Democracia e liberdade: o corpo das mulleres como campo de batalla

O venres 20 de decembro o Consello de Ministros aprobou o anteproxecto de Lei Orgánica de Protección da Vida e do Concibido e os Dereitos da Muller Embarazada. O título e os mecanismos non deixan de ser irónicos. Os dereitos da muller vense mermados unha vez máis por un Partido Popular que recorta dereitos individuais desmontando servizos públicos, en nome da liberdade, e liquidando os mecanismos de benestar garantidos polo Estado. O Estado, para o Partido Popular, non é unha ferramenta para aumentar o benestar da poboación e garantir dereitos, é unha máquina para impulsar recortes e atacar a democracia.

O Estado, para o Partido Popular, non é unha ferramenta para aumentar o benestar da poboación e garantir dereitos, é unha máquina para impulsar recortes e atacar a democracia

A que nos enfrontamos?

Desta volta, o goberno do PP arremete contra as liberdades sexuais e reprodutivas das mulleres, impoñéndonos a maternidade e fomentando exclusivamente o noso rol reprodutor. Con esta lei amósannos unha vez máis a sua verdadeira cara, conservadora e retrógrada. Dende 1985 rexeron leis de prazos, agora retrocedemos case 30 anos e volvemos a unha lei de supostos, aínda máis restritiva ca de 1985. Só será legal abortar baixo dous supostos: o embarazo froito da violación (ata 12 semanas), e o grave perigo para a saúde física ou psíquica da muller xestante (ata 22 semanas). Elimínase o suposto da malformación fetal, coa escusa de non discriminar ós discapacitados.

Por unha banda, proclaman a defensa dos e das máis vulnerábeis, e por outra atácanos acotío coa súa austeridade, reducindo as axudas a estas persoas con autonomía restrinxida

Por unha banda, proclaman a defensa dos e das máis vulnerábeis, e por outra atácanos acotío coa súa austeridade, reducindo as axudas a estas persoas con autonomía restrinxida. Esta ofensiva neoliberal está a aumentar a súa exclusión social, mudando o Estado do Benestar, que servira nos últimos anos como principal fonte de lexitimación do sistema, por un modelo de beneficencia. O paternalismo machista desta nova regulación tamén se reflicte en medidas como o aumento do período de reflexión obrigatorio , que pasa de 3 a 7 días, tras recibir información e asesoramento por profesionais sanitarios que carecen da formación específica. Ademais, os abortos realizados fóra dos supostos citados anteriormente pasan a ser delito, pero só será castigado o médico que os realice (de 1 a 3 anos de cadea). A muller non terá consecuencias penais, xa que pasa a ser considerada unha vítima. Se esta lei tivera estado vixente no ano 2012, o 91,26% dos abortos non se poderían ter realizado de maneira legal, xa que esa é a porcentaxe de mulleres que interromperon o embarazo por petición propia fóra dos supostos.

 

Por que agora?

Facía falta un reagrupamento de corte ideolóxico, xa que as políticas neoliberais empobrecen tamén as súas bases sociais. Se non hai éxitos económicos que vender, haberá que buscar outra clase de golpes de efecto

Hai múltiples razóns que levan o PP e o ministro Gallardón a impulsar estas medidas. As medidas de recortes e austeridade tamén afectan á base social do Partido Popular, cerceándoa e facendo que boa parte do seu electorado tradicional estea disposto a mirar a outras opcións partidarias á hora de dirixir o seu voto. Facía falta un reagrupamento de corte ideolóxico, xa que as políticas neoliberais empobrecen tamén ás súas bases sociais. Se non hai éxitos económicos que vender, haberá que buscar outra clase de golpes de efecto. Agora que se achegan as eleccións europeas e que a doutrina Parot e ETA xa non parecen ser tan rendibles, hai que buscar un novo "obxecto" (é así como o PP ve a os seres humanos) sobre o cal centrar os ataques. As mulleres e a familia son un clásico que nunca falla.

O relanzamento deste discurso, que semellaba esquecido pero que aínda subxace en parte minoritaria na sociedade española, pretende mostrar á muller como unha persoa sen capacidade de decisión

O relanzamento deste discurso, que semellaba esquecido pero que aínda subxace en parte minoritaria na sociedade española, pretende mostrar á muller como unha persoa sen capacidade de decisión. Un suxeito pasivo que non é quen de pronunciarse sobre o seu corpo e sobre a súa maternidade, e a subordina a terceiras persoas que actuarán como meros xestores dun dereito ata agora ata certo punto persoal. Neste caso é o Estado quen modula o exercicio deste dereito, antepoñendo unha vez máis a subxectividade das crenzas relixiosas fronte á obxectividade dos dereitos sexuais e reprodutivos. Isto volve facer patente a submisión do actual goberno do Partido Popular á Igrexa Católica, xa que esta reforma responde indubidabelmente ós intereses desta institución aínda omnipresente no Estado Español, a cal, como residuo feudal que é, depende para exercer o seu poder e manter os seus intereses materiais de ligarse aos aparatos do estado e de exercer un papel de garante da orde na sociedade civil. Argumentan que queren defender o dereito das mulleres a ser nais, pero para eles só son válidas as que pertencen a unha familia normativa heteropatriarcal. Cómpre non esquecer que veñen de manifestar repetidamente a súa intención de limitar o acceso ás técnicas de reprodución asistida na sanidade pública ás mulleres lesbianas e ás solteiras. Os plans do Ministerio de Sanidade pasan por excluír as parellas non integradas por un home e por unha muller, lexitimando exclusivamente o único modelo de familia que encaixa nos seus postulados ditados directamente dende o Vaticano.

