'Do nothing'

CC-BY CIG

Os representantes das elites, que non nosos, queren mostrarnos unha xestión pausada que semella inacción

A enunciación moderna do modelo de subversión que se estaba a propor ultimamente no campo filosófico era do nothing. Opóndose ao just do it, que apela á falta de pensamento e á acción xa necesariamente vinculada á produción de capital, o fai nada xoga ao zen e alude á impolítica de Agamben: manterse en suspensión, como aquel I would prefer not to de Bartleby, evita formar parte dun sistema que xera inxustiza, económica e política. Paolo Virno considerou, nun diálogo con Agamben sobre Aristóteles, que debe diferenciarse entre a potencia como estado e a potencia como actividade. A potencia como estado é a que emprega o capitalismo, porque implica usar a potencia para, mediante os hábitos, producir cousas. Por outro lado, a potencia como actividade, como devir permanente, é subversiva porque non nos aboca a im-potencia nin tampouco é capturada pola máquina do sistema. En termos de Deleuze trátase non xerar estrías nos espazos lisos. No anterior ciclo político, froito da crise económica de 2008, falábase de atopar o lugar do poder constituínte.

Ante o panorama ambiental, político, humanitario, empezamos a escoitar, este verán, palabras de condena, ataques verbais entre partes, deslizamentos vertixinosos para non asumir responsabilidades éticas nin políticas. Os representantes políticos son os que parecen que do nothing. Os que xestionan os poderes están, de cara á galería, facendo nada. Se non fose pola foto dos amplos sorrisos de traxe azul que nos deu a reunión da OTAN de finais de xuño cun novo tope de gasto en defensa, creríao. Se non fose que Merz abraza agora con falsa constrición a Zelenski, que comeza a ver o verdadeiro rostro dos seus amigos, creríao. Se non fose que Von der Leyen declarou que a Unión Europea tiña que abandonar as preocupacións ambientais polo pragmatismo bélico, porque a emerxencia climática non é tan importante para ela, creríao. Se non estivesen ordenando reprimir as protestas políticas globais contra o xenocidio en Gaza, creríao. Mesmo cando escoito a algún bombeiro de Castela falar de como se mandou non actuar a brigadas fronte aos lumes, creríao, se non coñecésemos toda a engrenaxe de intereses económicos que hai tras eles.

Os representantes das elites, que non nosos, queren mostrarnos unha xestión pausada que semella inacción. Non ten que ver, en realidade, cos tempos prudentes que precisa a democracia e o pensamento, a reflexión, que é a súa fonte. Ten que ver con que o espazo da acción sexa tomado polo populismo sen pobo, polos gurús dos tempos que apelan á radicalidade neofascista. Repítese que non teñen nin idea da xestión dos distintos ámbitos da realidade: laborais, ambientais, enerxéticos, etc., pero a verdade é que eles non teñen como cometido xestionar a realidade. O seu labor é outro: xestionar o capital que pasa pola res publica. A res publica non ten nada que ver con eles, pero si con nós. Eles son os okupas das institucións e inhíbennos, así, da nosa potencia como actividade, do arendtiano poder como acción colectiva. Estamos secuestradxs.

Tomemos nós a dimensión subversiva do do nothing e invóquese unha folga xeral global

O pobo non preexiste e non se ten que salvar a si mesmo na inmediatez deste caos ordenado. Ten que esixir que as institucións se dediquen á súa finalidade real, que é a representación e a democracia. Existe un clamor global para que se tomen medidas que eviten o que se nos presenta como inevitable a base de non analizar causas e solucións, porque implica, de maneira lóxica, cuestionar o propio sistema e, dicía Wendy Brown, iso si que non é permitido. Como eles, aínda que empregan palabras, só entenden de capital, tomemos nós a dimensión subversiva do do nothing e invóquese unha folga xeral global que reinicie, polo menos, outro ciclo político: o da política dos pobos e para os pobos, en irmandade neste lugar común que é o noso planeta en chamas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.