Do drama madrileño á comedia catalá

Non creo que o que vive Catalunya, e España, sexa algo trivial, pola contra creo que é algo tremendamente serio. E con todo, poucas cousas menos solemnes, poucas campañas máis democráticas. O que si, trataron de contárnolo coma se fose unha traxedia, cando menos un drama e con todo acabou sendo un relato con bastante humor.

O que se discute é algo moi serio, crear un novo estado desde dentro doutro, un parto nacional e con todo as campañas das lexislativas españolas, aínda que realmente non debatan un dilema como este, adoitan ser moito máis agres e violentas. Por parte do Goberno dixéronse cousas terribles e ameazas e a prensa cortesá seguiu a consigna de "máis madeira!", pero o que se viviu alí non foi tan sombrío e, de feito, en ningunha campaña antes os candidatos cantaron, bailaron e fixeron o indio coma nesta.

Habemos ir vendo como as ameazas de catástrofes, expulsións do paraíso e ruínas han ir quedando en ridículo

Mentres os partidarios de manter a situación actual apelaron ao medo, os partidarios da independencia apelaron ás emocións e á épica cívica, hai dous días difundiron un vídeo evocando El Club de los poetas muertos. Pero, afortunadamente, habemos ir vendo como as ameazas de catástrofes, expulsións do paraíso e ruínas han ir quedando en ridículo: o propio Rajoy encargouse de que as mentiras aparecesen como tales, o gobernador de España dixo pero desdixo e resulta que a Comisión Europea non dixo o que nos dixeron que dixera...

E, doutra banda, ao mesmo estado catalán ocórrelle o que á OTAN de Felipe González, que, aínda que gañen os votos do si, de entrada, non. Caso de gañar os partidarios de ter estado propio nada será da noite para a mañá, haberá que ir facendo, negociando, tratando co Goberno que escollan os españois en decembro. Doutra banda, en caso de gañar esa opción, canto estado propio terán os cataláns? Nin moito nin pouco, o normal.

Terán a cantidade normal de estado nunha Europa na que é a Comisión Europea, ou sexa Alemaña, quen decide todo ou case todo. Hai moito tempo que o Reino de España cedeu a soberanía da súa economía, boa parte da súa capacidade lexislativa e as súas decisións estratéxicas á Unión Europea. A soberanía na que se recrea España é sobre o seu territorio, aí si que goza a Corte, co seu Tribunal Constitucional, chinchando os cataláns ou a quen se lle poña por diante e dicíndolle que a soberanía é "do pobo español" e de ninguén máis.

O macanudo do asunto é que cando o estado español cedeu toda esa soberanía á Unión Europea ninguén mentou a sacra Constitución, ninguén denunciou os tratados asinados ante o Tribunal Constitucional, non fixo falta retocarlle unha coma. Nin sequera fixo falta quitarlle unha coma a outros estatutos reformados cando se partiu en cerimonia pública, cal auto de fe, ao Estatut hai cinco anos. Por non falar da suspensión cautelar de leis do parlamento autonómico estes anos, os recursos sistemáticos a un Constitucional que controla o seu partido... Que teñen os cataláns que non tiñan os outros? Por que os queredes así de mal? Pois así, a pulso, ofensa a ofensa chegamos aquí.

Porque, efectivamente, no fondo o que hai é unha poboación que sente ofendida e á que se lle trata con displicencia coma se realmente fosen unhas colonias sometidas que non teñen máis opción que aguantarse, á que se ameaza e ofende día tras día desde a Corte. La Razón, hai uns días anunciaba unha próxima redada de empresarios cataláns e agora que "Mas será imputado tras o 27-F". Eu non digo nada pero xente tan chea de odio ao final probablemente terá o que se merece.

E o que se merece é unha república catalá. Non sei se será unha república como unha casa, ou unicamente do tamaño da caseta do can, pero será catalá. E o que máis rabia lles dará aos odiadores é que o celebrarán cantando e bailando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.