Unhas semanas antes de que a xente ocupara a Porta do Sol en Madrid, aquel 15 de maio de 2011, en Lisboa unha riada de xente asolagara a Avenida da Liberdade na maior manifestación dende a Revolución dos Cravos. Era o que logo se denominou “Xeración á Rasca”. Unha canción de Deolinda converteuse no himno daquel movemento: “Parva que son”, unha canción que era quen de reflectir o estado de ánimo de milleiros de mozos e mozas con estudos universitario que só conseguían acceder a traballos precarios, ou que estaban en situación de desemprego. Mentres escribo escoito unha canción de Deolinda de 2008, do disco “Canción ao lado”: en apenas dous minutos e trinta e dous segundos describen a situación actual da esquerda na Galicia de hoxe. A canción chámase “Movimento Perpétuo Associativo”. Cento cincuenta e dos segundos sen desperdicio que vos convido a escoitar mentres leedes o que sigue.
Mentres escribo escoito unha canción de Deolinda de 2008, do disco “Canción ao lado”: en apenas dous minutos e trinta e dous segundos describen a situación actual da esquerda na Galicia de hoxe
Vou transcribir un par de estrofas. Poñédelle o ritmo adecuado.
Escoitase unha voz de muller que, alto e claro, arengando ao pobo:
“Agora sim, temos a força toda!
Agora sim, há fé neste querer!
Agora sim, só vejo gente boa!
Vamos em frente e havemos de vencer!”
Un eco respóndelle:
“-Agora não, que me dói a barriga...
-Agora não, dizem que vai chover...
-Agora não, que joga o Benfica...
e eu tenho mais que fazer...”
Non vos soa?. Leemos e escoitamos o moito que se leva dicindo e escribindo sobre a necesaria unidade da esquerda e logo vemos a realidade (-Agora nao…). Non se vos enchen os ollos de bagoas pola vergoña que nos fan sentir?.
Para a viaxe que a(s) esquerda(s) veñen facendo dende as pasadas eleccións municipais non facían falta moitas alforxas (nin encontros, nin iniciativas, nin esforzos…), sobraba un puñado de pipas para matar o aburrimento e ver pasar o tempo
A día hoxe proporía que “Movimento Perpétuo Associativo” se converta no himno da esquerda, que sexa cantada ao remate de cada acto no as organización da esquerda participen, todos e todas co puño en alto e con xesto aguerrido. A fin de contas a canción descríbenos moito mellor que “A Internacional”, “ A Marsellesa”, “Red Flag” ou calquera outro himno que socialistas, comunistas ou rebeldes varios entoaran ao longo da Historia.
Para a viaxe que a(s) esquerda(s) veñen facendo dende as pasadas eleccións municipais non facían falta moitas alforxas (nin encontros, nin iniciativas, nin esforzos…), sobraba un puñado de pipas para matar o aburrimento e ver pasar o tempo.
Todos teñen a escusa perfecta. E si as que teñen non valen... hai outras.
Á UPG sempre lle costou ser unha organización amable e a defensa dun espazo electoral que consideraba couto privado non sacou precisamente o mellor do seu ser
Nun dos lados do cuadrilátero as mareas e os partidos que nelas se fundiron desconfían, con non poucas razóns, do BNG. Á UPG sempre lle costou ser unha organización amable e a defensa dun espazo electoral que consideraba couto privado non sacou precisamente o mellor do seu ser. O discurso dos partidos que se integraron nas mareas é claro: o BNG nestes momentos non suma, resta. Concordo con esta reflexión nalgo: non creo que todas as persoas que están no BNG sumen para un proxecto, pero o mesmo acontece con non poucas persoas que forman parte de Anova, ou de Cerna ou do PCG… O dixen fai xa tempo, hai persoas que fai tempo que deberían ter dado un paso atrás na política… e non é cousa de idade: é cousa de aptitude, é cousa de capacidade, e cousa de perspectiva… Din que unha mazá podre fai podrecer todo o barril. O mesmo pasa nas organización. O temos visto tantas veces.
