E a culpa de quen é?

Que este é un final de etapa histórica certifícao que dúas persoas que lle guindaron unha torta a outra investigada por delitos de corrupción (o caso das dietas de Caja Navarra) sexan condenadas a dous anos de cárcere mentres a outra marcha á súa casa tranquilamente e, ademais, forrada. Este é o país que é, un país corrupto. A verdadeira marca España é a corrupción.

González Pons móstrase orgulloso de pertencer a ese partido, do que dixo que os seus membros e dirixentes son tan honrados coma todos, tras coñecerse que se financiou, e os seus dirixentes se lucraron, con diñeiro negro

O que acabo de escribir arriba é tremendo. Mírese como se mire, é triste, e ten implicacións terribles, pero iso dáo por feito con naturalidade o Partido Popular. Un portavoz seu, González Pons, móstrase orgulloso de pertencer a ese partido, do que dixo que os seus membros e dirixentes son tan honrados coma todos, tras coñecerse que se financiou, e os seus dirixentes se lucraron, con diñeiro negro.

Convén saber a quen se dirixía ao dicir iso, se aos militantes e votantes do seu partido ou a toda a cidadanía española. Se se dirixía ao seu partido, entendo que lles dicía: "Claro que somos delincuentes, pero só son delitos económicos. O normal, os demais tamén o fan. Non vos preocupedes porque o que agora se descubriu, non é algo tan vergoñoso". Dálles ánimos para continuar, non miredes aos lados, non escoitedes o que vos digan pola rúa, hai que seguir, que enfronte están os outros. Un partido que asume iso é perigosísimo para un país, simplemente é un cancro político.

Que un país non sexa de fiar, cunha poboación envilecida e un Estado corrupto, é o peor. Un país así non ten esperanza, é un país que non confía na súa capacidade para saír adiante colectivamente

Pero se se dirixía ao conxunto da sociedade entendo que lle dixo: "Pero se aquí todos somos uns lerchos, non disimuledes. Este é un país de ladróns, sempre o fomos, e a moita honra; somos vivos e non como eses europeos. Pero, ollo, que son uns hipócritas e tamén rouban, pero máis finamente".

Que un país non sexa de fiar, cunha poboación envilecida e un Estado corrupto, é o peor. Un país así non ten esperanza, é un país que non confía na súa capacidade para saír adiante colectivamente. É un país desesperado.

Só a un país desesperado se lle pode falar co cinismo que demostrou González Pons cando veu dicir: "Somos tan honrados coma todos, xa me entendedes, pero tedes que agarrarvos a nós porque somos os máis eficaces e non tedes opción". Paréceme que tanto un votante do PP coma unha persoa calquera debe sentir que esa declaración é unha cuspidela na cara. Vótanos e cala, can!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.