Carmela Silva, respondeu ás críticas feitas polo BNG, acusándome, como voceira do grupo municipal, de non saber o que acontece na cidade porque paso as fins de semana "nunha cidade do norte"
Na convulsa vida municipal deste país, con concellos xudicializados e sorprendentes pactos políticos, atopámonos tamén con debates sen contido político e alusións a circunstancias persoais cando menos pouco relevantes. Así, no pleno do mes de marzo do concello de Vigo, a tenente de alcalde, Carmela Silva, respondeu ás críticas feitas polo BNG, acusándome, como voceira do grupo municipal, de non saber o que acontece na cidade porque paso as fins de semana "nunha cidade do norte". Referíase á Coruña, para ela "a innomeable". Ese foi o inicio dun pleno cheo de alusións persoais falsas e improcedentes ás que non contestamos no contexto dun debate político pero desde logo que me fixeron reflexionar sobre as maneiras tan diferentes que hai de entender a política, tanto no sentido amplo do termo como no exercicio dun cargo público, incluíndo a denigración dos organismos de representación cidadá ou os enfrontamentos destrutivos provocados buscando rendementos partidistas.
Nunha cidade como Vigo, unha desas chamadas cidades de aluvión, non é nada raro ser viguesa sen ter nacido aquí
Cheguei a Vigo en setembro de 1993, como estudante, para facer a licenciatura de Tradución e Interpretación. Moitas das miñas compañeiras e compañeiros eran de fóra de Vigo, coma min, e moitas quedamos a vivir nesta cidade logo de rematar os estudos, igual que moitas andan espalladas polo mundo adiante. Nunha cidade como Vigo, unha desas chamadas cidades de aluvión, non é nada raro ser viguesa sen ter nacido aquí e, como me pasou noutras cidades nas que vivín, ou na miña propia, A Coruña, atopeille a Vigo cousas que me gustaban e cousas que non, como a calquera outra cidade, insisto, ou como a calquera persoa ou como á vida mesma. Pero iso non nos impide querer a vida, querer as persoas e querer as cidades. O amor, afortunadamente, non se divide nin está taxado, de feito canto máis dás, máis tes.
Encántanos ir á Coruña, vai ser que, como di Xurxo Souto, Coruña e Vigo son a mesma cidade!
Decidín quedar a vivir en Vigo, aquí naceron as miñas crianzas e estou contenta coa miña vida. Imos visitar o avó e a avoa, o tío e a tía e os curmáns e a curmá sempre que podemos (que máis quixera miña nai que todas as fins de semana! unha fin de semana ao mes e ás veces nin iso), como fai tanta e tanta xente que, chegada de fóra, constrúe e dá vida (construímos e damos vida) a esta cidade. E encántanos ir á Coruña, vai ser que, como di Xurxo Souto, Coruña e Vigo son a mesma cidade!
Calquera outra consideración é puro entretemento irrelevante e trasladalo a calquera aspecto da vida, mesmo aos máis serios e con consecuencias directas sobre a vida da xente como é a política e a xestión dos cartos públicos, é unha responsabilidade que ten que asumir cada quen, asumindo as consecuencias de transformar todo debate nun Sálvame Deluxe lanzador de consignas de enfrontamentos e insultos. Depende de cada un de nós enriquecernos cos aspectos positivos que podemos sacar de todos os sitios e de todas as persoas ou enlamalo todo para poñernos as cousas máis complicadas do que poden chegar a ser.
Depende de cada un de nós enriquecernos cos aspectos positivos que podemos sacar de todos os sitios e de todas as persoas ou enlamalo todo
Trátase dunha decisión persoal pero, como boa feminista (téñoas todas! feminista, nacionalista, d'A Coruña... ;-)) estou convencida de que o persoal é político e de que é unha obriga que temos a de tirar proveito das leccións que nos dá a vida, aceptar os nosos erros, aprender dos nosos acertos e intentar ser cada día un pouquiño mellor persoa para ser un pouquiño mellor política (ou médica, ou profesora, ou dependenta ou...) porque a mediocridade pode servir para acumular cargos e achegarse a ese poder abafante que tanto gusta de soldados obedientes pero non para mellorar o mundo.
E dito isto, voume preparando para a seguinte treboada...