O discurso dos partidos que se integraron nas mareas é claro: o BNG nestes momentos non suma, resta
As reflexións das mareas parten, ao modesto entender dun ninguén como son eu, dun erro na reflexión: confunden unha parte co todo… Galicia non é Coruña, non é Santiago… Galicia é Coruña, Santiago, Ferrol e moito mais: mais de trescentos concellos, catro circunscricións electorais nas que o voto dun veciño de Monte Alto vale tanto como o voto dun veciño de Aguiño, o voto dunha veciña das Fontiñas en Lugo vale tanto como o dunha veciña dunha aldea de Guitiriz. O BNG sumou nas pasadas eleccións municipais mais de 189.000 votos, mais de 450 concelleiros… O BNG conta cunha organización cunha capilaridade territorial que non pode ser comparada co do resto da esquerda en Galicia, xuntemos a quen xuntemos. Tal vez nesa fortaleza organizativa estean algúns dos medos, que logo se tentan camuflar con argumentos políticos, polos que certas organizacións teman un compañeiro de viaxe que sen unhas reglas claras, uns acordos programáticos unanimemente aceptados e un funcionamento sustentando no consenso e o respecto, pode estar tentado a facer valer o seu volume, argumentando un pretendido funcionamento democrático, e impoña sistematicamente os seus desexos e cambie as propias normas. Non axuda que a UPG leve actuando dese xeito ven de anos.
Galicia é Coruña, Santiago, Ferrol e moito mais: mais de trescentos concellos, catro circunscricións electorais nas que o voto dun veciño de Monte Alto vale tanto como o voto dun veciño de Aguiño
Pasemos ao outro lado do ring. Por parte da organización que controla ao BNG, e ás organizacións acólitas creada para a ocasión, a xogada estaba clara: o importante non era chegar a un acordo, o importante era simular que se quería chegar a un acordo, agardando o momento propicio para culpar aos “outros” de poñer trabas que o facían este acordo imposible. Daba igual o que se fixera, o que se ofrecera, calquera que fora o ofrecemento sempre habería unha razón nova que xurdiría no último momento e que demostraría a prepotencia dos “outros” por non aceptar a enésima esixencia da organización nacionalista. A ocorrencia de pretender incluír a Coalición Galega, unhas simples siglas, ou Terra Galega, só demostra a falta de imaxinación dos membros da dirección do BNG na procura de argumentos para xustificar a falta dunha candidatura de unidade.
Por parte da organización que controla ao BNG, e ás organizacións acólitas creada para a ocasión, a xogada estaba clara: o importante non era chegar a un acordo, o importante era simular que se quería chegar a un acordo
O BNG/UPG tamén parte nos seus cálculos dunha hipótese errada. O BNG pretende presentarse ante a cidadanía como promotor da única candidatura que non ten ataduras en Madrid, que poderá facer unha verdadeira política de defensa de Galicia no Congreso, unha voz libre, xenuinamente galega. Os mesmos argumentos que no pasado mais recente. Os acordos acadados por distintas forzas da esquerda botan moita terra sobre esta hipótese e ademais os dirixentes do BNG aínda non se deron de conta de que neste momento unha boa parte do corpo electoral do propio BNG fai fincapé na necesidade dun cambio político que ten que comezar, xa, en Madrid, e do que Galicia debería formar parte. O BNG non ten en conta, como fixo no ano 2005 cando se permitiu, por soberbia, xubilar a destempo a Xosé Manuel Beiras, que esta persoa aos seus moitos anos ten unha forza mediatica e unha clarividencia política coa que ningún dirixente do actual BNG pode soñar.
As divisións en política son como algúns amores: matan. Este escenario de división deixa contentos e felices a moitos e moitas dirixentes de diferentes organizacións
O resultado é o que a estas alturas coñecemos: dúas candidaturas que fan ficción calquera posibilidade, de por xa difícil, de poder contar cun grupo parlamentario galego. E xa veremos si se chega a obter representación. As divisións en política son como algúns amores: matan. Este escenario de división deixa contentos e felices a moitos e moitas dirixentes de diferentes organizacións. Os mais contentos os dirixentes do PP e do PSOE. Os mais contentos os que ganan si nada cambia.
Acabamos con música, déixovos coa canción de Deolinda:
“Agora sim, cantamos com vontade!
Agora sim, eu sinto a união!
Agora sim, já ouço a liberdade!
Vamos em frente, e é esta a direcção!
Escoitamos a eco:
-Agora não, que falta um impresso...
-Agora não, que o meu pai não quer...
-Agora não, que há engarrafamentos...”
-Vão sem mim, que eu vou lá ter..”
Poñédelle vós a música. Os aplausos os porán os que se benefician de que as esquerdas, unha vez mais, non estén a altura do que os tempos esixen.