Do Curdistán a Europa a pé

Centro de Damasco © Moncho Iglesias Míguez

Shadi Khaled naceu hai 39 anos en al-Qamishli, no Curdistán sirio, mais pasou os últimos sete anos no iraquí. Ata alí chegou na procura de medicinas e como fuxida da guerra, coa esperanza de que o conflito rematase e poder volver á casa o antes posible

Shadi Khaled naceu hai 39 anos en al-Qamishli, no Curdistán sirio, mais pasou os últimos sete anos no iraquí. Ata alí chegou na procura de medicinas e como fuxida da guerra, coa esperanza de que o conflito rematase e poder volver á casa o antes posible. Con todo, nunca chegaron nin a paz nin o decreto que lle permitise deixar de ser refuxiado. Por iso, canso de esperar, decidiu pórse a camiñar e buscar en Europa o que tanto odio e papelame lle negaban. 

Al-Qamishli, a cidade natal de Shadi, é unha vila fronteiriza entre Siria e Turquía. De feito, a súa recente fundación, de menos dun século, débese a que está localizada na metade do camiño entre Istambul e Bagdad. No medio da ruta trazada polo Orient Express, amais dos viaxeiros que devagar foron citándose nela, recalaron siríacos que fuxían do xenocidio que estaba a ter lugar en Anatolia. Foron eles, á súa chegada, quen lle deron o nome de Beti Zalin, Casa de xuncos, que logo se adaptou ao vocábulo propiamente turco, Kamis, de onde vén o nome actual.

Centro de Alepo © Moncho Iglesias Míguez

A cidade de Qamishli erixiuse grazas a persoas como Masoud Asfar, un dos seus veciños máis sobranceiros. Asfar dedicouse á produción de trigo e creou unha empresa que enseguida fundou escolas, hospitais e igrexas siríacas. Con todo, o esplendor das primeiras décadas apagouse nas de 1960 e 1970, cando a poboación siríaca representaba a maioría. Nese período o goberno do Partido Baaz Árabe Socialista (rama rexional siria) confiscou as terras e provocou así o éxodo da súa xente. Mentres uns fuxían, outros chegaban: os curdos, que escapaban das persecucións en Iraq e en Turquía.

Ese fluxo de etnias obrigadas a escapar e a procurar acubillo alén do seu lugar de orixe non adoita ser bonito máis que nos mapas. Eses pobos repartidos entre estados, como é o caso curdo, non teñen permiso para integrárense alí onde se asentan e iso leva aparelladas evidentes tensións

Salim Barakat, o escritor curdo de máis sona internacional, naceu en Qamishli, un lugar que adoita estar presente nos seus textos. Así por exemplo, na autobiográfica O saltón de ferro describe a difícil e complexa vida na súa cidade natal, nunha «lembranza inacabada dun neno que nunca viu mais ca unha terra fuxitiva». Esa é a súa terra, a do eterno conflito e a perenne fuxida, punto de encontro onde creceron xuntas diversas fes ao longo dos anos, como os siríacos, que se mesturaron con outros grupos cristiáns amais de facelo con musulmáns e xudeus de diferentes procedencias. Porén, ese fluxo de etnias obrigadas a escapar e a procurar acubillo alén do seu lugar de orixe non adoita ser bonito máis que nos mapas. Eses pobos repartidos entre estados, como é o caso curdo, non teñen permiso para integrárense alí onde se asentan e iso leva aparelladas evidentes tensións. 

Marzo de 2004 é coñecido por unha desas xornadas tensas que foron xermolo da guerra siria. Foi durante un partido de fútbol entre dous dos equipos do campionato sirio, o al-Jihad e o al-Fatwa. A paixón futbolística confundiuse coa rivalidade política e os himnos derivaron en ameazas e insultos que se mesturaron coas cores de cada unha das etnias do balompé. As bandeiras do Curdistán enfrontáronse ás de Iraq e os cánticos a favor de Bush contra os que apoiaban a Saddam Hussein. A violencia traspasou os límites do estadio e a cidade quedou envolta nun caos que durou varios días e que causou a morte de cando menos trinta persoas. O suceso pasou a denominarse «masacre de Qamishli».

