Dicía Mario Benedetti “No se juega con el miedo, porque el miedo puede ser un arma” (Vivir Adrede, 2007), e non lle faltaba razón. O certo é que o medo dun xeito ou outro sempre foi unha arma utilizada polo poder para o control social.
O medo dun xeito ou outro sempre foi unha arma utilizada polo poder para o control social
Durante o período da Guerra Fría, o medo á guerra nuclear conseguiu manter a unidade respecto a un inimigo que estaba ó outro lado do muro. Nas ditaduras militares o medo e a ameza funcionan eficazmente como método de control social. Pero tamén nas nosas democracias (especialmente na Europa do Sur, co gallo da crise económica) ese medo é eficaz, sendo inoculado na sociedade mediante o que en politicoloxía recibe o nome de “opresión difusa”.
Tralos atentados do 11-S a táctica do poder (político ou económico) xogou co medo para obrigar a cidadanía a entregar voluntariamente parte dos seus dereitos e liberdades lexítimas, a fin de salvagardar a seguridade nacional fronte aos ataques do terrorismo islámico; e tiveron éxito. Así que sen necesidade de tanques, militares nin golpes de estado encontraron un xeito de exercer o control da masa, inoculando inestabilidade, “medo” a un inimigo exterior, invisible e omnipresente.
Co medo e a repetida necesidade de “saír da crise” entregamos os nosos cartos aos bancos, perdemos a nosa sanidade pública, perdemos os traballos sendo as condicións laborais cada vez máis precarias, sacrificamos a educación pública
Hoxe o inimigo é outro: a “crise” (inimigo impersoal). Pero o poder segue a utilizar a mesma arma; o que cambian son as tácticas. O que cambia é o grao de violencia, pero non cambia o obxectivo final que é manter o statu quo (das elites dominantes) e a orde.
Co medo e a repetida necesidade de “saír da crise” entregamos os nosos cartos aos bancos, perdemos a nosa sanidade pública, perdemos os traballos sendo as condicións laborais cada vez máis precarias, sacrificamos a educación pública, etc. Renunciamos e deixamos que nos arrebaten dereitos ata ese momento irrenunciables ou intocables. É dicir, volvemos 40 anos atrás. É todo isto grazas ó medo.
Por se o medo non fora suficiente están as regulacións, como a recente Lei de (in)seguridade cidadá. Unha lei que entre outras cousas pecha o acceso cidadán á sede onde reside a soberanía nacional. En realidade é unha regulación que limita a liberdade de manifestación. Unha lexislación para “asegurar” as elites políticas e económicas no caso de que nalgún momento exista un brote de protesta (“Rodea el Congreso”, “escraches”, etc).
Esta democracia en crise, en España (e en grande parte dos países do sur de Europa) converteuse de facto nunha forma postmoderna de ditadura de “luva branca”, na que son os mercados e as axencias de cualificación as que deciden deixar ou non caer un goberno
Non só falamos dunha crise económica, senón tamén democrática, na que o medo está sendo utilizado para “golpear” mediante decretos e recortes á cidadanía. Non falamos por tanto da necesidade da violencia (física) pero si de xerar violentas desigualdades e violentas inxustizas. A nosa democracia en crise parece basearse unicamente na participación en eleccións cada catro anos e a partir de aí o goberno pode levar a cabo calquera ataque directo contra a cidadanía, que todo queda xustificado polo resultado electoral. Aínda que as promesas sexan papel mollado.
Esta democracia en crise, en España (e en grande parte dos países do sur de Europa) converteuse de facto nunha forma postmoderna de ditadura de “luva branca”, na que son os mercados e as axencias de cualificación as que deciden deixar ou non caer un goberno a través de mecanismos como a prima de risco, a cualificación, o FMI etc. Grecia é cumprido exemplo disto. Non é casualidade que a crise financeira fixera mudar todos os gobernos europeos (do sur) cara á dereita. Se aos mercados ou aos especuladores financeiros non lles convén un goberno poñen en marcha tódolos mecanismos posibles e a espada do verdugo comeza a funcionar. É aquí onde aparece a “opresión difusa”.
Cando falamos de opresión pensamos na utilización da violencia explícita como método de coerción social, pero este novo mecanismo difuso desta nova “democracia” vén exercido por diferentes institucións sociais. Institucións que teñen o papel de manipular e influír na opinión pública para combater toda opinión crítica. É aquí onde xogan un papel importante os medios de comunicación, convertidos en “relacións públicas” (en termos de Noam Chomsky) do poder. Pero evidentemente isto non é posible se existe certa pluralidade nos medios de comunicación (case todos os medios de comunicación en España están nas mans de dereita).
É certo que se manteñen certas liñas e programas “contestatarios”, pero é algo que o propio sistema permite para que esa “opresión” sexa máis difusa
É certo que se manteñen certas liñas e programas “contestatarios”, pero é algo que o propio sistema permite para que esa “opresión” sexa máis difusa. De feito, tal e como propoñía Frederic Jameson cando falaba dos elementos culturais contrarios ao sistema, o sistema sempre permite certa “contestación” para autolexitimarse.
Os medios de comunicación (os grandes emporios mediáticos), coas súas diferenzas ideolóxicas, desactivan a capacidade crítica, trivializando os debates e reproducindo no fondo a mensaxe do poder. Outro punto importante é a insistente tarefa de “criminalizar” toda mobilización, para amosar que os que se “mobilizan” son xente “perigosa”. Pasou recentemente co caso de Gamonal (no que o tratamento do grupo ATRESMEDIA foi aterrador), chegando a uns niveis de manipulación importantes e mesmo desmentindo as propias imaxes das protestas. Como xa sabemos, as mobilizacións prexudican “a marca España” (outra chantaxe máis).
Precisamente o seu punto forte é a impersonalidade deste poder pois, a diferenza das ditaduras tradicionais, neste caso ese poder é exercido por diversos ámbitos
Pero esa “opresión difusa” vén exercida por alguén. Precisamente o seu punto forte é a impersonalidade deste poder pois, a diferenza das ditaduras tradicionais, neste caso ese poder é exercido por diversos ámbitos. É un poder aplicado dende diferentes puntos e por tanto é máis difícil dar resposta (o goberno, a Troika, o FMI, Bruselas, etc) aínda que en realidade todo responda aos poderes económicos que actualmente dominan a política.
Non é precisa a violencia, senón unicamente o medo e a chantaxe. Para poder eliminar dereitos e acumular a riqueza en certas elites, despois a crise pasará. Esta crise provocada pola economía de casino, creada polos mesmos que hoxe piden contas, desembocou nunha sociedade desigual e “elitista” na que uns poucos controlan os cartos e arrebatan os dereitos aos cidadáns para ter traballadores baratos e asoballados.
A crise claro que rematará, pero haberá que preguntarse a que prezo. Milleiros de persoas quedarán na cuneta, como sacrificio necesario...