Un triunfo sen paliativos da democracia a prol dunha sociedade aberta. Coa maior participación da historia democrática do país desde 1989, os votantes deixaron ben ás claras a súa preocupación polo futuro do país, desbotando coa súa mobilización a estratexia do PiS, que non dubidou en instrumentalizar o poder institucional e financeiro do Estado
Difícil conter as arelas dunha Europa algo menos intolerante, retrógrada e reaccionaria tralas eleccións do 15 de outubro. Polonia deberá asistir a semanas de transaccións para formar goberno nun escenario postelectoral que, casualmente, non resulta alleo aos electores españois. Porque a dereita extrema gañou os comicios, pero sen maioría suficiente para manterse no poder. A oposición arredor dunha coalición encabezada pola Plataforma Cívica de Donald Tusk, de centrodereita, onde se inclúen liberais da Terceira Vía e socialdemócratas de Nova Esquerda, terá deste xeito a súa oportunidade de poñer punto e final á experiencia do goberno iliberal de Lei e Xustiza (PiS, nas súas siglas en polaco). Un triunfo sen paliativos da democracia a prol dunha sociedade aberta. Coa maior participación da historia democrática do país desde 1989, os votantes deixaron ben ás claras a súa preocupación polo futuro do país, desbotando coa súa mobilización a estratexia do PiS, que non dubidou en instrumentalizar o poder institucional e financeiro do Estado.
A derrota da dereita extrema en grande medida é o resultado da crecente canseira da sociedade co PiS. Unha sondaxe realizada a principios de outubro destilaba que o 61% dos polacos sinalaban que lles gustaría ver un cambio de goberno, mentres que tan só o 24% dos enquisados desexaban que o PiS se mantivese no poder.
Antes da decepción, de topar de fronte coa crúa realidade de vendedores de fume que propuñan doadas solucións para mellorar a vida da xente, entre 2015-2019 moitos polacos confiaban na xestión do partido no goberno, mesmo se non compartían as súas posicións ideolóxicas deterioro da situación económica, a elevada inflación e a incompetencia de certos ministros eran algúns dos argumentos de cargo contra a extrema dereita, ao que hai que engadir o inxusto reparto das prestacións públicas, que non chegaban unicamente aos máis necesitados, e o deterioro dos servizos públicos, nomeadamente a sanidade e a educación, porén as altas cargas fiscais sobre as clases medias.
A oposición obtivo maioría absoluta, pero o proceso de formación de goberno non será sinxelo. É probable que o presidente Andrzej Duda nomee primeiro ministro a un representante do PiS, ganador das eleccións, para que tente formar goberno. Será a quenda dos liberais só cando o primeiro ministro designado por Duda, previsiblemente o actual líder do executivo, Mateusz Morawiecki, non acade os votos suficientes no Parlamento. Esta eventualidade implicaría que o PiS permaneza á fronte do país até mediados de decembro de xeito provisorio, con pleno control sobre o aparato do Estado. Neste senso, está por ver en como e en que condicións o poder será transferido ao novo executivo de Tusk, non podendo excluír algún tipo de manobra dilatoria, de desprestixio do proceso electoral e de deslexitimación do sistema de maiorías parlamentarias e dos partidos de oposición, presentándose os iliberais como senlleiros baluartes da democracia polaca, arremedando a deriva de Feijoo en España.
Salvados os obstáculos e pasado o ruído, certo que a vitoria da oposición abre a vía para unha reorientación da política interior, sendo as prioridades o desaloxo de extremistas do sector público e medios de comunicación de Estado, e a restauración do Estado de dereito, que debera ter como contrapartida o desbloqueo dos fondos da UE
Salvados os obstáculos e pasado o ruído, certo que a vitoria da oposición abre a vía para unha reorientación da política interior, sendo as prioridades o desaloxo de extremistas do sector público e medios de comunicación de Estado, e a restauración do Estado de dereito, que debera ter como contrapartida o desbloqueo dos fondos da UE. Emporiso, o novo executivo deberá facer fronte a atrancos como que o presidente Duda proceda a vetar cada acto lexislativo, non tendo a coalición gobernamental os 3/5 necesarios na cámara para superar a censura. Certo tamén que baixo o mando de Tusk, Polonia debera ser un actor construtivo na política comunitaria, restaurando as relacións cos demais de socios. No entanto, cunha oposición antieuropea forte e hostil cada medida de acercamento a Bruxelas será obxecto de arduos debates que minorarán a marxe de acción de goberno. Amais, Tusk herda unha delicada situación económica, cunha elevada inflación con visos de permanencia e cos recursos do Estado baixo presión, acadando a débeda unha cifra récord. Un contexto con certeza pouco indulxente, pero que non agocha a ilusión coa que Europa acolle a nova etapa que se abre en Polonia.