Dez mil é a escusa

A UE ven de recomendar que os Concellos teñan un mínimo de 10.000 habitantes. Non coñezo de onde sae esa cifra, os estudios que ten detrás nin a eficacia desa medida, aínda que se supón que o obxectivo máximo da recomendación é asegurar a solvencia das administracións locais e dos servizos que prestan.

Sería un grave erro aplicar en Galicia, ou en calquera outro territorio esa conclusión dun xeito apriorístico

Pois ben, supoñendo que existe unha análise previa racional e medianamente científica que conclúa nesa máxica cifra sería un grave erro aplicar en Galicia, ou en calquera outro territorio esa conclusión dun xeito apriorístico. O seu sería aplicarmos esa análise fundamentada na nosa realidade urbanística e humana e sacarmos unha conclusión real que igual nada ten que ver con esa cifra máxica, nin sequera cunha cifra concreta de poboación, como tampouco tería sentido poñer límites máximos ou mínimos á extensión das cidades.

Dispersión, envellecemento demográfico, abandono do interior cara á costa e do rural cara á cidade son outros problemas aparte da prestación dos servizos básicos que non se resolven tampouco cunha cifra máxica sexa cal sexa.

A recomendación dos 10.000 ten que servir para abordarmos unha reforma que responda á nosa realidade, e que de non facerse pode conducirnos ao colapso demográfico, económico e social da nosa terra

Así e todo, a recomendación dos 10.000 ten que servir para abordarmos unha reforma que responda á nosa realidade, e que de non facerse pode conducirnos ao colapso demográfico, económico e social da nosa terra.

A Xunta de Galicia ten que encabezar esta reforma. Estaturariamente ten atribuídas competencias respecto ao territorio e debera, ademáis de asumir o liderado da reforma, ser o primeiro actor na mesma. Establecendo un planeamento dos sectores estratéxicos que non deberan someterse a criterios localistas, ventaxistas nin electorais. Planos estratéxicos que saian da Xunta tamén para controlar o crecemento demográfico e os fluxos migratorios. Vertebrados nas comunicacións e transporte, pero tamén no planeamento económico e de servizos.

Aeroportos, portos marítimos, portos secos, comunicacións, transporte... E tantas outras competencias supramunicipais teñen que plantexarse cun criteiro racional. Non pode ser que non teñamos un aeroporto internacional e perdamos combinacións aéreas por criterios localistas. Ou que mesmo, en hora punta, alguén puidese chegar desde o centro da Coruña ao aeroporto da Lavacolla en tren antes que ao de Alvedro en coche, por exemplo.

Un chanzo abaixo aparecería a verdadeira reforma do territorio tutelada pola Xunta nos seus plans estratéxicos. Os servizos que prestan os concellos e Deputacións unha vez finiquitadas estas, terían que agruparse en mancomunidades de xestión. Así, poñeríamos en valor as áreas metropolitanas nas grandes urbes e o papel fundamental das comarcas aglutinando os servizos que por separado son inviables económicamente en cada concello.

Os servizos que prestan os concellos e Deputacións unha vez finiquitadas estas, terían que agruparse en mancomunidades de xestión

Todo isto sen esquecer que o último chanzo co que nos atopamos é a parroquia,  unidade mínima na nosa realidade social. Os nosos átomos. A esencia das relacións humanas e da nosa memoria. O berce tamén da democracia participativa. Ningún estudio debería rachar estas relacións.

Asi, analizadas as necesidades de abaixo a arriba, a redistribución e mancomunidade da xestión dos servizos que resolvan estas necesidades,  e un planeamento integral dos mesmos evitando duplicidades, localismos. Asegurando a súa viabilidade, prevendo e evitando fluxos migratorios e facilitando o crecemento demográfico, teríamos as pautas da nova reordenación.

Unha vez feito isto, xa queda para outros trazar novas divisións administrativas, e fundir concellos se for necesario e eliminar ou non a cantidade sobrante de cargos públicos para por en marcha a maquinaria. Dez mil non é a solución. Dez mil é a escusa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.