En Marea non é un partido tradicional, ao uso, “En Marea naceu para mudalo todo”, esa foi a idea inicial e nesa idea se segue traballando día a día.
En Marea pretende ser un espazo aberto, de cooperación, onde as persoas sexan partícipes do proxecto, facéndoo seu, decidindo sobre tódalas cuestións relevantes da axenda política, caracterizándose pola pluralidade, a transversalidade e a aposta por unha organización de esquerda nacional útil para o país.
O sentido de En Marea é crear un espazo onde o prioritario sexa dar cabida a toda persoa que queira rachar co réxime postfranquista do 78 e as políticas conservadoras do Partido Popular.
A tarefa non é sinxela, todo o contrario, por eso é esencial afortalar o proxecto, que mais xente o sinta como seu, de aí a importancia de tecer mareas ao longo de todo o noso territorio, xa que sen esa base, sen o coñecemento que as mareas locais poden aportar na súa relación con En Marea, nada desto tería sentido, xa que, quen mellor coñece o seu territorio e quen mellor pode transmitir as necesidades, carencias, propostas e iniciativas é quen vive nel, quen sabe da riqueza e diversidade da nosa terra.
Neste proceso todo o mundo é necesario, debese sumar e non restar, xa que a maquinaria do inimigo é moi poderosa. Debe primar a solidariedade, a fraternidade e a sororidade, ter presente o que une máis que o que separa ou no que se discrepa.
Os intentos de integración de tódalas sensibilidades non son baladís, non son por vender fume, precísanse todas, agora non é o momento de xerar deslexitimidades, suspicacias ou “pataletas”, é o momento de traballar, e moito para conseguir o obxectivo, claramente identificado.
Teimar sistemáticamente por desacreditar un proxecto non lle fai ningún ben (nin ao proxecto nin ás persoas que creen e apostan por el), precísanse tódalas enerxías turrando cara a mesma dirección ou non se cambiará nada.
É esencial empoderar ás persoas para que se sintan protagonistas das decisións, para que estean formadas e informadas do que está acontecendo, das alternativas posibles e vieiros e vetas por traballar.
Fronte ás políticas que queren rematar co rural, coa educación pública, coa sanidade pública, etc. fronte ás políticas coas que se lucra unha minoría en detrimento da maioría social, hai alternativa: de cadaquén depende aproveitar a oportunidade de mudar a situación política actual ou que fique como ate agora. A touro pasado non vale laiarse polo que se puido ter feito e non se fixo, o momento de deixarse a pel é agora.