A inestabilidade aumentou coa guerra aberta en todo o país, con enfrontamentos que comezaron tras a primavera árabe de 2011, e que se agravaron na zona debido ao conflito de Rojava

Un ano despois, en xuño de 2005, as rúas de Qamishli volveron encherse de xente. Nesta ocasión foi por mor dunha manifestación tralo asasinato dun clérigo curdo, Khaznawi. O evento provocou cinco mortes, ás que se sumaron outras tres en marzo de 2008, cando se celebraba o ano novo curdo. A inestabilidade aumentou coa guerra aberta en todo o país, con enfrontamentos que comezaron tras a primavera árabe de 2011, e que se agravaron na zona debido ao conflito de Rojava. Este, que enfrontou a poboación curda contra o goberno de al-Asssad e contra grupos xihadistas, coroou Qamishli como capital da autoproclamada rexión autónoma do norte de Siria.

Shadi e Hadiya en Erbil © Moncho Iglesias Míguez

Atravesar o país para chegar a Damasco supuña sortear disparos nun camiño labiríntico interminable, así que Erbil foi a mellor opción

Durante anos, Qamishli viviu nunha continua tensión da que era posible evadirse de evitar o contacto coas bandas rivais. Porén, o espallamento do odio e do afán de control de grupos diversos, así como a defensa de intereses propios, fixo que a cidade chegase a ser inhabitable. A angustia e o medo axudaron a que Shadi tomase a decisión de marchar ao Curdistán iraquí en 2013. Hadiya, a súa muller, precisaba atención e só Damasco e Erbil ofrecían os coidados médicos dos que carecían en Qamishli. Atravesar o país para chegar a Damasco supuña sortear disparos nun camiño labiríntico interminable, así que Erbil foi a mellor opción. En Siria deixaron a filla acabada de nacer e unha guerra que chamaba por Shadi, pois o goberno alistárao no exército. En Erbil, no hospital, estableceron o seu fogar de xeito momentáneo, aínda que pasaron un ano nel, ata que marcharon ao campo de refuxiados de Qushtapa. E xa nunca saíron del, salvo para visitas médicas, para asistir a algún evento para o que obtiveron permiso, como foi a feira do libro de Erbil, onde puideron mercar algún novo libro co que satisfacer as súa paixón pola lectura, ou para abrir o camiño da peregrinación a Europa nestes últimos meses.

Erbil, capital do Curdistán iraquí, é unha das cidades habitadas máis antigas do mundo. Durante a Idade Media foi un centro comercial de gran importancia, conectado a Irán, Siria e Turquía. Nos anos máis violentos da guerra de Iraq acolleu desprazados das zonas máis belixerantes do país. E tras o derrocamento de Saddam Hussein, en 2003, pasou a comandar a lista de cidades ricas. A economía creceu de tal maneira que decontado se construíron centros comerciais e grandes edificios cos que prestar servizo a unha puxante industria petrolífera que atrae a comerciantes de todo o mundo. E con eles chegou un turismo de elite que fai que a cidade chegue a compararse con Dubai. 

