai non sabería dicir onde a escoitou nin a quen lla escoitou. Tampouco eu sabería dicilo. Só sei que, así como a crise se asentou e colleu carta de permanencia, e logo de asumir que tiñamos un grave problema de débeda, un ruxe-ruxe comezou a circular polos parladoiros das radios e televisións, nos artigos de opinión dos medios impresos e nas prédicas da fauna política: Ata aquí chegamos porque vivimos por riba das nosas posibilidades.

Seguiamos co problema de débeda, pero agora tiñamos outro mais grande: a débeda era culpa nosa por ter levado unha vida a corpo de rei. E de onde saíu tal conclusión? Que mente omnisciente e inefable había detrás? Porque haberá xente que gastou o que tiña e mailo que non tiña, animada pola facilidade crediticia, e rematou afogada pola débeda; pero iso non é conto novo de agora nin desta crise. Pero haberá moita outra xente que non botou o pe fóra da manta, axustando sempre os gastos ós ingresos e que, de socate, ficou sen traballo e a velas vir. Iso por non falar dos que nin ingresos tiñan incluso nos tempos de bonanza.

Os ruxe-ruxes adoitan seren contos interesados. Cando o Goberno de quenda, en aras seica de salvar o sistema, nacionaliza a banca podre, o que está a facer é socializar perdas, esparexendo o custe da operación entre toda a cidadanía. E sabe que se a poboación se sinte culpable aceptará de mellor grado o merecido castigo.  E no caso hespañol, para mais inri, tocoulle facelo a un goberno de ideoloxía liberal (estou a pensar en Aznar e Aguirre, porque Rajoy dáme que non é home ideolóxico), que en teoría defende a non intervención estatal na economía. Pero semella que o liberalismo só ten validez para gañar cartos, non para perdelos. E que a man que arrola o berce da economía é longa e moi poderosa.

Semella que o liberalismo só ten validez para gañar cartos, non para perdelos

Asentada nas conciencias a culpa xeral , axiña a metástase derivou nun novo ruxe-ruxe: Cando falamos de débeda falamos de débeda pública. A lóxica é aznariana: Se a culpa é de todos, e o Estado somos todos, entón a culpa é do Estado. Non importa (ou mellor, non queremos que importe) que de cada 4 euros de débeda da economía hespañola, 3 pertenzan a empresas, familias e sistema financeiro; é dicir, ó sector privado da economía; ou o que é o mesmo, á parte eficaz, eficiente, creativa, libre e guai do sistema. Para que emporcallar tanta beleza?

E meu pai concluirá con certa resignación que se cadra non cobra a súa pensión, porque o gasto público é tan corrupto que nos endebedou ata as orellas e xa andamos a pedir esmola e rescates polo mundo adiante

Collamos a Facenda Pública como parvo útil e botémoslle enriba toda a podremia que supure o sistema. E se aparecen casos de corrupción política, veña para dentro da cazola, que ben remexidos choverán nos miolos da xente coma auga de maio. E meu pai, aínda debaixo da viña, concluirá con certa resignación que se cadra non cobra a súa pensión, porque o gasto público é tan corrupto que nos endebedou ata as orellas e xa andamos a pedir esmola e rescates polo mundo adiante. E se cadra, a esa mesma hora e nalgún xardín da costa ártabra, José Luis Méndez estará a contar de euro en euro os 15 millóns de indemnización por deixar a Caixa lista para empaquetarlla ó Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.