Como case todo o mundo nas cidades galegas eu andei sempre a cabalo entre a cidade e a aldea. Lembro cando era pequena unha nena no cole que viñera de Madrid e logo dun tempo vivindo na Coruña preguntoulle á súa nai “mamá, ¿yo por qué no tengo aldea?”, porque quen máis quen menos nas vacacións marchabamos á aldea. Sempre percibín un comportamento e unha forma diferente de relacionarse entre as persoas, uns valores e criterios para xulgar aos demais distintos, non vou dicir nin mellores nin peores, só distintos. A vida é diferente e segundo a que esteas afeita e o que che guste máis preferirás unha ou outra.
Eu exerzo un cargo público como concelleira desde 2007 no concello de Vigo, a cidade máis grande de Galiza
Estas diferenzas vense reflectidas na forma de exercer os cargos públicos das persoas que fan política nos concellos pequenos e nos grandes. As demandas que teñen que atender son distintas, os criterios para usar os cartos públicos tamén e a súa propia forma de comportarse pode estar guiada por diferentes valores. Eu exerzo un cargo público como concelleira desde 2007 no concello de Vigo, a cidade máis grande de Galiza, e desde 2011 son ademais deputada provincial onde atopei deputados que son concelleiros/as ou alcaldes (sen /as porque non hai alcaldesas na deputación) de concellos moito máis pequenos e enseguida notei a diferenza. No grupo do goberno, do PP, hai persoas que levan anos e anos gobernando no seu concello onde os cargos xa case parecen hereditarios desde antes da democracia.
O avance da democracia, que hoxe se amosa tan feble, fixo mudar algo as formas, sobre todo nos rituais públicos pero moi pouco na relación privada e quen sempre mandou segue mandando
Eu coñecía a súa forma de facer política desde fóra, como “administrada”, coas prácticas caciquís coas que demostran o seu poder, amosando claramente a súa superioridade, comportándose ás veces coma os señores feudais. O avance da democracia, que hoxe se amosa tan feble, fixo mudar algo as formas, sobre todo nos rituais públicos pero moi pouco na relación privada e quen sempre mandou segue mandando. Agora que exerzo un cargo público, na oposición, podo comprobar como se exerce ese poder feudal e caciquil desde dentro, con total inpunidade. Se nun concello grande a presión dunha sociedade máis heteroxénea e reivindicativa fixo que mudaran certas prácticas, nos concellos pequenos e na súa torre de control, as deputacións, nada mudou. Atopas a forma máis espida de gobernar dos que agora mandan, a máis descarada. Séntense, ademais, con autoridade moral para comportarse como os déspotas poderosos que manexan as vidas das persoas sen que ninguén lles diga nada e se te atreves a denuncialo acúsante de falta de respecto á lealdade institucional, de crerte con superioridade moral e de pretender desprestixiar “a todos os políticos” de maneira vil nun momento tan difícil para a política.
Vaia, que é todo moi normal. Como levo escoitando toda a vida, cando falas de discriminación contra as mulleres, todo é moi normal, es ti, feminista tola, que o tomas todo a mal, terxiversas o que se di e te pensas mellor que os demais. Pero as mulleres seguen sendo asasinadas, e cada vez máis, catro en 48 horas, todo un récord. Iso si, non cuestiones a sociedade que o provoca e o consente porque alteras a orde social. Cando falas dos políticos corruptos que, obviamente, os hai, estás botando lixo sobre toda a clase política, non estás denunciando que non todos somos iguais e que temos maneiras de exercer a política desde os cargos públicos radicalmente diferentes, que cómpre rachar o sistema que garante a impunidade dos corruptos. Evidentemente este é un momento difícil para a política porque gobernan unha clase de políticos (eu non sei o que é “a clase política”) que están máis preocupados por manter o sistema de poder que por atender as necesidades vitais, de supervivencia, de moitas persoas absolutamente arrasadas por ese mesmo sistema que a eles lles beneficia, e como!
Evidentemente este é un momento difícil para a política porque gobernan unha clase de políticos (eu non sei o que é “a clase política”) que están máis preocupados por manter o sistema de poder que por atender as necesidades vitais, de supervivencia, de moitas persoas
Estamos gobernados por unha clase de políticos que toman decisións inmorais, viles e crueis coas persoas que non teñen recursos, xa non para defenderse senón para sobrevivir. Pretenden que non o denunciemos, que non os acusemos, porque iso é botar merda (vou deixar xa o eufemismo do lixo) á clase política. Igual que din que denunciar, aproveitando a túa proxección pública, o que están sufrindo as persoas con diversidade funcional neste país porque coñeces nas túas propias carnes as consecuencias das decisións dos que gobernan, é utilizar ao teu fillo, ao que non ocultas, do que non te avergonzas, pero eles non falan dos seus fillos “minusválidos” se teñen a “desgraza” de telos porque non os “utilizan” politicamente. Si os utilizan, ocultándoos para poder manterse no poder deste sistema corrupto, buscando a súa solución individual.
Pretenden que non o denunciemos, que non os acusemos, porque iso é botar merda (vou deixar xa o eufemismo do lixo) á clase política
Eu vou seguir denunciando sempre que poida e da maneira que poida as discriminacións e as corrupcións, como política no exercicio do meu cargo, que para algo me votou quen me votou, e como cidadá alá onde me sexa posible, como fai cada vez máis xente, afortunadamente.