Desde as marxes

Fotografía de mulleres carrexadoras tirada por Ruth Matilda Anderson nas Laxiñas en 1924 © Hispanic Society of America

Ruth Matilda Anderson viaxa a Galicia no ano 1924 acompañada polo pai e en 1925 viaxa por segunda vez con Francis Spalding tamén fotógrafa. O seu enorme traballo en Galicia quedou materializado nunhas 5.200 fotografías e “unha minuciosa monografía sobre a cultura galega” Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña publicada en 1939

Á saída dunha xuntanza de Andaina, Laura Gómez agasalloume cun libro. Esa noite abrino e vin unha dedicatoria de Alba Rodríguez, a autora, para min. Emocionante todo: o libro, as mans polas que me chegou, a dedicatoria e tamén alí estaba Ruth Matilda Anderson.

Púxenme a lelo espreguizando o sono e chea de entusiasmo. Á par que avanzaba na lectura pensaba na valentía da autora achegándonos informacións moi relevantes de Ruth Matilda e, na súa defensa, atrevéndose cos mitos fundacionais e coas elites culturais de onte e de hoxe. Polo uso de estratexias de ocultación dunha investigadora que nos deixou un ensaio sobre a cultura galega máis que meritorio. Hai moita potencia intelectual neste traballo e unha fonda honestidade da autora ao enfrontar a súa propia evolución, os seus temores, e mesmo sinalar que “non fun consciente do que significaba Anderson para a cultura e, moi especialmente, para as mulleres galegas, as de antes e as de agora” (páx.82). Hai que ter conta que Alba leva traballando con Ruth Matilda desde 2008 aínda que sexa de xeito interrompido. E é con seguridade boa coñecedora da fotógrafa e investigadora ademais de ser a súa primeira tradutora ao galego.

Capa do libro Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes © Laiovento

Sulfura constatar que esa minoría rebelde que pugna por facer valer que Galiza e a súa lingua deixe de ser periferia para ocupar a centralidade que eles reivindican, ignore á mantenta a maioría da poboación galega

Ruth Matilda ANDERSON viaxa a Galicia no ano 1924 acompañada polo pai e en 1925 viaxa por segunda vez con Francis Spalding tamén fotógrafa. Viña coa encarga de The Hispanic Society of America (HSA) para “retratar” un mundo que esmorecía á par que o avance da industrialización occidental.

Os preparativos incluíron unha viaxe previa a Madrid para a mellora do español e o achegamento ao galego así como os contactos académicos para a súa investigación.

O seu enorme traballo en Galicia quedou materializado nunhas 5.200 fotografías e “unha minuciosa monografía sobre a cultura galega” Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña publicada en 1939 pola HSA e aínda non traducida ao galego nesta altura. 

Eles, os intelectuais e líderes galeguistas, non as ven, ás mulleres, aínda que sería máis preciso dicir que non queren velas, porque non son invisibles xa que outras intelectuais de finais do XIX e principios do XX si as viron: Concepción Arenal, Juana de Vega, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato...

Mira coa súa lente a infancia, o campesiñado e a esas mulleres que desenvolven tarefas colectivamente ou de xeito individual. De todo iso déixanos unhas estampas impresionantes que comezamos coñecer case cen anos despois de ela ter vido a “esta terriña meiga”. Anderson pon o foco en moitos dos faceres da vida cotiá, que non adoitan tomarse en consideración. Traballos produtivos e reprodutivos que requiren de forza e enerxía e que conforman boa parte da vida e a economía galega da época. Elas, as mulleres que retrata, son vistas pola investigadora como creadoras, produtoras e dinamizadoras malia que daquela á intelectualidade do país apenas nada disto lle mereza atención. 

“Anderson cedeulles a palabra a unhas mulleres invisibles a ollos duns homes que, nesa altura do século, lideraban o galeguismo impulsado coas Irmandades da Fala desde 1916 e que, catro anos despois da partida de Anderson, habería cristalizar na conformación de Nós. Cun enfoque que deixaba en evidencia o desinterese masculino cara á maior parte da poboación galega, unha muller estranxeira colocaba no centro do seu estudo, e do obxectivo de Huntington, as mulleres de Galicia, en detrimento dos virís próceres, tan afeitos a gobernaren o canon. Anderson virou o seu foco cara ás marxes e a través delas redactou o retrato dunha Galicia que, por desgraza, mesmo as nosas nais puideron chegar a coñecer.”

Unha palilleira, fotografada por Ruth Matilda Anderson nos anos 20 do século pasado © RAG

R.M. Anderson foi ignorada e ocultada á mantenta e cando tales estratexias xa non podían sosterse é deturpada con variados argumentos da man de próceres da cultura galega, de onte e de hoxe

Boa parte do núcleo do traballo de Alba Rodríguez Saavedra en Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes, Laiovento 2025, está contido neste parágrafo (páx 170-171). Lido con vagar sulfura constatar que esa minoría rebelde que pugna por facer valer que Galiza e a súa lingua deixe de ser periferia para ocupar a centralidade que eles reivindican, ignore á mantenta a maioría da poboación galega, esa que subsistía “torcendo mulidas para carrexaren sobre elas o peso enteiro do mundo” porque eles saberían, igual que o soubo naquela altura R.M.Anderson que “En Galicia, por cada cinco mulleres, había un home”.

Eles, os intelectuais e líderes galeguistas, non as ven, ás mulleres, aínda que sería máis preciso dicir que non queren velas, porque non son invisibles xa que outras intelectuais de finais do XIX e principios do XX si as viron, ocupáronse delas e “situáronas no primeiro plano das demandas de xustiza”: Concepción Arenal, Juana de Vega, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato.

Tamén había ser malo de levar non seren eles as fontes de autoridade para a investigadora Anderson e si o sexan unha outra Rosalía de Castro, E.Pardo Bazán e as mulleres rurais galegas

R.M. Anderson foi ignorada e ocultada á mantenta e cando tales estratexias xa non podían sosterse é deturpada con variados argumentos da man de próceres da cultura galega, de onte e de hoxe, que sempre encontran un roto para un descosido con tal de subestimar ou menosprezar os traballos que non fixeron eles ou os seus colegas ou non aborden os importantísimos asuntos que eles teñen como tales, desestimando a vida cotiá, os traballos de reprodución, as tarefas feminizadas, as “cousas de mulleres” e as mulleres mesmas.

Por todo iso, desde logo, pero tamén porque sería difícil de soportar que unha muller, estranxeira e conservadora puxese diante dos fociños dos pais da patria todo canto eles non viron a pesar de telo diante dos ollos e ser a parte maioritaria do país galego polo que loitaban. Tamén había ser malo de levar non seren eles as fontes de autoridade para a investigadora Anderson e si o sexan unha outra Rosalía de Castro, E.Pardo Bazán e as mulleres rurais galegas.

Paga moito lelo. Proporciona sobrados argumentos para entender a razón pola que Ruth Matilda foi abandonada nas marxes pola intelectualidade galeguista de entón

A valente Alba Rodríguez Saavedra tamén nos instrúe nas virtudes do seu oficio de tradutora, de aí o aparentemente enigmático á par que revelador subtítulo do libro: Tradutora das marxes.

Paga moito lelo. Proporciona sobrados argumentos para entender a razón pola que Ruth Matilda foi abandonada nas marxes pola intelectualidade galeguista de entón, e máis que nada achéganos a esa estranxeira conservadora que merece figurar, ela e os seus traballos de Galicia, no noso sistema cultural. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.