O 25 de novembro foi o día internacional contra a violencia de xénero e o 3 de decembro o día internacional da discapacidade. Por motivos persoais estas dúas datas non se me pasaron por alto, como seguramente lles pasou a outras persoas ou como me pasa a min propia coa maioría dos “días internacionais de”. Son tantos que ata mesmo coinciden na mesma data como o 2 de abril, día internacional do autismo e do libro infantil e xuvenil, dúas celebracións que, polo menos, son compatíbeis porque as persoas con autismo tamén len, con palabras ou con imaxes, pero len. Resultan máis chocantes outras coincidencias, como a do 19 de novembro, día internacional do home (si, si, desde 1999, para destacar o rol positivo e as contribucións do sexo masculino, por se alguén pensaba que non estaban suficientemente recoñecidas) e día internacional do inodoro (pola súa importancia sanitaria, indubidábel tamén).
Lembro unha compañeira da universidade que se enfadaba moito cando chegaban o 25 de novembro e o 8 de marzo, porque non se sentía identificada con esas reivindicacións, sentíase incómoda, mesmo agredida, metida nun saco ao que pensaba non pertencer
Lembro unha compañeira da universidade que se enfadaba moito cando chegaban o 25 de novembro e o 8 de marzo, non só porque pensase, como pensamos todas, que a loita pola igualdade e contra a violencia de xénero é dos 365 días do ano, senón porque non se sentía identificada con esas reivindicacións, sentíase incómoda, mesmo agredida, metida nun saco ao que pensaba non pertencer. Ela recoñecía que a muller estaba discriminada pero outra, non ela. É normal, a quen lle gusta que lle digan que está discriminada? A quen lle gusta que se denuncie publicamente que non se respectan os seus dereitos e que vale menos socialmente? A quen lle gusta que a avisen de que sexan cales sexan os seus méritos non vai ter as mesmas oportunidades que outras ou outros? Ademais a razón desta situación é algo tan involuntario e incorrixíbel como ser muller ou como ter unha discapacidade ou como ter nacido nunha familia e non noutra, nun país e non noutro.
Todas as clasificacións das persoas que nos colocan nun lugar da sociedade son construcións que imos aprendendo e aplicando ao longo da vida
Todas as clasificacións das persoas que nos colocan nun lugar da sociedade son construcións que imos aprendendo e aplicando ao longo da vida. Nunha das noticias preparadas ad hoc para o día internacional da discapacidade contaban a historia dunha rapaza invidente que aprobou as oposicións e traballa como profesora de música nunha escola. Os pais e nais amosaron as súas dúbidas sobre as posibilidades de que desenvolvese ben o seu traballo e, sen pudor ningún, preguntáronlle como ía facer cousas básicas como corrixir os exames. Centráronse nos límites que unha persoa vidente entende que ten unha rapaza invidente, coa parcialidade de coñecer as dificultades pero non ter nin idea de como superalas e de non coñecer as capacidades diferentes. Ao contrario, unha alumna súa dicía que tocaba xenial a guitarra e que era moi lista porque sempre sabía onde estaba todo. Espero que esa nena, como os seus compañeiros e compañeiras, resistan o empeño en estragala das persoas adultas que dubidan das capacidades da súa profesora e que siga admirando as capacidades do resto da xente no canto de incapacitalas etiquetándoas cunha ou varias clasificacións discriminatorias.
Ao longo da nosa vida atoparemos límites impostos e autoimpostos e podemos actuar como se cada problema que non nos afecta directamente non existise ou ao contrario colocarnos nas estremas e mirar arredor
Ao longo da nosa vida atoparemos límites impostos e autoimpostos e podemos actuar como se cada problema que non nos afecta directamente non existise ou ao contrario colocarnos nas estremas e mirar arredor. Tomar consciencia deses límites e das súas consecuencias é o primeiro paso para eliminalos. Non parece que axuden moito os "días internacionais de" porque podemos seguilos enumerando e chegamos ao día internacional contra a mutilación xenital feminina o 6 de febreiro, a mesma semana que o goberno español inicia a reforma da lei para excluír este delito da xustiza internacional e que non se poidan emprender accións xudiciais contra quen someta unha nena a unha ablación. O mesmo goberno que di prohibir o aborto para protexer a vida dos concibidos non pensa facer nada se logo de nacidas son mutiladas durante unha visita á súa familia, o único que lles importa é que se sobreviven e volven aquí, se logo quedan embarazadas non poidan decidir sobre a súa maternidade. Ao final, é unha cuestión de poder, estes límites e estas clasificacións, cheas de cinismo e hipocrisía e asumidas e reproducidas pola maioría, benefician a uns poucos, os que están traballando tan duramente para aumentar as discriminacións, para reforzar a súa posición e ampliar as fendas, para gañar privilexios a costa de dereitos.