Día da República: cousas que non se poden dicir dos Borbóns

Imos celebrar o Día da República lembrando cousas dos Borbóns. Comezamos con esta breve descrición que facía Amadeo Martínez Inglés (coronel do Exército e Diplomado de Estado Maior) do rei Juan Carlos: “Último representante en España de la banda de borrachos, puteros, idiotas, descerebrados, cabrones, ninfómanas, vagos y maleantes que a lo largo de los siglos han conformado la foránea estirpe real borbónica culpable del atraso, la ignorancia, la degradación, la pobreza, el odio y la miseria generalizada de centenares de generaciones de españoles”.

Felipe V bombardeaba Barcelona o 11 de setembro de 1714 e o pobo berraba na rúa “Morte ao Borbón”. Foi dos primeiros en enriquecerse con negocios de dubidosa ética, utilizando a súa posición de rei. Asinaba un contrato coa Compañía de Guinea e co rei de Francia para a venda de 48.000 escravos nas colonias españolas de América. Como o negocio funcionaba moi ben, asinaba outro contrato coa South Sea Comapny e coa raíña de Inglaterra para a venda de 144.000 escravos, raptados nas aldeas africanas. Con esta actuación tan cristina recibía unha comisión do 25% das ganancias.

Felipe V bombardeaba Barcelona o 11 de setembro de 1714 e o pobo berraba na rúa “Morte ao Borbón”

Fernando VI publicaba en 1745 a Real Cédula, que ameazaba con pena de morte os xitanos sorprendidos “fuera de los territorios de su vecindario”. Autorizaba un auténtico xenocidio e na chamada Gran Redada (noite do 29-30 de xullo de 1749) foron detidos 10.000-12.000 xitanos, coa bendición de Enrique Enriquez, nuncio apostólico. O padre Rávago tranquilizaba a conciencia do rei (era o seu confesor): “Grande obsequio hará el rey a Dios nuestro Señor se lograse extinguir esta gente”.

Carlos III, coñecido como “el mejor alcalde de Madrid”, tivo sete fillas e seis fillos e é un caso raro porque foi o único Borbón monógamo e sen amantes que se coñezan. Empeñado na centralización do reino, prohibiu a utilización do catalán na administración. Promulgaba a Pragmática Sanción, que pretendía evitar os matrimonios entre persoas desiguais e prohibía que reis e infantes casasen con persoas de rango ou condición interior e se non cumprían esta Pragmática perderían os seus dereitos reais.

Carlos IV recoñeceu 14 fillos (seis mulleres e oito homes), despois do seu casamento con María Luisa de Parma, pero segundo testemuña de frai Juan de Almaraza, confesor da raíña, e autorizado por esta a revelar estas palabras despois da súa morte: “ninguno de sus hijos lo fue de Carlos IV”. Manuel Godoy, un simple garda de corps, que compartía sabanas con María Luisa, ascendía a tenente xeneral do exército en menos dun lustro e era quen tiña, realmente, o poder.

Fernando VII, absolutista e represor, regresaba do exilio en marzo de 1814 e o 4 de maio dese ano declaraba nula a Constitución das Cortes de Cádiz do 19 de marzo de 1812 e perseguía a liberais e “afrancesados”

Fernando VII, absolutista e represor, regresaba do exilio en marzo de 1814 e o 4 de maio dese ano declaraba nula a Constitución das Cortes de Cádiz do 19 de marzo de 1812 e perseguía a liberais e “afrancesados”. Entre as vítimas da feroz represión hai que citar a Juan Díaz Porlier, xeneral e heroe popular da Guerra da Independencia contra os franceses, que se levantou contra o absolutismo e morreu aforcado no Campo da Leña da Coruña. Tamén se levantaba contra o absolutismo o tenente coronel Rafael del Riego e foi executado. A moza granadina María Pineda era asasinada por “su exaltada adhesión al sistema constitucional revolucionario”.

Isabel II casou co seu primo Francisco de Asís de Borbón y Borbón Dos Sicilias. Tivo doce fillos e, segundo o historiador Ricardo de la Cierva, só un deles, falecido cinco minutos despois de nacer, era do rei consorte. Parece ser que Francisco de Asís se comprometeu a figurar como pai dos fillos que tivese Isabel cos seus numerosos amantes, cobrando dous millóns de reais por cada un.

A súa nai, a rexenta María Cristina, quedaba viúva con 27 anos e tres meses despois da morte de Fernando VII casaba case clandestinamente con Agustín Fernando Muñoz y Sánchez, sarxento da garda de corps, con quen tivo oito fillos, coñecidos popularmente como Los Muñoces. María Cristina, coa súa filla no trono e información privilexiada, probaba fortuna como empresaria con moi bos resultados. Tiña o control das máis importantes compañías que cotizaban en bolsa e no outono de 1844 gañaron en bolsa, nun día, 34 millóns de reais. A corrupción era tan grande que a banda mercantil dos Muñoz-Borbón e asociados recibiron do Estado 129 millóns de reais de subvención  no bienio 1853-1854.

