Dereitos Humanos sen fronteiras

Hoxe fan os 66 anos da aprobación da Declaración dos Dereitos Humanos (DDHH). Outra desas datas que, nun mundo ideal, non deberían existir. Como tampouco deberían existir organizacións coma as ONG de Desenvolvemento (ONGD), que traballan defendéndoos en todo o mundo.

Foron organizacións da sociedade civil, movementos de persoas loitando por un mundo máis xusto, as que acadaron logros en forma de dereitos que hoxe se están poñendo en perigo en moitos lugares do mundo

Foron organizacións da sociedade civil, movementos de persoas loitando por un mundo máis xusto, as que acadaron logros en forma de dereitos que hoxe se están poñendo en perigo en moitos lugares do mundo. Alguén dixo que a liberdade non será dada, será tomada. O mesmo pasa cos nosos dereitos: non hai que pedilos, hai que tomalos e non esperar a que ninguén nolos dea.

Tralos primeiros movementos sociais medianamente organizados que loitaban por esas melloras de dereitos en distintos lugares do mundo, foron creándose organizacións máis formais que deron en chamarse ONG. Algunhas delas centraron o traballo noutros países onde as necesidades da poboación eran maiores que as do seu país de orixe, nun contexto posterior ao da II Guerra Mundial e de  independencia dos países colonizados en África e Asia. Casualmente, ou non tanto, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos aprobouse en 1948, na mesma época onde comezaba a “cooperación para o desenvolvemento”. Nos primeiros lustros da cooperación, traballábase máis que nada en paliar as necesidades básicas da xente máis pobre das ex-colonias (sendo ademais campo de batalla dos dous grandes bloques que nese momento pugnaban no mundo, o capitalista e o comunista). É a época que se coñece como a de “levar os peixes para que coman”.

Nos 80 e 90 as ONGD empezaron a traballar coas persoas como suxeitos de dereitos, capaces de loitar, a través de redes de organizacións en distintos países

Tratábase de asegurar algúns dos dereitos fundamentais, pero sen pretender afondar nas causas (e cun afán de influencia xeoestratéxica importante). Era unha axuda paliativa que tampouco consideraba ás persoas capaces de loitar polos seus propios dereitos (que nin coñecían).

Esta situación foi cambiando ao longo dos anos 60, 70 e sobre todo xa nos 80 e 90, cando as ONGD empezaron a traballar coas persoas como suxeitos de dereitos, capaces de loitar, a través de redes de organizacións en distintos países. En Galicia, moitas destas ONGD agrúpanse hoxe na Coordinadora Galega de ONGD e xa non traballan pensando na “xente de aquí” ou na “xente de acolá”. O apelido “sen fronteiras”, que moitas delas levan detrás do nome, non é unha moda ou unha fachada: en realidade non se traballa “axudando a outros países”.  A cooperación ao desenvolvemento xa hai tempo que deixou de ser exclusivamente de ámbito internacional, aínda que os fondos públicos provistos para desenvolver esta política pública nas comunidades autónomas dependen habitualmente dos departamentos con competencias en relacións exteriores, o mesmo que no ámbito estatal. Traballamos no ámbito da educación transformadora, para promover unha cidadanía crítica e consciente das súas accións e opcións. Iso inclúe, polo tanto, combater inxustizas, apoiar colectivos excluídos e denunciar ameazas aos DDHH tamén no noso entorno máis próximo.

Se non fora por estas organizacións, sería moito máis complicado visibilizar eses deterioro global dos DDHH e os efectos que algunhas prácticas realizadas nuns territorios teñen noutros

Trabállase, pois, na defensa dos DDHH en todo o mundo. Uns dereitos que tamén en Galicia nos están a negar. O traballo de loita polos DDHH a nivel global implica, claro está, o traballo en rede con entidades doutros países (é habitual ter proxectos en marcha noutros países colaborando con organizacións deses países). Isto dá ás ONGD unha visión global da interrelación entre as violacións dos DDHH neste mundo globalizado. Por exemplo, como a multinacional do país X (se é que se poden considerar as multinacionais como propias dalgún país) incide coas súas políticas laborais e ambientais noutro país (ou unha determinada política pública do noso país ou, no noso caso, da Unión Europea), de xeito que se activan as redes entre ambos países para a denuncia conxunta. Se non fora por estas organizacións, sería moito máis complicado visibilizar eses deterioro global dos DDHH e os efectos que algunhas prácticas realizadas nuns territorios teñen noutros. Falamos, entón, das ONGD coma pontes entre organizacións da sociedade civil que loita polos seus dereitos, sen importar o lugar, e que se dan apoia solidariamente. Nesta loita, polo tanto, non cabe a demagoxia das persoas que consideran que hai que escoller entre recortar fondos na cooperación e pechar ambulatorios no Estado español.

Hai países onde a recuperación dos DDHH perdidos (ou a loita polos que aínda nunca foran gañados), será máis custosa. Será máis custosa por partir dunha situación moito máis grave de falta de dereitos e opresión dunha gran maioría da poboación, especialmente as mulleres e a infancia. Tamén  polo contexto institucional, social e económico agravado por unhas políticas impulsadas polas elites (as dos países máis empobrecidos, pero sobre todo as dos países con máis poder económico) que pretenden manter os seus privilexios a costa dos dereitos e o sufrimento da maioría das persoas que habitamos o planeta.

Dende as organizacións sociais seguiremos traballando para que os dereitos sexan globais e nunca máis unha moeda de cambio

Dende as organizacións sociais seguiremos traballando para que os dereitos sexan globais e nunca máis unha moeda de cambio. Denunciaremos, esixiremos e seguiremos acompañando ás persoas e aos colectivos na defensa dos nosos dereitos. Porque si creemos que hai a oportunidade e o respaldo moral para construír un mundo onde o lugar de nacemento, o sexo ou a etnia non condicione as oportunidades das persoas ter unha vida que pague a pena ser vivida. E tamén creemos que cada unha de nós podemos facer moito por acadar ese mundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.