Despedindo a década perdida de Feijóo

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

Dez anos despois de que Feijóo chegara á Presidencia da Xunta semella un bo momento para facer balance. Un balance destes dez anos que nos deixan un país máis desigual, con menos emprego, menos investimento social e máis débeda. Unha década perdida, tanto no que atinxe á economía, como ao emprego, ao benestar social, ás contas públicas, á estrutura industrial ou ao sistema financeiro. Unha década perdida porque no mellor dos casos estamos no mesmo lugar que en 2009 pero na maioría das variables socioeconómicas relevantes agora estamos peor. Son datos, de fontes oficiais, que a cidadanía debe valorar na súa xusta medida para ver onde estamos, como chegamos ata aquí, e como queremos afrontar a vindeira década.

Dez anos despois de que Feijóo chegara á Presidencia da Xunta semella un bo momento para facer balance. Unha década perdida, tanto no que atinxe á economía, como ao emprego, ao benestar social, ás contas públicas, á estrutura industrial ou ao sistema financeiro

Un balance especialmente importante neste momento porque as eleccións, alén de decidir o futuro Goberno do Estado, poden ratificar a fin da maioría absoluta do PP en Galicia que vimos en abril, síntoma claro de que estamos entrando na fin desta lexislatura e dar o disparo de saída a unha precampaña longa na que se decidirá o futuro Goberno galego. Na que se decidirá a fin do Goberno de Feijóo.

E neste senso, entendemos que o balance real do decenio ten que ser a base na que traballar unha alternativa política que faga da defensa do común, do que é de todas e todos, o núcleo fundamental da acción política.

A xente non pode volver soportar outros catro anos de presidente ausente, outros catro anos perdidos sen un proxecto de país claro, sen políticas públicas que combatan a precariedade e a desigualdade. Outros catro anos de ir achicando os servizos públicos básicos, fundamentais para que a xente viva ben. E isto é especialmente relevante nun momento de desaceleración económica no que imos ter que decidir se volven ser as e os de abaixo quen paguen as consecuencias. Se as tesoiras van volver aplicarse sobre os servizos públicos fundamentais, ou se, pola contra, se vai actuar sobre os ingresos dos que máis teñen.

As eleccións, alén de decidir o futuro Goberno do Estado, poden ratificar a fin da maioría absoluta do PP en Galicia que vimos en abril

As receitas do pasado estamos vendo a onde nos levaron. Feijóo pasará á historia da xestión das contas públicas por dúas razóns: ser o único presidente que recortou o gasto público ao tempo que aumentou a débeda tres veces máis que os cinco presidentes anteriores en 27 anos.

Dende que recuperamos a autonomía política, os gobernos sucesivos que tivo a Xunta de Galicia aumentaron os recursos que xestionamos impulsados polo aumento das competencias e o crecemento económico. Un crecemento sostido do gasto público que durou ata que Feijóo presentou o seu primeiro orzamento, que supuxo un grave devalo dos recursos para a prestación dos grandes servizos públicos como a sanidade e a educación, que seguiron sufrindo duros recortes ao longo da década.

Os datos son claros. Entre 2009 e 2017 o Goberno Feijóo recortou o gasto non financeiro en 2.553 millóns de euros. É unha cifra tan desmesurada que ata é difícil de entender. En valores nominais a redución do gasto público foi de 1.488 millóns de euros, pero como a inflación acumulada nese período foi do 11%, a caída en termos reais foi superior aos dous mil cincocentos millóns de euros. Un recorte brutal, dramático, do 22% do gasto realizado en 2009.

Este devalo do gasto non está explicado pola recesión, senón por decisións de política fiscal tanto do Goberno central como da Xunta de Galicia. É a consecuencia do fundamentalismo neoliberal do Partido Popular, que o leva a reducir o tamaño do sector público en beneficio dos negocios privados.

Feijóo pasará á historia da xestión das contas públicas por dúas razóns: ser o único presidente que recortou o gasto público ao tempo que aumentou a débeda tres veces máis que os cinco presidentes anteriores en 27 anos

Deste xeito, no ano 2009 o gasto público supoñía o 18,8% do PIB, de forma que a Xunta xestionaba case 19 euros de cada 100 da riqueza xerada en Galicia e financiaba con eses recursos os servizos públicos e o investimento. En 2017, último ano con datos do Ministerio, o peso do gasto foi de tan só o 14,4%: son 4,4 puntos menos que equivalen a 2.700 millóns de euros. Isto ao tempo que as cifras macroeconómicas se recuperaban.

É dicir, que os recortes do gasto non se deben a unha menor riqueza senón á menor porcentaxe da mesma xestionada pola Xunta de Galicia.

