A poucas semanas da folga do 8 de marzo, é preciso reflexionar sobre os motivos necesarios e as causas precisas para apoiar este paro. É certo que nos últimos anos conseguimos unha maior visibilidade e sensibilización a través de diversas campañas levadas a cabo na maioría dos casos polos Concellos (cos seus propios recursos) sobre a situación de desigualdade estrutural na que vivimos as mulleres e na loita e rexeitamento da violencia de xénero.
Pero é necesario reclamar das distintas Administracións, especialmente do Estado español e da Xunta de Galicia, que a cuestión de xénero ocupe un lugar preferente nas axendas políticas, e que haxa un apoio maior aos concellos na dotación de recursos para a protección das vítimas da violencia machista ou nas políticas activas que favorezan a igualdade de oportunidades e sirvan para eliminar toda clase de discriminación por razón de xénero no ámbito, social, político, cultural ou persoal.
A falta de recursos e os recortes dos últimos anos dende o Estado español, deixaron a cuestión do xénero nun segundo plano, cando a realidade dos datos reflicte un panorama desolador; nunha sociedade na que escoitamos discursos politicamente correctos e dunha igualdade formal que non se mudou en real. Aquí algúns datos:
1 Mercado laboral caracterizado pola precariedade e a brecha salarial
As mulleres cobran un 30% menos que os homes, sendo a temporalidade maior nestas, xa que o 75% dos contratos temporais ou parciais son asinados por mulleres. Os sectores maiormente feminizados son precisamente os que teñen unha maior precarización e flexibilización laboral. Case 3,2 millóns de traballadoras non chegan ao salario mínimo interprofesional (SMI) segundo o estudo “Brecha salarial e teito de cristal” realizado polo Sindicato dos Técnicos do Ministerio de Facenda.
O salario dunha muller equivale ao 85% dun home. Hai 11 anos era dun 81%, pero os sindicatos advirten de que ese pequeno achegamento é debido en parte a que os salarios dos homes sufriron unha diminución pola crise, e non a unha mellora das mulleres. Serían precisos 70 anos para acadar a igualdade salarial entre homes e mulleres.
Se falamos de mulleres que traballan no mesmo sector e ocupan un posto similar a dos homes, os datos sobre a brecha salarial non son menos preocupantes. No Estado español a brecha salarial entre mulleres e homes é cada vez maior. As mulleres gañan 4 745 € menos e na súa vellez son máis pobres que os homes. Falamos da feminización da pobreza na terceira idade, onde podemos ver tamén unha “brecha de xénero” na que a diferencia das pensións de xubilación alcanza o 37% .
2 Teitos de cristal no acceso a cargos de responsabilidade
Segundo a consultora Deloitte, só un 16,3% dos Consellos de Administración do IBEX35 están conformados por mulleres cun aumento do 3% nos últimos 6 anos, cando o obxectivo marcado pola Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes, era chegar ao 40% nun período de 4 anos dende a entrada en vigor da norma. A presenza de mulleres en órganos de dirección de empresas do IBEX35 é de 11,6%. Once anos despois esta é a teimuda realidade.
No ámbito da política pasouse do 36% ao 39,4% de deputadas nese período ( o 45% deputadas autonómicas) pero tan só hai 4 presidentas autonómicas. O resto de datos deixa bastante en evidencia que tamén na política queda moito por facer para que as mulleres pasen a ocupar postos de decisión ou de primeira liña. Así vemos que tan só hai un 19% alcaldesas, 9,7% académicas, 7,2 % embaixadoras e as altos cargos do Estado representan o 31,42% (un dato algo mellor que os anteriores). A presenza das mulleres en política está concentrada na segunda liña, e son homes os de maior visibilidade pública na súa actividade política.
3 O mito da corresponsabilidade
Segundo o INE as mulleres seguen sendo as que cargan coa maior parte das responsabilidades familiares ou o coidado do fogar. As mulleres empregan diariamente como media 3 horas e 24 minutos de tempo dedicado ao fogar ou a familia cando no caso dos homes segue a ser de 2 hora e 20 minutos. É dicir un total de 26 horas de media á semana das mulleres fronte a 14 horas dos homes.
A realidade polo tanto é que seguen a dedicar máis do dobre do tempo que as súas parellas nas tarefas do fogar e da familia. Son elas as que collen case a totalidade das excedencias para o coidado de familiares ou nenos e seguen a ser residuais os casos do país que toman a parte da baixa polo nacemento do seu fillo que se pode transferir. A maternidade segue a ser unha eiva para as mulleres tanto no desenvolvemento das súas carreiras profesionais como na súa inserción laboral.
4 Violencia de xénero e desigualdade
Nos últimos 11 anos a media de mulleres asasinadas ou vítimas da violencia machista no estado español, é de 59 mulleres; datos que nos permiten estar a falar de terrorismo machista ou de un auténtico feminicidio. Segundo a propia Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece a violencia exercida contra as mulleres como unha das principais causas non naturais de morte entre as mulleres a nivel mundial. Imaxinemos que acontecería se en lugar de mulleres cada ano morreran 60 persoas por causa do terrorismo islámico ou etarra no Estado, sería a mesma resposta pasiva?
Se falamos de violencia no lugar de traballo os datos son tamén preocupantes. Xa que son un 14,9% das mulleres traballadoras en España as que sufriron algunha situación de acoso sexual no último ano, é dicir falamos de 1.310.000 traballadoras aproximadamente. No tocante ao acoso laboral segundo os últimos estudos é maior no caso das mulleres (9%) sobre os homes ( 7%). No caso das mulleres ese acoso sempre ataca a súa vida persoal ou privada, buscando o seu desprestixio persoal para favorecer o illamento e manter no tempo o comportamento acosador.
Esta só é análise de 4 eixos da realidade diaria a que se enfrontan as mulleres. Aínda tes dúbidas da necesidade da folga o vindeiro 8 de marzo?
“O problema da muller sempre foi un problema de homes” (Simone de Beauvoir)
Publicidade