E a plurinacionalidade?

Levamos anos escoitando que o fenómeno Podemos se estudará nas universidades, frase que, como publicaba esta semana Isaac Rosa en eldiario.es, vai collendo un sentido diferente cada semana, e ás portas de Vista Alegre II, o medo a que de todo isto vaia acabar nunha historia de fracaso vai en aumento.

Sen embargo, as leccións futuras, cando todo isto poida verse en perspectiva, comezarán cun capítulo de éxito. En menos de dous anos Podemos conseguiu algo inédito na política europea: pasar de pouco máis dun millón de votos nas eleccións europeas a poñer contra as cordas ao bipartidismo no Estado. Un éxito enorme que tivo consecuencias evidentes en toda a política española, conseguindo colocar novos temas na axenda, e marcando uns mínimos de decencia política que, polo menos no discurso, tiveron que ser aceptados por todos os partidos estatais. Un logro enorme, que malia a deficiente xestión do debate interno, segue conectando con cinco millóns de votantes, segundo indica o último CIS.

En Podemos díxose que as cousas se ían facer de xeito diferente, que se abrían portas e ventás tratando de normalizar os debates necesarios en calquera organización. Lembremos que Vista Alegre II coincide cun Congreso do PP do que non transcendeu nada á opinión pública, e que se ben o proceso interno de Podemos produciu demasiado ruído e confusión, evidencia un marco diferente de entender a política que non se basea en congresos á búlgara.

Pero tamén haberá que sacar leccións sobre os erros cometidos. Analizar en que momento os espazos entre as familias se foron achicando ata deixar a miles de votantes e inscritos abandonados por non atopar o seu espazo; asumir que ser un partido novo non era garantía de estar libres dos vicios vellos, e que o adanismo do que se fixo gala non foi vacina suficiente contra a desconfianza, nin a envexa, nin a guerra interna. Resulta que nin eran cousas do pasado, nin que practicaban outros. Tomemos nota para En Marea. Tampouco os porqués están claros, xa que as explicacións ó enfrontamento aberto entre as dúas correntes principais, dende as máis ideolóxicas ás máis persoais, deixan a sensación de que é algo máis, outra cousa, menos fonda e máis vulgar. Difíciles de entender, e moi afastadas para quen non forma parte do núcleo madrileño no que se centraliza todo.

Porque aí hai que situar outra das eivas deste proceso, a dificultade de dar un debate que incluíra todos os territorios. Xa que malia que se enunciara moito, a plurinacionalidade foi unha das grandes ausentes das últimas semanas. Unha das palabras, poderíamos citar tamén feminización da política, fraternidade ou debate de ideas, que se repetiu moito e se practicou moito menos.

A cuestión asaltoume vendo un cartaz que anunciaba o gran acto desta campaña interna en Galicia, un debate entre as tres candidaturas protagonizado por tres persoas de Madrid. A imaxe pareceume preocupante, posto que máis alá do plano simbólico, a imaxe de debates protagonizados por madrileños que veñen “a provincias” para tratar de pescar un puñado de votos transluce unha dependencia excesiva do aparato madrileño así como unha centralización do debate total e absoluta. Teñen algo que ver estes debate co proceso de Unidade Popular que vivimos en Galicia? Parece que non.

Deste xeito atopámonos ante un dos problemas que arrastra o partido morado dende o principio, unha excesiva dependencia dun feixe de líderes de Madrid e a incapacidade de xerar unha organización autosuficiente así como de ofrecer respostas concretas en cada territorio. E isto contrasta moito coa realidade das cifras; curiosamente cando se deu protagonismo á cidadanía non organizada partidariamente e apostamos por confluír con outras forzas conseguimos uns resultados mellores que onde nos presentamos como Podemos. Resulta canto menos sorprendente que ese debate non entrara na axenda, ou cando se pon encima da mesa se faga fincapé en cuestións exclusivamente xurídicas e non no seu fondo político, que é o realmente interesante. Falar de plurinacionalidade e descentralización en documentos político-organizativos sen fomentar un debate en profundidade que teña en conta a experiencia nos territorios así como a axenda propia de cada un parece, cando menos, arriscado.

Así non se aposta pola plurinacionalidade, nin se ensancha ese nós necesario para unha maioría social plural de cambio, nin se constrúe en común, nin se fomenta a corresponsabilidade na toma de decisións, séguese o criticado modelo de Vista Alegre I no que unha elite situada en Madrid asumiu a capacidade para marcar a axenda e pensar e decidir o que era mellor para todos.

Dende Galicia un dos temas máis relevantes no debate organizativo debía estar xustamente sobre até que punto a estrutura estatal vai ser respectuosa cos debates que estamos a ter non só en En Marea, se non nas mareas municipais que precisamente afrontarán a nosa vindeira cita electoral. Leo na prensa o convite feito para que vaian a Vista Alegre II referentes do espazo de cambio como Ada Colau, Mónica Oltra ou Xulio Ferreiro, pero mellor sería que estiveramos traballando nunha axenda en común para blindar aos gobernos rebeldes. Non hai tempo que perder. Basta botar unha ollada ó que está pasando en cidades como A Coruña ou Ferrol para ver como mentres nós seguimos poñendo o foco en temas internos, a dereita coligada con poderes económicos e mediáticos xa se está rearmando para a próxima cita electoral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.