Demolicións Feijóo

Hoxe á mañá mentres almorzaba escoitei na radio galega ao noso presidente Nuñez Feijóo contarnos, co entusiasmo que o caracteriza, as boas novas da recuperación que ao fin estamos a vivir en Galicia. Seica, el xa nos tiña anunciado que 2015 vai ser tempo de vacas gordas, e así o amosan os datos do paro de Febreiro, o mellor Febreiro dende o inicio da crise.

Se tivera apagado a radio daquela -e se o noso presidente tivera algunha credibilidade-, tería marchado ao traballo co optimismo consonte ao día solleiro que agardaba fora. Mais aí seguín coa miña torrada e así escoitei representantes sindicais que ligaban esa recuperación do emprego a unha reactivación do sector da construción, ligada a traballos extraordinarios de arranxos das rúas dos concellos: ano de eleccións ano de beizóns!. A seguir, e creo que nesta mesma orde, e co mesmo ton ledo dos programas matinais,  informóusenos de que o paro reducíase nos varóns e medraba nas mulleres (logo do demoledor informe da CIG da sobre-precarización do emprego feminino galego); da venda dos estaleiros Rodman a Sonangol, unha petroleira Angolana de capital chinés; da preocupación das empregadas das factorías ourensáns de Adolfo Dominguez polo -seica soterrado- traslado da actividade da marca galega a outras latitudes e, como remate do refacho, da multa millonaria ao cártel lácteo por teren acordado pagar ás explotacións galegas o leite por debaixo do valor do mercado.... A realidade, o mundo, confabulado contra o noso presidente, contra o seu afán en darnos boas novas, e o seu traballo de fabricación de titulares. Descoñezo se era a intención do xornalista, mais en  menos de 5 minutos, fixo un relatorio descritivo dalgún dos problemas e dos retos do País. 

A realidade, o mundo, confabulado contra o noso presidente, contra o seu afán en darnos boas novas, e o seu traballo de fabricación de titulares

A un sector naval abandonado na ría de Ferrol, xa sen a escusa do veto e coa burbulla de Pemex desinchándose, semella que lle agarda agora un proceso, no resto dos estaleiros, de baleirado da capacidade tecnolóxica cara outros lares que teñen cartos para comprar á competencia e, aos poucos, deslocalizala. Un proceso que se repite nos últimos anos na industria galega, e que tiven a oportunidade de ver de preto no caso de EMESA en Coirós, en que centros produtivos de alta especialización rematan con equipas mínimas e precarizadas, facendo traballos de baixo valor engadido, nun impas que precede ao desmantelamento. Semella tamén que o sector téxtil, a moda galega, súmase ao devalo, co engadido de ser o sector industrial máis feminizado e onde a creatividade, xunto co audiovisual, está ligada máis directamente á produtividade.

A multa ao cártel lácteo lémbranos os anos de denuncias de sindicatos agrarios e produtoras sobre a necesidade de acordo para un prezo mínimo do leite que garantira a supervivencia das explotacións, que vender por debaixo de custos de produción non era a causa da competencia no libre mercado, senón de manobras e acordos ilegais das grandes produtoras e distribuidoras. Deixáronse pasar oportunidades para crear un grupo lácteo galego merecente de tal nome mentres se pechaban explotacións. Aquilo no que somos especialistas, que facemos mellor, no que temos vantaxe comparativa, no que somos diferentes. Aquilo que máis valor ten nun mundo globalizado e que pode axudarnos a saír da crise con decencia derrámase, mentres Feijóo e gabinete esculcan os datos da derruba para extraeren titulares que semellen verdades.

Eu confío en que a sociedade galega está a prepararlle un ERE extintivo a Demolicións Feijóo

Nos primeiros anos do goberno Feijóo acuñouse a marca 'Demolicións Feijóo' para identificar unha intensa acción normativa que pretendía borrar da historia do País e da vida da xente, os avances do Goberno PSdeG-BNG. Nos últimos meses, xa anos, este labor destrutivo esténdese por activa ou por pasiva a elementos básicos para a nosa supervivencia como sociedade, nun devalo que semella imparable. Un devalo que non ten, polo de agora, goberno que o enfronte mais que coa estratexia da lura (botar tinta e fuxir), mais ten unha cidadanía entre a indignación e a depresión. Chamádeme ilusa, é difícil caer na depresión con este ceo luminoso e coa fermosura da ría da Coruña que vexo pola fiestra. Eu confío en que a sociedade galega está a prepararlle un ERE extintivo a Demolicións Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.