Argumentan que queren defender o dereito das mulleres a ser nais, pero para eles só son válidas as que pertencen a unha familia normativa heteropatriarcal

Outro dos seus argumentos fundamentais é a “defensa da vida”, que baixo o goberno do PP se reduce ós 9 meses de xestación, xa que unha vez que se sae do útero materno, a maioría das persoas estamos condenadas a unha vida de miseria. Non se defende a vida, senón que se atenta contra ela. As mulleres con embarazos non desexados veranse abocadas a abortar en clínicas clandestinas sen garantías de salubridade, ou ben no estranxeiro, se contan cos recursos económicos suficientes. Aínda que a violencia se exerce contra todas as mulleres, son as da clase traballadora as máis afectadas. Abortar en Londres, segundo os cálculos máis moderados, pode custar 5000 euros en total. A loita de clases chega así ós corpos das mulleres. Para diminuír o número de embarazos non desexados e os abortos é necesario un maior acceso á información en materia de sexualidade, así como posibilitar sen ningún tipo de traba o uso de métodos anticonceptivos. Deberían incluírse nos plans de estudo, especialmente, en profesións socio-sanitarias, accións formativas protocolarizadas sobre dereitos sexuais e reprodutivos dende o enfoque de xénero.

Aínda que a violencia se exerce contra todas as mulleres, son as da clase traballadora as máis afectadas. Abortar en Londres, segundo os cálculos máis moderados, pode custar 5000 euros en total

Este ataque, sumado a todos os efectuados sobre as mulleres dende o estoupido da crise, non fai senón aumentar as desigualdades de xénero. Estes recortes de dereitos teñen unha dimensión económica deseñada para garantir a reprodución de capital. Pretenden impoñernos a tarefa de ser nais, igual que nos impoñen o coidado das persoas dependentes, reducíndonos a meros entes reprodutores e obrigándonos a cumprir co noso rol tradicional de submisión.

A estratexia para recuperar os dereitos sociais recortados e a loita feminista, quedan conectados. Loitar polos dereitos das mulleres xera contradicións irresolubles nun sistema que require do traballo non pagado feminino para manter a explotación do mundo laboral

O ministro Gallardón, que alardea da defensa dos dereitos das mulleres, debería establecer a implicación das institucións na tarefa de coidados, xa que debe ser unha tarefa levada a cabo polo conxunto da sociedade e non exclusivamente pola metade de esta. Pero o PP prefire cargar sobre as mulleres o que recorta en benestar. Así, a estratexia para recuperar os dereitos sociais recortados e a loita feminista, quedan conectados. Loitar polos dereitos das mulleres xera contradicións irresolubles nun sistema que require do traballo non pagado feminino para manter a explotación do mundo laboral; por outra banda, confrontar con un sistema que para manter os beneficios dunha minoría require da “expropiación por desposesión” da maioría da poboación é condición necesaria para garantir e avanzar na conquista da igualdade entre homes e mulleres, na autonomía sobre os nosos corpos. Ese é o verdadeiro significado da democracia: medios materiais e ideolóxicos para que as persoas poidan decidilo todo.

 

Que facemos?

É necesario construír unha proposta alternativa que converta o dereito a decidir sobre os corpos nunha demanda transversal ampla, que agregue a sectores que tradicionalmente non teñen vinculación co feminismo organizado ou a esquerda militante, evitando caer en discursos autorreferenciais

A contrareforma do aborto é un ataque de extraordinaria gravidade. Os retos son enormes e non podemos permitirnos relegar esta loita a un segundo plano. É urxente outorgarlle a centralidade política que merece. Esta lei imponnos precariedade e miseria material ás traballadoras que necesitamos vender a nosa forza de traballo para manternos, á vez que institucionaliza a violencia sobre o conxunto das mulleres. Porque violencia non é só o maltrato penado legalmente, violencia é tamén privarnos dos recursos materiais e legais para poder decidir o que queremos facer coas nosas vidas. O aborto debe estar fora do código penal, debe ser un dereito o que as mulleres podamos acceder de maneira gratuíta na sanidade pública. Así pois, é necesario construír unha proposta alternativa que converta o dereito a decidir sobre os corpos nunha demanda transversal ampla, que agregue a sectores que tradicionalmente non teñen vinculación co feminismo organizado ou a esquerda militante, evitando caer en discursos autorreferenciais, construíndo unha hexemonía baseada nos dereitos e nas liberdades persoais. O feminismo é unha loita pola democracia; todas e todos temos que asumir a responsabilidade que nos corresponde, para que ninguén decida por nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.