Deixen o leite en paz

Levamos algún tempo escoitando unha chea de mensaxes apocalítpicas sobre os perniciosos efectos que conleva tomar leite. Botando unha ollada nunha tenda ou supermercado é doado comprobar que existe todo un arsenal de alternativas vexetais ao leite: Derivados de soia, de améndoas,... As/os que traballamos no medio rural preguntámonos moitas veces por que, coa cantidade de información da que dispomos, se poden propagar estas mensaxes que, na súa maioría, carecen de probas suficientes para sosteren nada do que afirman. Se observamos de perto a situación semella que acontecen simultaneamente dous fenómenos: Dunha beira a moda, que coma no caso do vestido ou do peiteado, tamén afecta a alimentación, marcando tendencias. Da outra un certo exceso informativo que, ao modo relatado por A. Huxley, dilúe a argumentación veraz na maré das novas que nos asaltan cada minuto e tende a confundir as persoas que, faltas de formación e/ou criterio, deixámonos levar por información sen contrastar chegada a través dos medios e da Internet.

Non se trata de debullar aquí ningunha teoría sobre que tipo de información se debera priorizar, nin como chega a nós, pero sí expór como algúns mitos sobre o leite se teñen propagado a través da prensa e das redes sociais, establecendo un horizonte de dúbidas sobre un produto que non ten nin de perto a maioría dos perxuízos que se lle atribúen. Nin se trata do peor alimento que consume a humanidade, nin o máis quimicamente alterado, nin supón a máis grande deturpación da natureza se o comparamos con outras actividades.

Nin se trata do peor alimento que consume a humanidade, nin o máis quimicamente alterado, nin supón a máis grande deturpación da natureza se o comparamos con outras actividades

Vexamos. Un dos argumentos máis esgrimidos é que ningún animal adulto consume leite, agás o home. En realidade non é certo. Os animais de compaña, por exemplo un gato, ou un can, toman leite se llelo damos. Outra cousa é que motu propio as femias aleitantes non cedan o seu leite de boa gana a animais que non pertencen á súa especie ou á súa prole. Aínda lembramos a variedade de instrumentos aos que recorriamos para que os becerros que xa pasaban do ano non fosen mamar ao ubre dunha vaca que aleitaba un cuxo máis novo. Por outra parte e sen sair dese argumento, tamén poderíamos afirmar que ningún animal adulto cociña, nin bebe viño, nin bota sal ou calquer outro aderezo na comida. Significa isto que o ser humano debe renunciar a cociñar os alimentos porque se perde o seu carácter natural?

Acostuma a afirmarse que o leite é malo para o ser humano, porque a todas, nalgún intre nos senta mal. A realidade volta a ser teimuda en contra dese argumento: Na Galiza moitas persoas, en tempos de escaseza, os únicos alimentos dos que dispuñan eran pan e leite e esta situación acontecía a diario, durante semanas ou meses, con levísimas alteracións. E non por iso a xente enfermaba máis.

Desde o ano 2009 sabemos, grazas a un estudo elaborado por Y. Itan, A. Powell, M. A. Beaumont, J. Burger, M. G. Thomas, que a lactasa (enzima presente no organismo humano que permite a dixestión da lactosa, o principal azucre do leite), distribúese desigualmente na poboación mundial e que foi a evolución compartida dalgunhas comunidades humanas con cabanas de animais aleitantes o que permitiu que algúns pobos do mundo dixiran mellor os azucres do leite. Así as zonas centrais da Europa teñen (estatísticamente) máis tolerancia á lactosa do que as zonas do Mediterráneo do Sur ou, sobre todo, do Leste Asiático. A ausencia de cabanas signficativas de animais aleitantes nesas zonas, se atendemos aos datos do estudo, explicaría ese fenómeno. Coma todo o científico, a tolerancia non é categórica nin totalizante. No medio dos grupos tolerantes coa lactosa poden aparecer individuos non tolerantes e viceversa para as zonas poboacionais estatísticamente intolerantes. Ademais no tema da tolerancia existen graos que varían, tamén e entre outros aspectos, coa idade.

Outro argumento esgrimido contra o consumo do leite é o seu alto grao de contido graxo. Porén, a cantidade total de graxa contida nun vaso de leite pode equipararse a unha cullerada de aceite, aproximadamente a metade do que acostumamos a consumir nunha boa ensalada

Outro argumento esgrimido contra o consumo do leite é o seu alto grao de contido graxo. Porén, a cantidade total de graxa contida nun vaso de leite pode equipararse a unha cullerada de aceite, aproximadamente a metade do que acostumamos a consumir nunha boa ensalada. Evidentemente as persoas con hipercolesterolemia non deben abusar dos lácteos, polo seu elevado índice de graxa. Pero tampouco deben abusar doutros moitos produtos da alimentación que lles son nocivos. Coma en todo, hai que empregar a cabeciña e, se un ten problemas de saúde, pórse en mans dos profesionais da medicina, que sempre nos van aconsellar mellor que a propia intuición.

