Todas as sociedades do mundo estamos interpeladas ante o xenocidio que se está desenvolvendo diante dos nosos ollos. Pero hai tres universos sociais dos que depende, fundamentalmente, a evolución inmediata dos acontecementos: as poboacións de Israel, dos USA e de Alemaña
En poucos días vanse cumprir dous anos do comezo da traxedia de Gaza. A secuencia do sucedido é ben coñecida: unha cruel e indiscriminada acción militar de Hamas que orixinou a morte de mais de 1000 cidadáns israelís e a captura de varias ducias de reféns e a posterior resposta do goberno de Netanyahu para converter Gaza nun inferno que non se teña visto anteriormente. Mais de 65.000 vítimas (a relatora da ONU, Francesca Albanese, fala de que poden ser 680.000) causadas polas bombas e pola carencia de alimentación derivada do peche dos subministros decretado polas autoridades do Estado de Israel e unha continuada e sistemática destrución material dese territorio palestino. Recentemente, unha comisión de investigación creada pola ONU estableceu que o Estado israelita está cometendo un xenocidio contra a poboación de Gaza. Semellante conclusión certifica a gravidade do que estamos presenciando: unha limpeza étnica que busca eliminar a viabilidade da fórmula dos dous Estados que se ven prantexando dende hai un tempo nos foros internacionais.
Tratar de utilizar o raciocinio para analizar o que está acontecendo no territorio gazatí resulta complicado: a terrorífica sucesión de imaxes diarias sobre os asasinatos dos habitantes da franxa, as violacións dos dereitos humanos e a transgresión das mínimas regras humanitarias non convidan a practicar análises explicativas dotadas dunha certa racionalidade. A pesar desta forte hipoteca emocional, é necesario recapitular sobre os factores que están propiciando esta prolongada catástrofe: 1)a política xenocida acordada polo goberno de Netanyahu (o executivo mais extremista das últimas décadas no Estado de Israel); 2)o apoio incondicional prestado pola Administración Trump (superior ao que xa existía nos tempos da presidencia de Biden); 3)a inhibición e pasividade da case totalidade das elites gobernantes nos Estados árabes que semellan preferir a continuidade das súas boas relacións cos mandatarios de Israel e dos USA no canto de utilizar o seu poder económico e político en favor de Palestina; 4)a parálise da Comisión europea e a indiferenza da maioría dos gobernos dos Estados da UE (singularmente no caso de Alemaña polo seu evidente peso específico na arquitectura institucional europea); 5)a notoria pasividade dos dirixentes políticos de Rusia e da China de cara a un eventual uso da súa capacidade de influenza na xeopolítica internacional en favor dunha solución construtiva que evite a eliminación da poboación palestina.
Todas as sociedades do mundo estamos interpeladas ante o xenocidio que se está desenvolvendo diante dos nosos ollos. Pero hai tres universos sociais dos que depende, fundamentalmente, a evolución inmediata dos acontecementos: as poboacións de Israel, dos USA e de Alemaña. A dimensión e a intensidade da oposición interior á política de exterminio que está practicando Netanyahu será determinante do que aconteza nos vindeiros meses. Agora mesmo, os sinais que se rexistran neses tres lugares non son suficientes para mudar as decisións criminais que se están tomando. Afortunadamente, a dinámica mobilizadora que se está desenvolvendo nalgunhas sociedades occidentais ten propiciado o recente recoñecemento do Estado palestino por parte de países tan significativos como Francia, Reino Unido, Canadá, Australia e Portugal. Esta circunstancia suscita a esperanza nun cambio futuro de maior envergadura nas actitudes que manteñen as elites gobernantes occidentais.
Feijoo non é quen de atopar unha saída do particular labirinto no que se atopa, atrapado entre a posición defendida polo seu partido cando gobernaba Rajoy (apoiar a fórmula dos dous Estados) e a belixerancia fanática de Aznar e Ayuso, convertidos en cómplices e voceiros dos lobbys sionistas que operan no territorio español
No caso do Estado español estamos presenciando varios aspectos relevantes: unha moi ampla opinión social (algúns estudos recentes sinalan unha cifra superior ao 80%) contraria á política xenocida do goberno de Israel; un medre notábel das accións de protesta nas rúas pola masacre que padece a poboación palestina e un progresivo illamento das formación da dereita por mor da súa posición ante o que se está vivindo en Gaza. Vox está cumprindo o que cabía esperar do seu ideario: un apoio pechado aos ditados de Netanyahu e de Trump.
Para o PP, este asunto era un novo test para medir a realidade da sua ubicación no taboleiro político. Os resultados están sendo certamente reveladores: Feijoo non é quen de atopar unha saída do particular labirinto no que se atopa, atrapado entre a posición defendida polo seu partido cando gobernaba Rajoy (apoiar a fórmula dos dous Estados) e a belixerancia fanática de Aznar e Ayuso, convertidos en cómplices e voceiros dos lobbys sionistas que operan no territorio español.