Desafogo de converso

© Whatsapp

Desde hai un mes varios xornais anglosaxóns cuestionan as redes sociais con dureza, pola deshonestidade dos propietarios. Tamén se publican análises que describen Twiter e Facebook como lugares de ignorancia, reducionistas e máis que vulgares embrutecedores. Parece que se afirma a tendencia. Algúns individuos poderosos cerraron as súas contas e o líder verde alemán renunciou antonte a usalas na próxima campaña electoral, elixindo el, por tanto, os espazos por onde comunica e considerando, de facto, as redes como lixo.

Quen o probou sábeo. Aquel que procure obter certa calidade na oferta particularizada que Facebook lle fai, entrará nunha loita sen cuartel contra a estulticia, perdida de antemán. O purificador gastará a súa enerxía deixando de seguir, bloqueando descerebrados, eliminando intimidades, estados de ánimo, lemas para orientarse na vida, enfermidades, escatoloxías e análises paiolos que aborrece. Até o infinito.

Deste xeito o buscador dese grial convértese no outro imbécil, non menos imbécil, aínda que no seu narcisismo se considere moi singular cando pulsa nos trebellos pretendendo a súa perfección espiritual, a mellora da nación e a harmonía da humanidade.

A cousa aínda dexenera co guasap, cando se acepta como panca para redimir o mundo. Porque entre as mesmas bobadas liberadoras e simpaticonas, que de todo hai, van predominando as análises máis emburrecidas e viles; ou só falsas. De momento axudaron moito a converter un bárbaro en presidente do Brasil. E outro no dos EEUU.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.