Erbil, capital do Curdistán iraquí, é unha das cidades habitadas máis antigas do mundo. Residen preto da metade dos 250.000 refuxiados sirios que viven no Curdistán iraquí. Deles, máis de 30.000 viven nalgún dos campos de refuxiados distribuídos arredor da urbe

A cidadela de Erbil é unha das iconas do lugar, un atractivo que non pasou desapercibido para os refuxiados sirios que toparon acubillo na cidade. Con todo, os milleiros de persoas que fuxían da guerra de Siria só buscaban un sitio tranquilo onde poder vivir e Erbil ofrecéullelo. Na capital residen preto da metade dos 250.000 refuxiados sirios que viven no Curdistán iraquí. Deles, máis de 30.000 viven nalgún dos campos de refuxiados distribuídos arredor da urbe, como o campo de Qushtapa, lar dunhas 7000 persoas. É nese campo no que se estableceron Shadi e Hadiya, e en canto puideron levaron con eles a súa filla, que agora sete anos, familia á que se sumou outro fillo que naceu no campo hai menos de un ano. Aí, no mesmo habitáculo pequeno onde comen e dormen, traballan, continúan a exercer o ensino, pois ambos son mestres e exercen grazas á plataforma Natakallam (Falamos, en árabe). 

Imaxe de Alepo © Moncho Iglesias Míguez

Natakallam procura establecer diálogos entre culturas diversas, aproveitando o fluxo de información que é posible conseguir por medio de Internet

Natakallam naceu da man de Aline Sara, que tras estudar Dereitos Humanos en Estados Unidos, onde se criou, decidiu traballar no país dos seus ascendentes, Líbano. Despois duns anos como xornalista volveu ao país onde se criara e foi daquela que se propuxo buscar unha solución á dificultade de manter o seu árabe vivo. Pensou nos milleiros de persoas desprazadas que provocara a primavera árabe en Libia e Siria, e comezou a buscar entre ONG como poder levar a cabo o seu cometido. Feitos os contactos, organizou un programa cuxo obxectivo primordial é que esas persoas obrigadas a fuxir teñan un ingreso mínimo, amais de esperanza nun sistema máis digno e xusto. Do mesmo xeito, Natakallam procura establecer diálogos entre culturas diversas, aproveitando o fluxo de información que é posible conseguir por medio de Internet. Amais, o proxecto ten outras vías de traballo e ofrece servizos de tradución e programas específicos de intercambio cultural con escolas e universidades.

O inamovible status de refuxiado no Curdistán fixo que Shadi decidise botarse a andar e unirse a algunha das rutas de emigrantes que fai a pé o camiño a Europa

Para os sesenta refuxiados sirios que ensinan en Natakallam, esta experiencia permítelles que se coñeza a súa situación, á vez se recoñece o seu traballo. A isto cómpre engadirlle que os intercambios logran crear vínculos que van máis alá das aulas e das fronteiras e unha percepción inmediata e real da vida dun refuxiado. Shadi e Hadiya son dous exemplos deste programa que ten alumnos de todo o mundo e que logra que viaxen dalgunha maneira. Non obstante, a idea da viaxe é diferente, porque non buscan explorar atraccións, senón vivir en paz, como cidadáns, onde lles deixen. 

Imaxe de Malula © Moncho Iglesias Míguez

Un día de agosto, os contactos deron o aviso de que podía saír e foi así que comezou a travesía que o levou a pasar de Iraq a Turquía e de alí a Grecia e logo a Macedonia do Norte e a Albania, Kosovo, Serbia, Hungría, Austria, Alemaña e Países Baixos

O inamovible status de refuxiado no Curdistán fixo que Shadi decidise botarse a andar e unirse a algunha das rutas de emigrantes que fai a pé o camiño a Europa. Un día de agosto, os contactos deron o aviso de que podía saír e foi así que comezou a travesía que o levou a pasar de Iraq a Turquía e de alí a Grecia e logo a Macedonia do Norte e a Albania, Kosovo, Serbia, Hungría, Austria, Alemaña e Países Baixos. A finais de setembro logrou presentar os documentos nos que solicita asilo político en Europa e agora agarda unha resolución definitiva que permita que a el se unan Hadiya e mais a nena e o neno. Espera que a familia volva estar xunta e que deixen de chamalos refuxiados e por fin sexan, novamente, cidadáns dalgún lugar do mundo. 

Imaxe de Palmira © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.