E por suposto, os recortes non foron equilibrados, senón que foron especialmente intensos naqueles servizos públicos máis fundamentais e sensibles. A distribución dos recortes do gasto demostran unha clara vontade de privatización dos grandes servizos públicos: redúcese o gasto sanitario e educativo mentres que aumenta a presenza do sector privado nestas áreas.

Na educación, o recorte do gasto en termos reais foi de 484 millóns de euros entre 2009 e 2017, unha cifra equivalente ao 18% do gasto educativo realizado en 2009. Na sanidade, o recorte do gasto foi de 380 millóns de euros, equivalente ao 9% do gasto sanitario realizado en 2009. Sumados son case 900 millóns de euros de recortes nos servizos públicos básicos.

Porén, os recortes máis duros producíronse nas dúas areas mais golpeadas pola crise: o emprego e a vivenda. A pesar da brutal destrución de emprego e o insoportable incremento dos desafiuzamentos ata converterse na peor cara da crise, a Xunta recortou o gasto en política de vivenda no 68% dende 2009 a 2017 e no 58% en política de emprego.

Na educación, o recorte do gasto en termos reais foi de 484 millóns de euros entre 2009 e 2017. Na sanidade, o recorte do gasto foi de 380 millóns de euros

A única partida de gasto que creceu de forma significativa foi o servizo da débeda, isto é, o pago de xuros aos bancos e a amortización de préstamos concedidos polas entidades financeiras, que se incrementaron no 400%. Esta debe ser a estabilidade da que presume Feijóo, a de que con el no Goberno, á Banca lle vai sempre ben, a Banca sempre gaña.

Porque fronte ao falso discurso de xestión responsable e de non gastar o que non se ten, a débeda da Xunta disparouse dende 2009, cun brutal incremento que a converteu en impagable. Así a cualifica o propio Consello de Contas.

Impagable porque en marzo de 2009 a débeda pública galega era de 3.923 millóns de euros. Agora, segundo os datos de marzo deste ano, é de 11.587 millóns de euros. Isto é, Feijóo aumentou a débeda pública galega en máis de 7.000 millóns de euros, unha pesada carga que deixa como herdanza aos futuros gobernos galegos.

E isto ten consecuencias claras sobre o orzamento. É evidente, a maior cantidade de recursos destinados a pagar a débeda, menos diñeiro queda para atender servizos fundamentais. Así o sinala tamén o informe do Consello de Contas, que analizando o índice de carga financeira conclúe que se en 2009 tiñamos que destinar catro de cada cen euros dos ingresos correntes para pagar xuros e amortizacións, agora necesitamos vinte de dada cen. Vinte de cada cen.

A pregunta parece evidente, como é posible que aumentara a débeda a este nivel cando, como dicía antes, os servizos públicos, se reduciron dun xeito tan brutal?

A resposta temos que buscala no devalo dos ingresos. En España produciuse unha brutal caída dos ingresos fiscais como non sucedeu en ningún outro país da UE. Expresados en porcentaxe de PIB, os ingresos fiscais en España pasaron do 38% do PIB en 2009 ao 32% en 2014, mentres que de media na UE apenas varían do 41% ao 40% do PIB.

Na crise, os gobernos empeoraron a situación tomando decisións que desfiscalizaron as rendas máis altas, as rendas do capital e os beneficios empresariais, unha contrarreforma fiscal en favor dos máis ricos que provocou unha caída na recadación de ata 40.000 millóns de euros en 2012 en comparación con 2008.

Irresponsabilidade fiscal á que se sumou a Xunta de Galicia, que presume das rebaixas fiscais que aplica pero ao tempo non se responsabiliza da caída dos ingresos, co conseguinte incremento da débeda. Dende 2009 estes beneficios fiscais supuxeron unha caída acumulada na recadación próxima a 2.000 millóns de euros. Velaí a razón fundamental do endebedamento, porque o que non se financia con ingresos, págase con débeda.

A conclusión para o Grupo Común da Esquerda é clara, urxe abandonar a páxina da austeridade e abordar unha política fiscal de verdadeira redistribución

A conclusión para o Grupo Común da Esquerda é clara, urxe abandonar a páxina da austeridade e abordar unha política fiscal de verdadeira redistribución. A fórmula é sinxela, hai que abandonar os regalos aos máis ricos e facer que pague máis quen máis ten. Precisamos aumentar os ingresos para poder recuperar e garantir os servizos públicos. Para recuperar os 1200 docentes que nos quitaron nunha década, para recuperar os servizos sanitarios, con persoal suficiente, que reduza as listas de espera e permita condicións de traballo dignas para os e as profesionais que coidan da nosa saúde. Para ter prazas suficientes en centros de día e residencias de maiores. Para combater a pobreza e a desigualdade. Para loitar contras as violencias machistas e pola supervivencia do planeta. Para garantir, en fin, vidas dignas, ou como di o valoroso pobo de Chile, ata que as vidas de toda a cidadanía vallan a pena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.