Alfonso XII era coñecido como “El Puigmoltejo” porque era fillo de Isabel II e de Enrique Puigmoltó i Mayans, tenente de enxeñeiros. Foi rexistrado co nome de Alfonso Francisco de Asís Fernando Pío Juan María de la Concepción Gregorio Pelayo de Borbón, co apelido do seu pai putativo, é dicir, o rei consorte Francisco de Asís de Borbón. Casou con María Cristina de Habsburgo-Lorena e tivo un fillo, que sería despois Alfonso XIII, que non chegou a coñecer porque o rei morría tres días antes de cumprir 28 anos. Había outro Alfonso, nado en París seis anos antes que o rei oficial, resultado das relacións da Alfonso XII cunha das amantes, a cantante Elena Sanz Martínez de Arrizala. Alfonso XII recoñecía a paternidade de dous fillos con Elena Sanz e nunha das cartas dicía: “Idolatrada Elena: Cada minuto te quiero más y deseo verte, aunque esto es imposible en estos días. No tienes idea de los recuerdos que dejaste en mí. Cuenta conmigo para todo. No te he escrito por la falta material de tiempo. Dime si necesitas guita y cuánta. A los nenes un beso de tu Alfonso”. No libro Bastardos y Borbones, de José María Zaval, aparecen novos nomes de amantes do rei: Blanca Escosura, Adela Aymerich, a cantante de ópera Adelina Borghi, Mercedes Basáñez…

Alfonso XIII era cualificado como un “enfermo sexual” pola escritora Mercedes Salisachs. Casou con Victoria Eugenia, princesa do Reino Unido e tiveron sete fillos, entre eles Juan, pai do rei Juan Carlos. Ademais dos fillos e fillas oficiais, tivo, polo menos, outros cinco fillos, froito das súa relacións con amantes. Coa aristócrata francesa Mélanie de Gaufridy de Cortan tivo un fillo, Roger Leveque de Vilmorin, que era realmente o primoxénito de Alfonso XIII. Froito duna prolongada relación coa actriz Carmen Ruiz Moragas tivo dous fillos: Leandro Alfonso e Ana María Teresa.

Alfonso XIII conseguiu paralizar a investigación do chamado “Expediente Picasso”, para eludir a súa responsabilidade na morte de 20.000 soldados españois na guerra do Rif en Marrocos

Afeccionado ao cine porno,  patrocinou unha empresa deste tipo de cine, Royal Films, e o propio rei era o guionista. Foi accionista de grandes empresas como Hispano-Suiza, Transmediterránea e Metro. Conseguiu paralizar a investigación do chamado “Expediente Picasso”, para eludir a súa responsabilidade na morte de 20.000 soldados españois na guerra do Rif en Marrocos. Para acabar coa resistencia dos rifeños cometeu crimes contra a humanidade con bombardeos de gas mostaza que mataban a persoas e gando, arrasaban as plantacións e inutilizaban os depósitos de auga potable, producindo graves enfermidades, espantosas queimaduras, lesións na pel, ollos, pulmóns e nos fetos.

Don Juan, fillo de Alfonso XIII e pai do rei Juan Carlos, casou en Roma coa súa prima María de las Mercedes de Borbón e tiveron catro fillos. Ademais de dedicarse a beber e á navegación, era un bo negociante. Alfonso XIII recibía o palacio da Magdalena de Santander para veranear, mercado por subscrición popular, que Don Juan devolve a esa cidade, previo pago de 150 millóns de pesetas. Don Juan tamén vendeu a illa de Cortegada, na ría de Arousa (expropiada a veciños de Carril e regalada a Alfonso XIII en 1910), ingresando 60 millóns de pesetas en 1978. A Xunta tivo que pagar 1,8 millóns de euros en 2007 para recuperar a illa para o patrimonio público.

Juan Carlos I aceptou a lexitimidade da ditadura produto da sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936 e a represión e sufrimentos, que considera necesarios

Juan Carlos I foi elixido en 1969 por Franco como o seu sucesor na Xefatura do Estado. No seu discurso ante as Cortes aceptaba a lexitimidade da ditadura produto da sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936 e a represión e sufrimentos, que considera necesarios: “Acabo de jurar, como Sucesor a título de Rey, lealtad a Su Excelencia el Jefe del Estado y fidelidad a los Principios del Movimiento Nacional y Leyes Fundamentales del Reino. Quiero expresar en primer lugar, que recibo de Su Excelencia el Jefe del Estado y Generalísimo Franco, la legitimidad política surgida del 18 de julio de 1936, en medio de tantos sacrificios, de tantos sufrimientos, tristes, pero necesarios, para que nuestra patria encauzase de nuevo su destino”. Sempre manifestou a súa admiración polo ditador Franco: “Para mí, es un ejemplo vivo, por su dedicación patriótica diaria al servicio de España. Le tengo un gran afecto y una gran admiración”.

