Desprazamento universal

Estranxeira
dáme o teu movemento
para dubidar da miña estabilidade.

Milleiros de persoas andan polos camiños cos seus fardos de parias. Camiñan como unha marea de fame, un clamor de necesidade, unha ansia de paz.
- Levamos as lembranzas penduradas do pescozo.
- Mellor iso ca un nó corredizo.
- As lembranzas tamén afogan.
- Penso ceibalas todas polo camiño.

Milleiros de persoas camiño do desarraigo. Ramifícanse por rutas que se abren a diversas fronteiras.
Milleiros de parias escapando da guerra, do terror, da miseria.
-Só sabemos do que fuximos.
-Levamos a morte no fardo e pesa.
-Ben pensado, pesar, pesa a fame. Co fardo cargamos toda a vida.
-Booom! Vou tolear. Tanto tempo escoitando
bombas, que xa as levo na cabeza.
-Canta violencia! Canto odio e destrución nos tocou vivir!
-Tiña dous fillos. Esmagadiños! Alí quedaron.
Miña nai! Canto medo pasei!
-Os das fronteiras tamén me asustan.
- Os que deixo atrás son crueis.
- Os de diante, non sei, non sabemos.

Ollade como veñen, fuxindo. Son corpos que se desprazan cos fardos as costas, coas crianzas no colo. Sempre houbo parias facendo camiño, eternos exiliados.
Olládeos! Son corpos desligados. Desatracados da terra. Náufragos do pensamento, marxinais.
-Temos que atravesar esa fronteira! 
-Se pasamos a fronteira bórranos a sustancia
-De que sustancia falas? A miña sustancia é pan.  
  É leite.
- Non todo é comer…
- Nótase que fuches ben mantido. Eu teño fame de anos.    Necesito cruzar a fronteira
-A fronteira somos nós. Comprendes? Temos a existencia fronteiriza.
-Partidos, nin dun lado nin doutro, queres dicir? 
-Deixamos o noso alá
-O noso? A destrución, a miseria, a morte, iso?
Non, iso non é o meu.
  Como poden amar o que deixan ao mesmo tempo que o detestan?
  Son silveiras de contradición como as que lles riscan os brazos cando se arrastran.
- Eu son o que son
-Eu son o que quero ser. Cargo coa ansia de liberdade.
-Eu coas ansias de vivir.
-De vivir libres!
-A liberdade non está agardando por nós á volta
do camiño. Cando pensas que a atrapas, voa, voa alto como un cóndor inalcanzable.
-E hai que seguir tras dela querendo alcanzala.
- É o avión que sempre perdes.
-Non sempre. Un día cóllelo.
-A liberdade é máis utopía que realidade.
- O gran poder da utopía é que pode deixar de selo.
-E desaparece como un soño.
- Non. Se a persegues con tesón detense e cambia o panorama, amplía a realidade. Sen utopía a vida sería redonda, pechada en si mesma.
- E con utopía?
-Enxergamos outra vida e movémonos para
facela posible. Querer é poder. 
-Non deixarás de ser estranxeira.
- Non o serei se me integro no país onde me
acollan. Ao final, as persoas parecémonos
máis do que pensamos.

Veñen polos campos, polos sendeiros, polas estradas con esperanza. Ao final do itinerario estamos nós. Agardan sorrisos como portas abertas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.