O pasado día once de xuño deuse a coincidencia de que se presentaran ao público dous libros excelentes na cidade da Coruña. O azar, ou destino, ten, ás veces, estas ocorrencias.
Na Fundación Luis Seoane celebrouse un acto, brillante e multitudinario, para presentar o libro-disco Cadros dunha exposición (Kalandraka), do que son autores José Antonio Abad (texto) e Xosé Cobas (ilustracións); o quinteto de metais Hércules Brass fixo unha extraordinaria actuación, interpretando pezas de Mussorgsky. O acto foi unha auténtica celebración de música e literatura e o numeroso público asistente ficou entusiasmado.
José Antonio Abad, psicólogo e pedagogo, adica a súa xubilación a escribir “contos con música” para nenos e non tan nenos. O meu amigo Xosé Cobas é un dos mellores ilustradores do país, e así o ten demostrado en máis dun centenar de libros que contan co seu luminoso traballo de ilustración. Este libro, que teño agora enriba da mesa, é unha auténtica xoia, unha obra de arte na que Cobas demostra a súa extraordinaria mestría, que o fixo merecedor de numerosos premios nacionais e internacionais.
Ese mesmo día, e á mesma hora, presentouse, na libraría Lume, unha antoloxía de poemas de sempre, Los poemas que no puedes dejar de conocer, realizada polo profesor José A. Ponte Far, que reúne obras da poesía castelá, hispanoamericana e galega. Houbo un recital poético no que participaron, entre outros, os grandes poetas Xulio Valcárcel e Miguel Anxo Fernán Vello. Foi un acto máis íntimo, pero cunha grande altura literaria. Se o primeiro libro é unha obra de arte en si mesmo, este outro, máis modesto na súa presentación, é a obra dun sabio. Porque hai que saber moito de poesía e ter unha gran capacidade didáctica para realizar esta selecta recompilación que quere servir para que os que non son lectores habituais de poesía cheguen a coñecela e desfrutala. O autor lembrou como, na súa adolescencia, comezou a amar a poesía coa lectura de Las cien mejores poesías de la lengua castellana de don Marcelino Menéndez Pelayo, na biblioteca do casino de Negreira, mentres o seu primo xogaba ás cartas. Esa é a vocación deste libro: achegar a poesía ao maior número posible de lectores.
Ponte Far é catedrático de Lingua castelán e Literatura e ten unha longa traxectoria como profesor, agora xubilado. A selección que presenta, aínda que respecta os criterios estéticos estabelecidos polo bo gusto literario, responde, en definitiva, ás súas preferencias persoais. O libro vai “desde Gonzalo de Berceo ata Miguel d´Ors, desde Rosalía a Xulio Valcárcel, desde sor Inés de la Cruz a Mario Benedetti”. Coincido co autor en que este libro debería estar nas escolas e nos institutos, e tamén nas bibliotecas públicas e en todas as casas, para fomentar o pracer da lectura e o gusto pola poesía.
Recomendo con entusiasmo estes dous volumes aos amantes dos libros e da literatura, por dúas razóns: porque son dúas obras excelentes, que paga a pena ler e gardar para o futuro. E tamén porque os dous autores (Xosé Cobas e Ponte Far) son amigos meus e conveciños das terras de Barcala. Tamén é casualidade, ou cousa do destino, que dous veciños da mesma parroquia de Logrosa (Negreira) viñeran presentar na Coruña dous libros, magníficos, o mesmo día e á mesma hora! Coa cantidade de días que ten o ano!