Despois de miles de postos de traballo perdidos, centos de empresas pechadas, miles de comercios co carteis de traspaso e a industria galega en fase extinción, dous floteis son a pedra filosofal que mudara a economía galega no futuro. Así o vendeu o PP na súa recente operación de marketing e publicidade para o naval galego.
Dous floteis son a pedra filosofal que mudara a economía galega no futuro. Así o vendeu o PP na súa recente operación de marketing e publicidade para o naval galego
Segundo as fontes oficiais do INE, desde o ano 2009 Galiza perdeu 20.000 empregos no agro e a pesca, 64.000 na construción, 58.000 na industria e 43.000 no sector servizos. En cinco anos o desmantelamento de todos estes sectores ten un reflexo claro na nosa realidade, a mocidade emigrando nunha onda semellante a producida nas primeiras décadas do século XX. A historia deste país volta a escribirse desde a diáspora, mais esta vez con ordenador e moita formación na mochila.
As empresas galegas mudan o enderezo fiscal a Madrid, Galiza é a única das denominadas “nacionalidades históricas” que fica sen sistema financeiro
O que xa moitos/as economistas consideran como un dos pulsos máis duros do neoliberalismo á clase traballadora golpea con forza en Galiza. Mais non só. A recentralización avanza con forza día a día a través de Reais Decretos, Leis e aplausos mediáticos. As empresas galegas mudan o enderezo fiscal a Madrid, Galiza é a única das denominadas “nacionalidades históricas” que fica sen sistema financeiro e o espolio da produción enerxética segue sen ter contrapartida económica para nós, entre outros lamentábeis episodios que vivimos. Mentres tanto Feijóo é entronizado nos medios de comunicación por ter actuado de comercial na venda dun estaleiro -e a súa tecnoloxía- a PEMEX e conseguir con máis de ano e medio de atraso un cuarto da carga de traballo prometida nas lonxanas eleccións de 2012.
En Vigo a perda de peso do naval tamén é máis que notábel, os sindicatos falan duns 12.000 empregos menos nos últimos anos e ao igual que Ferrol unha grande parte das empresas auxiliares botaron o peche definitivo
Nos últimos anos debateuse unha lei do sector naval no Parlamento, que chegou a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular, sustaciáronse dúcias de preguntas e iniciativas para demostrar como o sector Naval galego foi moeda de cambio do estado español en Europa. O resultado foi que nas diferentes fases de reestruturación permanente que sufriu o sector desde finais dos anos 70, na ría de Ferrol perdéronse máis de 13.000 empregos. Situando o sector das auxiliares na práctica liquidación, só no 2013 perto de 1.500 postos de traballo foron eliminados. Mentres tanto, do levantamento do veto para a construción civil, nin palabra. En Vigo a perda de peso do naval tamén é máis que notábel, os sindicatos falan duns 12.000 empregos menos nos últimos anos e ao igual que Ferrol unha grande parte das empresas auxiliares botaron o peche definitivo.
A estratexia do PP é clara. Non só empobrecer as clases sociais, tamén anular a capacidade económica e produtora de Galiza
Así as cousas, só podemos preguntarnos que celebra Feijóo? A submisión de Galiza? A perda financeira grazas a venda de NGB a Banesco? A súa promoción persoal en Madrid? A estratexia do PP é clara. Non só empobrecer as clases sociais, tamén anular a capacidade económica e produtora de Galiza. Se nun primeiro momento Feijóo aplicouse a fondo coa lingua e a cultura, hoxe pon todos os ovos na cesta de facer do Parlamento e do goberno galego entes prescindíbeis. A súa folla de servizos ao PP madrileño é para matrícula de honra. Mentres tanto escoita aplausos na terra por dous floteis. Mais barato imposíbel.