É moi evidente o desánimo e o desacougo que nos invade polo rumbo que leva o planeta. Toda esta carga de sufrimento ten un forte impacto no noso ánimo e na nosa saúde mental
Dende hai un tempo para aquí, xa anos posiblemente, a nada que falas con alguén que teña certas sensibilidades e que habite o mundo globalmente con consciencia, é moi evidente o desánimo e o desacougo que nos invade polo rumbo que leva o planeta. Pandemia, xenocidios, guerras, sequías, riadas, incendios, violencias machistas, violencias xenófobas, desafiuzamentos… e así cada día.
Información que chega a través dos medios de comunicación e das redes sociais onde a mesma nova pode aparecer varias veces ao día, mesmo con imaxes desoladoras e desgarradoras. E isto pode ter un dobre impacto: ou te desensibilizas por exposición ou te sobrecolles por superación.
A información chega a través dos medios de comunicación e das redes sociais onde a mesma nova pode aparecer varias veces ao día, mesmo con imaxes desoladoras e desgarradoras. E isto pode ter un dobre impacto: ou te desensibilizas por exposición ou te sobrecolles por superación
Toda esta carga de sufrimento ten un forte impacto no noso ánimo e na nosa saúde mental; estados de angustia, desesperanza, frustración, odio e tristura que nos inundan en diferentes e múltiples momentos do día.
É importante gañar consciencia de como me afecta o consumo destes contidos. Temos que pensar que o noso cerebro se alimenta a base do que lemos, escoitamos e vemos. Ser conscientes de se estamos sendo quen de dixerir o que estamos a consumir é un primeiro paso moi importante na nosa regulación emocional e polo tanto como pauta base de autocoidado. Non se trata de non estar enteradas do que acontece no mundo, pois claro que forma parte da nosa responsabilidade cidadá saber o que acontece, mais temos que replantexarnos que non por ler máis artigos ou ver máis vídeos imos poder facer máis e mellor as cousas.
Ser conscientes de se estamos sendo quen de dixerir o que estamos a consumir é un primeiro paso moi importante na nosa regulación emocional e polo tanto como pauta base de autocoidado. A sobreinformación e a sobreexposición poden levar a que a nosa compaixón colapse
A sobreinformación e a sobreexposición poden levar a que a nosa compaixón colapse. O colapso, como mecanismo automático de superviviencia do noso sistema nervioso, protéxenos do que non podemos manexar ou soportar emocionalmente. Ese colapso ten que ver coa paralización e, moitas veces, até con perder a consciencia (literal e metaforicamente). Esa paralización vai levar a que nos sintamos máis impotentes, porque se incrementa a sensación de non poder facer nada para solucionar os múltiples problemas aos que nos estamos a enfrontar.
Non hai que esquecer que o ser humano está feito para vivir en grupo pequeno (40- 50 persoas) e, polo tanto, soster o que ese número de persoas que o compoñen poidan precisar. As novas que nos chegan falan do sufrimento de milleiros de persoas ao longo de moitos territorios por todo o planeta. Pola nosa propia condición humana a tanto, a todo, non podemos chegar, de aí que nos sintamos sobrepasadas e ansiosas; gustaríanos chegar a máis do que realmente podemos. Temos que ser realistas e aceptar cal é a marxe de acción na que podemos actuar directamente ou ter certa influencia.
Pequenos xestos de amabilidade e de tenrura poden contribuír a xerar sentimentos de conexión que posiblemente axuden a aliviar o sufrimento de quen teño máis preto. Pasar da frustración global á acción local, ten un punto de alivio emocional e de fortalecemento
Mais outra vez non se trata do todo ou da nada. O exercicio da compaixón pode ser posto en práctica igualmente a través de pequenos xestos que si correlacionan directamente coa nosa responsabilidade individual a nivel cotiá. Pequenos xestos de amabilidade e de tenrura poden contribuír a xerar sentimentos de conexión que posiblemente axuden a aliviar o sufrimento de quen teño máis preto. Pasar da frustración global á acción local, ten un punto de alivio emocional e de fortalecemento.
Porque, amiga, non esquezamos nunca que se queremos chegar axiña, podemos ir soas, pero se queremos chegar lonxe, temos que ir acompañadas. Porque en tempos de violencias e desesperanza, de soidades e polaridades, non esquezamos o poder da comunidade, do vínculo, da interconexión como motor vital e alimento da esperanza.