O pasado 11 de outubro rematou o prazo de presentación de ofertas ao SERGAS para a contratación dunha solución global da tecnoloxía de diagnóstico por imaxe, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia para a sanidade pública galega. Aínda non coñecemos as ofertas presentadas e na web o expediente aparece como para adxudicar. Resulta sorprendente que esta adxudicación teña pasado tan desapercibida polos medios considerando a situación de exposición da política sanitaria e considerando que neste contrato aparecen cuestións de gra transcendencia para o futuro da sanidade pública galega.
Resulta sorprendente que esta adxudicación teña pasado tan desapercibida polos medios considerando a situación de exposición da política sanitaria e considerando que neste contrato aparecen cuestións de gra transcendencia para o futuro da sanidade pública galega
Estamos a falar dunha contratación por 88,3 millóns de euros (incluíndo IVE) no contexto dunha continua redución de orzamento sanitario, 20 millóns de euros menos para 2014, que limita a capacidade da sanidade pública de atender adecuadamente á cidadanía. Isto xa de por si debería poñer o foco na relevancia do que se contrata: tecnoloxía punta, e na necesaria consideración de custe-oportunidade de cada investimento. Un proceso de racionalización debe medir a que se destinan os recursos para atender adecuadamente as necesidades de saúde da poboación, e os datos obxectivos indican que non se están atendendo: as listas de espera, as persoas excluídas da asistencia sanitaria, o repago de medicamentos... non levan a este goberno a reconsiderar as prioridades, porfía no erro.
Estamos a falar dunha contratación por 88,3 millóns de euros (incluíndo IVE) no contexto dunha continua redución de orzamento sanitario
Supón a supresión definitiva da idea de que unha empresa pública sexa a encargada de definir as necesidades tecnolóxicas do SERGAS (modelo GALARIA) e prover e xestionar as dotacións e recursos, para que o faga directamente a empresa privada. Un novo chanzo no proceso de privatización da sanidade, que agora afecta non só á prestación dos servizos, tamén, e sobre todo, á planificación estratéxica, que se abandona nas mans das multinacionais da tecnoloxía sanitaria. Lonxe de min gabar o modelo MEDTEC. Creado por Nuñez Feijóo nos 90 ao estilo das fundacións sanitarias dos Hospitais Comarcais, desapareceu como estas durante o goberno PSOE-BNG. Pero, malia a oposición de profesionais e asociacións, aparece GALARIA no seu lugar, como empresa pública encargada das decisións estratéxicas do SERGAS nas cuestións tecnolóxicas. Na realidade pouco cambiou e nada se aportou á solución dos graves problemas da Area sanitaria de Vigo, que persisten, nin ao modelo de planificación tecnolóxica do SERGAS. A chegada en 2009 do PP a Xunta reorienta a actividade de GALARIA cara á asistencial renunciando ao seu papel de socio público tecnolóxico do SERGAS. Ese papel de socio tecnolóxico asígnallo a licitación en curso á empresa privada.
Supón a supresión definitiva da idea de que unha empresa pública sexa a encargada de definir as necesidades tecnolóxicas do SERGAS
A fórmula escollida para a licitación chámase diálogo competitivo. Un nome que forma parte desta revisión semántica con base no márketing que realiza a dereita, para enmascarar cuestións que resultarían inaceptables para as votantes de se plantexar nos seus termos reais, con nomes que relacionamos no subconsciente con cousas positivas. Aparece na Directiva 2004/18 e na Lei de contratos do sector público, ligada aos contratos de CPP (colaboración público-privada), para situacións en que a Administración contratante, pola complexidade do obxecto do contrato, non está obxectivamente capacitada para definir os medios técnicos para satisfacer as súas necesidades. Así que Nuñez Feijóo e a Conselleira Mosquera asumen, ao adoptar esta fórmula, que non hai no SERGAS profesionais con capacidade para definir a tecnoloxía necesaria para atender as necesidades de presente e futuro da sanidade galega.
Nuñez Feijóo e a Conselleira Mosquera asumen, ao adoptar esta fórmula, que non hai no SERGAS profesionais con capacidade para definir a tecnoloxía necesaria para atender as necesidades de presente e futuro da sanidade galega
Esa falsa visión sobre a falta de competencia profesional caracteriza o discurso sanitario deste presidente e ás dúas conselleiras que o levan acompañado dende 2009: nos debate sobre as peonadas, as areas sanitarias, os modelos de xestión, as incompatibilidades... está presente este cuestionamento da profesionalidade do persoal sanitario. Asumen tamén a súa propia incapacidade (ou renuncia) para cambiar esa situación, e ceden submisamente o poder de decisión ás empresas privadas, elas si que saben.
É como se unha farmacéutica definira as compras de medicamentos dun hospital coa escusa de que o departamento de farmacia non ten competencia para decidilo
A empresa que resulte contratada, deseñará a tecnoloxía que o SERGAS precisa para atender as necesidades asistenciais. É como se unha farmacéutica definira as compras de medicamentos dun hospital coa escusa de que o departamento de farmacia non ten competencia para decidilo. Que podemos esperar da empresa? Que renuncie ao seu lexítimo interese de obter beneficios para adoptar a responsabilidade pública de rigor e eficacia na que Feijóo se declara incapaz? Vendería unha farmacéutica xenéricos baratos de poder vender só a súa marca comercial máis cara? Recomendaría mercar os que fabrican outros porque teñen menos efectos secundarios? Todas sabemos as respostas. Partindo desta realidade e alén da propaganda, só podemos concluír que nos gobernan persoas que actúan como axentes comerciais das empresas privadas, só que non aconsellan, deciden. Deciden sobre os nosos cartos (os públicos) e, o máis importante, sobre a nosa saúde.
O diálogo competitivo ten algunha outra sorpresa; como se trata dun proceso de debate, incluso as condicións mínimas de partida que son publicadas e transparentes, poden resultar modificadas sen que iso invalide o contrato
O diálogo competitivo ten algunha outra sorpresa; como se trata dun proceso de debate, incluso as condicións mínimas de partida que son publicadas e transparentes, poden resultar modificadas sen que iso invalide o contrato (flexibilidade ou submisión); ao ser longo no tempo para as empresas concursantes, pódense establecer compensacións económicas para as non adxudicatarias (diñeiro público só por presentarse) polo tempo e o gasto que comporta o proceso; débense incorporar á mesa de contratación persoas especialmente cualificadas (a xustificación da fórmula é a falta de cualificación) no tema que se contrata.
Como cidadá galega declárome avergoñada do papel que están a facer Feijóo e Mosquera no desmantelamento da nosa sanidade. Porque non é incompetencia o que leva a tomar estas decisións, é ideoloxía. É ideoloxía e corrupción privatizar a sanidade contra o interese público, cando todos os datos obxectivos mostran que a xestión pública é a máis eficiente e a única que garante a sanidade universal e de calidade. A fenda cada vez maior entre as súas mentiras e a realidade rematará por tragalos. Que os nosos ollos o vexan!