As persoas do grupo étnico chinés atópanse entre aquelas con maior grao de intolerancia á lactosa debido, basicamente, a que nunca tiveron leite na súa dieta

Contra a intuición debemos loitar. Unha grande parte dos argumentos que esgrimen os defensores da “medicina alternativa” proveñen de culturas tan alonxadas como a chinesa. As persoas do grupo étnico chinés atópanse entre aquelas con maior grao de intolerancia á lactosa debido, basicamente, a que nunca tiveron leite na súa dieta. As súas recomendacións, evidentemente, evitan os lácteos, dado que historicamente non son produtores deles e unha simple observación dos efectos que provocaba nos seus semellantes, recomendáballes vivamente non empregar o leite nin os seus derivados.

O problema resede aí. Cando adquirimos coñecementos incompletos e non reparamos nin temos nin a formación nin a conciencia crítica necesaria para avalialos no seu xusto lugar. En múltiples ocasións tomamos preparados ou consumimos certos produtos por recomendacións do máis variopinto e cos beneficios máis pelegrinos, sen prestar atención seriamente ao que estamos a facer. Retornamos entón á moda. Incluímos produtos na nosa dieta porque o vemos facer no arredor, porque alguén nos recomenda, porque a publicidade nos mete cousas polos ollos (a todas/os), e non reparamos en que algúns alimentos que a moda nese momento proscribe, aportan exactamente o mesmo, na maioría das ocasións ademais de xeito moito máis accesible e barato.

Algunhas persoas que non toman leite basean a súa argumentación en dicir que o leite de agora non é leite. Que o leite que valía era o de antes, porque sabía a leite

Algunhas persoas que non toman leite basean a súa argumentación en dicir que o leite de agora non é leite. Que o leite que valía era o de antes, porque sabía a leite. Sen entrar en profundidades técnicas, o que ven nos envases de cartón é leite. A súa composición química contén a proporción homoxénea de produtos que comunmente chamamos leite. Outro aspecto diferente é o sabor. O leite convencional -o que leva engadidos é outro cantar- envasado en cartón trátase mediante varios procesos físicos (elevación da temperatura, homexeneización,...) que lle cambian o sabor. Pero hai que lembrar que estes procesos derivan de dúas situacións principalmente: A primeira, a necesidade de esterilización do leite cando a súa abondosidade en bacterias facían que o consumo en cru constituíse un risco: Brucelose, E. Colli e outros microorganismos até hai ben pouco atopábanse no leite en tal cantidade que convertían o seu consumo en fresco nun risco para a saúde humana. A segunda, a necesidade de conservación do leite durante un período amplo no tempo. Non hai que esquecer que falamos dun produto perecedeiro que en frío aguanta dous días, todo o máis, sen perder calidade e frescura; faise necesario, entón, que manteña unha cadea moi estrita para que a súa durabilidade estea garantida. Contodo, na actualidade, grazas aos controis que hai nas granxas conseguiuse baixar a bacterioloxía do leite até puntos onde a súa presenza permite a venda de leite cru. E para aqueles/as que o botan de menos, desde hai anos algunha empresa galega vende leite cru, con todas as garantías sanitarias e ningunha transformación agás o engarrafado.

Outro tema moito máis complexo e que quedará para unha vindeira ocasión é por que sendo un país produtor de leite, optamos por consumir o 90% del procedente de cartón

Outro tema moito máis complexo e que quedará para unha vindeira ocasión é por que sendo un país produtor de leite, optamos por consumir o 90% del procedente de cartón. Algo teremos que ver os consumidores nisto. Aparte, claro, dos intereses da grande empresa distribuidora que se ve beneficiada por poder colocar os cartóns de leite e armacenalo durante meses, mentres que en fresco obriga a gastar máis en distribución, frío, envasado,...

Especialmente chamativo resulta o fenómeno dos sustitutivos vexetais do leite. Cómpre prestarlle atención, xa que nos últimos tempos colleu moita sona o derivado líquido da soia (que non é leite, aínda que así se lle chame comunmente). As persoas e colectivos que defenden a sustitución do leite polos seus “equivalentes” vexetais, normalmente non son conscientes de que, por unha banda están a prexudicar directamente a once mil familias produtoras de leite na Galiza e por outra cómpre que se pregunten de onde procede a soia que se está empregando na maioría dos derivados líquidos desta, a quen beneficia e por que existe toda unha campaña publicitaria de tirar co leite e sustituílo por soia.

O verdadeiramente importante sigue sendo a alimentación, unha alimentación sá e equilibrada. E a ser posible que garanta a soberanía alimentar dos pobos

A realidade da alimentación é que se trata dun ben básico que debera estar garantido á humanidade, porén trátase dun negocio que move milleiros de millóns e, escollamos o que escollamos sempre imos bater co mercado da agroindustria, principal beneficiaria de todas as campañas publicitarias e das modas que hai sobre estes produtos. O verdadeiramente importante sigue sendo a alimentación, unha alimentación sá e equilibrada que conteña as cantidades oportunas de proteínas, graxas, hidratos de carbono e minerais para garantir a estabilidade física do ser humano. E a ser posible que garanta a soberanía alimentar dos pobos. Se un está san e non ten contraindicación ningunha por consumir leite, pode tomar tranquilamente un vaso deste ao día, comer iogurtes e queixo. Nin nos imos envelenar nin a nosa saúde vai sofrer efectos terribeis. E se detectamos algunha anomalía, acudamos aos profesionais da Sanidade Pública, pois eles, e só eles, nos poderán facer as probas oportunas e confirmar ou desmentir se o leite, os ovos ou as acelgas (por citar algúns exemplos) nos están contraindicadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.