Desculpen, que se celebra?

12 de outubro, día de gloria e festa no imperio español (bueno, no que queda del...). Seica se celebra a homoxeneidade, non só cultural. Contan que en Castilla todos os homes se afeitan e se rapan a cabeza e visten a mesma roupa, e as mulleres quedan na casa, pechadas e a bo recaudo, rezando pola gloria de Felipe II e o Fari. En Galicia non falta quen lamente que non se ven suficientes bandeiras rojihualdas nos balcóns (a min parécenme que cada vez hai máis, pero será unha cuestión de ver o vaso medio cheo ou medio vacío...). 

Poñéndonos un pouco máis serios, non veño a insultar a nacionalistas ou a retóricos da historia, gustaríame aportar unha visión completa e obxectiva do que supuxo o descubrimento de América, a expansión da cultura hispánica a gran parte do Novo Mundo e o que isto supuxo para a poboación nativa desta parte da Terra. Antes que nada quero sinalar que o ataque frontal que se fai cara o fenómeno da conquista por parte do nacionalismo latinoamericano e o “esquerdismo” non resolve moito a interpretación esotérica da historia a que fai o españolismo. Isto provoca dúas posicións antagónicas (e en gran medida irracionais): a dos hippies clamando polos dereitos indíxenas e sinalando todo o hispano como negativo e aberrante, e a da “gente de bien” que defende que os españoles liberaron a América do salvaxismo e seguen ancorados no seu glorioso século XVI (do que non os sacas nin a tiros). A primeira debémola rastrexar dende os primeiros intentos independentistas na rexión, que baixo o apoio inglés, pretenden amosar un horizonte de independencia no que todos os agravios dos conquistadores serían reparados. Tristemente despois de moitos anos de independencia vemos como isto só é unha construción retórica, mentres que os indíxenas e os nativos máis humildes seguen sendo empregados con fins políticos pero en ningún caso son tidos en conta, sendo explotados do mesmo xeito pola súa burguesía nacional que pola foránea peninsular. Pero non nos debe estrañar, xa que certas interpretacións históricas sinalan que un dos primeiros defensores dos dereitos básicos dos indíxenas, Bartolomé de las Casas, realizará esta obra amparado polos Reis Católicos, pretendendo convertelos de escravos a súbditos da Coroa, xa que de sobra é sabido que “os mortos non pagan impostos”. Por outro lado atopámonos a antítese deste discurso, aqueles “español y mucho españoles” que pretenden facernos crer que todo o progreso material, ou incluso que o fin último da vida dun español, é a defensa a ultranza do proceso de conquista de América. Tristemente esta é unha das áncoras historiográficas máis potentes que impiden avanzar ó país cara novos horizontes futuros, (tal como o imperio romano para Italia, o imperio francés para os galos, o Reich no caso xermano, o imperio otomano para os turcos...) amparándose en construcións sobredimensionadas como a “Leyenda Negra”... As elites do país proxectan constantemente a imaxe dun pasado glorioso, tanto na literatura, como no cine ou na pintura. Un pobo que vive mirando para atrás constantemente acaba sufrindo moito máis que unha torticulitis tremenda... Sinto comunicarlle a ese españoles que si os trasladasen atrás no tempo o seu rol histórico non sería o dun conde de alta alcurnia, ou dun Hernán Cortés, se non o do pobre campesiño que debería traballar de sol a sol para conseguir a subsistencia, tanto en terreo patrio como nas “Indias”. Polo tanto o que sacamos en claro é que do mesmo fenómeno o que se pretende é empregalo como válvula de escape para as tensións entre clases, tanto sinalando a un invasor co que en realidade se ten moito en común, como pretendendo impor a idea de que todo tempo pasado foi mellor...

Pasando a un análise máis pormenorizado da conquista, atopámonos ante un fenómeno de expansión económica sen precedentes históricos, xa que o desnivel tecnolóxico bélico favorecía altamente ós españois (breve nota a españolistas empedernidos: si vas a basear a túa existencia histórica nunha fazaña bélica, polo menos procura que sexa en igualdade de condicións...), o que xunto ás enfermidades europeas provocou unha redución case absoluta do continxente demográfico nativo... Considero que o termo de xenocidio non é adecuado, xa que representa concepcións máis propias da idade moderna, pero o shock que isto provocou en América en ningún momento se debe infravalorar. Pero debemos facernos a pregunta de si esta ansia por expandirse cara o descoñecido foi algo xenuíno dentro da alma española ou si se debeu a procesos máis ben estruturais e materiais. A ansia de aumentar os beneficios é algo inherente ó capitalismo, de aí que os imperios sexan en esencia expansivos, e no momento que esta expansión se trunque empecen os problemas... Por todo isto non debemos esquecer que o proceso de colonización africana que comezan os portugueses condiciona en gran medida a necesidade de expansión comercial e a procura de novas fontes de recursos por parte dos casteláns. Polo tanto podemos deducir que como en todos os procesos de expansión colonialista o que forza á xente a seguir o impulso imperialista é a presión interna das súas burguesías nacionais cara un novo horizonte que se amosa como a panacea da abundancia. Isto non xustifica todas as barbaridades e abusos que se cometeron na conquista americana (tantas como en calquera proceso de colonización), pero debemos introducir o humano factor da procura da subsistencia constante. Si non o facemos estaremos analizando a realidade dun xeito parcial e interesado. Tras aclarar isto debemos desmontar outro dos mitos sobre os supostos beneficios que lle suporía as Españas a conquista de América. Todo o extraído do continente americano non foi redistribuído, polo que só beneficiou a un reducido grupo de aristócratas, por non falar da deficiente xestión dos mesmos que fixo que os auténticos beneficiarios da conquista fosen os banqueiros e prestamistas do centro Europa, permitíndolle adquirir materiais escasos no vello continente a prezos irrisorios polo exceso deles no mercado interno castelán, por non falar do endebedamento da monarquía para sufragar campañas militares por Europa. Disto deducimos que para as clases populares do reino benefícianos máis ben pouco tanto a conquista de América, a non belixerancia española na Gran Guerra ou as ganancias que Amancio Ortega teña a final de mes... 

Xa para rematar non podo deixar de mencionar os irracionais ataques que non fai moito se produciron contra imaxes que virían a representar o ideario colonialista. De novo atopámonos ante unha prestidixitación postmoderna, na que en lugar de militar politicamente para rematar co neocolonialismo que aínda golpea a ó mundo non occidental, se decide realizar unha destrución dos “símbolos” colonialistas. Supoño que a lóxica deste fenómeno sería algo así como, “se non hai probas non hai delito”, algo que non estraña xa que seguramente os que realizaron estas “agresións” son persoas de extracto pequeno burgués que nunca na súa vida se tiveron que enfrontar ca dureza e complexidade da realidade. O trasfondo que os movería a realizar semellantes accións non sería máis que a lóxica de que non os relacionasen cun proceso do que no fondo se senten herdeiros e non acaban de entender realmente o porque o colonialismo e o imperialismo se deben calificar como unha barbarie, unha das tantas que provoca o sistema capitalista... En fin, despois de todo isto só me gustaría sinalar que o 12 de outubro será un día de celebración cando a fraternidade entre os pobos sexa real, cando o proletariado, tanto deste lado do Atlántico como do outro, se libere da clase que os oprime e se aproveita dun fenómeno histórico para crear un discurso que serve como muro infranqueable que segue amparando a brutal explotación do home polo home. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.