Cando un político chega ao poder, trata de aplicar a súa ideoloxía na xestión do público. A dereita liberal non cre no Estado. É un axioma clásico e, polo tanto, o público sobra. O artigo 14 da nosa Constitución garante a igualdade de todos os cidadáns, pero é obvio, e así o ratifica o Tribunal Constitucional, que a aplicación deste dereito non pode ser radical: a igualdade é unha aspiración, non un punto de partida, para conseguila implica un trato diferente a colectivos que sexan diferentes.
A reinvención da Xustiza emprendida por Gallardón consagra precisamente, ademais dunha xustiza de pago, o principio da igualdade radical, que, en realidade, implica un afastamento entre clases
A reinvención da Xustiza emprendida por Gallardón consagra precisamente, ademais dunha xustiza de pago, o principio da igualdade radical, que, en realidade, implica un afastamento entre clases. Segundo as teses gallardonianas, a xustiza ten un prezo, e é o mesmo para todos, da igual que durmas nunha cama de ouro que no banco dunha estación de tren.
Sen ningún tipo de apoio, nin político nin social, e nin tan sequera dos que compartirían, por empatía, a súa revolución retrógrada cara a xustiza medieval, Alberto Ruiz Gallardón avanza cara ao abismo levando nas costas o peso da xustiza.
A fuxida cara adiante do Ministro de Xustiza, sen contar con máis armas que a aplicación práctica dos principios da dereita liberal, aínda que soe rechamante, non é un acto de mala fe, é un acto de convicción ideolóxica. É unha carreira precipitada, a soidade do corredor de fondo, neste caso un bólido pola dirección contraria na autoestrada do sentido común. Sen ningún tipo de apoio, nin político nin social, e nin tan sequera dos que compartirían, por empatía, a súa revolución retrógrada cara a xustiza medieval (a conservadora Asociación Profesional da Maxistratura, por exemplo), Alberto Ruiz Gallardón avanza cara ao abismo levando nas costas o peso da xustiza.
En menos dun ano, o Atila da Xustiza, asolou con bombas de racimo o servizo público que defendemos: a lei de taxas, a privatización do Rexistro Civil e dos actos de comunicación, a supresión de partidos, a precarización do emprego público con redución de dereitos laborais e retributivos, a eliminación da xustiza de proximidade, a entrega da instrución á fiscalía, deixan a xustiza nun estado crítico e agonizante, onde se fai imposible a reivindicación de dereitos da cidadanía en pé de igualdade co aparato do Estado e as grandes corporacións.
O diálogo social morreu de inanición, pero quédanos a unión, o compromiso coa historia de reivindicar o que cremos que debe ser a Xustiza: un servizo público dotado de suficientes medios capaz de ofrecer garantías de cumprimento aos lexítimos dereitos da cidadanía
Precisamente Atila, na batalla de Chalons, arengou a súa tropa: “Caede sobre eles, rotos os osos, os corpos non se moven”. Pero nós, os/as traballadores/as da xustiza, os que mellor coñecemos as nefastas consecuencias destas reformas radicais, aínda que feridos, non estamos mortos. Pecháronnos en Galicia e Madrid a vía negociadora, o diálogo social morreu de inanición, pero quédanos a unión, o compromiso coa historia de reivindicar o que cremos que debe ser a Xustiza: un servizo público dotado de suficientes medios materiais e persoais capaz de ofrecer garantías de cumprimento aos lexítimos dereitos da cidadanía, e o que non debe ser: un negocio para determinadas profesións liberais, unha porta aberta á corrupción política e un lastre que o ministerio lanza ao baleiro para non volver.
Cómpre abandonar os receos e sumarse á unión sindical e social, coa participación de todos e todas, e dar a batalla, por dignidade e por convicción
O escepticismo na loita esténdese como un bidón de aceite derramado. Nada serve, concentracións, manifestacións, escraches, pitadas, folgas,... O modelo sindical ponse en cuestión, a tea de araña tecida polo sistema co altofalante dos medios de comunicación afíns, fai caer na súa enredadeira ao imaxinario colectivo, no que o sindicato pasa a ser parte do sistema e un inimigo máis. A crítica, en moitos casos, tivo, e ten, xustificación. Pero non pode embazar o cristal da realidade. Sen movemento social, se non abandonamos o individualismo e pasamos a pensar como colectivo, se renunciamos a formar parte da mobilización sostida, seremos cómplices de Atila e, por omisión, corresponsables da barbarie. Cómpre abandonar os receos e sumarse á unión sindical e social, coa participación de todos e todas, e dar a batalla, por dignidade e por convicción. A resignación, a autoflaxelación, o decaemento son escusas para amparar a indiferenza, a ausencia de responsabilidade histórica, o egoísmo animal que impide o desenvolvemento dunha sociedade solidaria, complexa e fraterna.