Nos seus anos de xuventude, Juan Carlos alternaba as relacións sexuais entre a nobreza e os prostíbulos. Antes e despois de casar con Sofía de Grecia tivo numerosas amantes: Gabriela de Saboya; a condesa Olghina Nicolis di Robilant (desa relación nacería en 1958 Paola Nicolis di Robilant, que sería a primoxénita de Juan Carlos). Marta Gayá; a actriz Sandra Mozarowski, de 18 anos, arroxada polo balcón do seu piso e que falecía despois de dúas semanas en coma. Roswitha Bertasha Smid Honczar, coñecida artisticamente como Nadiuska. María Margarita García García, coñecida como Bárbara Rey, tiña numerosas fotografías e películas das súas relacións co monarca que utilizou para conseguir bos contratos en televisión española e millóns de euros a cambio do silencio.

A princesa Corinna zu Sayn-Wittgenstein viviu  durante varios anos na casa forestal La Angorrilla, próxima ao palacio da Zarzuela, reformada a conta de Patrimonio Nacional, e o Sindicato Unificado de Policía difundía que a citada princesa tivo escolta. Tiña negocios con Juan Carlos e declaraba que “me han pagado algunas empresas privadas que querían expandirse globalmente”. O 14 de abril de 2012, Día da República, coñecemos que Juan Carlos tivo un accidente e rompeu a cadeira en Botsuana, cando estaba en compañía desta princesa, participando nunha cacería de elefantes, parece ser que pagada por Mohamed Eyad Kayali, con importantes propiedades en Marbella e Madrid e que actúa como representante da casa real de Araba Saudí en España.

Juan Carlos é presentado como a persoa que nos salvou do golpe de Estado do 23F e garante da democracia, pero foi o máximo responsábel dese fallido golpe e, como declaraba o xeneral golpista Jaime Milans del Bosch y Ussia, “el rey quiso dar un golpe de timón institucional”. Estaba implicados os servizos de intelixencia e o comandante José Luis Cortina (compañeiro de promoción de Juan Carlos e dirixente do CESID) estivo até once veces na Zarzuela no mes de febreiro e o 19 de febreiro reuníase con Tejero para concretar a operación que, en principio, estaba prevista para o 20 de febreiro. Cortina foi absolto por falta de probas e despois ascendía a coronel de Estado Maior. Esta absolución pode ter relación coas ameazas manifestadas por Cortina nunha conversa telefónica: “Que no me jodan, que saco hasta lo de Carrero Blanco”. Cortina recibia a Cruz Militar con distintivo branco e a placa de San Hermenegildo en 1990, supoño que polos servizos e silencios prestados. Despois dunha conversa co rei, Lothar Lahn, embaixador alemán en España, enviaba un informe ao goberno alemán no que falaba da actitude de Juan Carlos ante os golpistas: “No mostró ni repulsa ni indignación; es más, mostró comprensión, cuando no simpatía”. Dous días despois do asalto ao Congreso, o rei recibe aos líderes dos partidos políticos e manifesta: “Sería poco aconsejable una abierta y dura reacción de las fuerzas políticas contra los que cometieron los actos de subversión en las últimas horas”.

Metido en diversos negocios, Juan Carlos cobraba comisións, a través de Manuel Prado y Colón de Carvajal, polo petróleo que mercaba España,. Algunhas das súas amizades empresariais pasaron polo cárcere como Javier de la Rocha, José María Ruiz Mateos ou Mario Conde. The New York Times publicaba que tiña unha fortuna de 1.800 millóns de euros.

Felipe VI foi proclamado rei de España polas Cortes Xerais o 19 de xuño de 2014, despois da abdicación do rei Juan Carlos. Seguindo o exemplo do seu pai, aínda non condenou a ditadura franquista, caso único dun Xefe de Estado en Europa, e mantén as distincións honoríficas concedidas por Franco e o rei Juan Carlos a golpistas e ministros de Franco que cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben.

Resumindo: temos unha monarquía corrupta, cunha tradición de reis e raíñas implicados en negocios, que utilizaron o trono para o seu enriquecemento. O rei Juan Carlos era o “jefe” da trama corrupta do Instituto Nóos, onde están implicados Iñaki Urdangarín e a súa esposa, a infanta Cristina. Unha monarquía caduca, desprestixiada, que non ten futuro e que non foi elixida polo pobo. A chamada dinastía borbónica non existe porque dadas as numerosas relacións de reis e raíñas con amantes é moi difícil saber quen é o pai ou a nai de moitas infantas e infantes.

Todas estas cousas, que non se poden dicir nin divulgar, están recollidas no meu último libro Os Borbóns: unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo, que publico en Edicións Laiovento.

VIVA A REPÚBLICA!

 

>> Podes adquirir o libro de Manuel Monge na tenda de Praza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.