É Isowat unha empresa estratéxica para Galicia?

Mobilización de persoal de Isowat na Coruña © En Marea

Estamos estes días a contemplar a posible liquidación dunha empresa emblemática como Isowat ante a pasividade da Xunta de Galicia, e digo de momento pasividade porque non teño datos suficientes para falar de complicidade cuns posibles intereses particulares contrarios ao interese xeral. Esperemos que non se chegue á situación na que se podería comprobar isto último.

A miña resposta á pregunta do titular é si, Isowat é unha empresa estratéxica para o desenvolvemento da transición enerxética en Galicia. Isowat ten unha tecnoloxía e, sobretodo, unha cualificación profesional líder para desenvolver os procesos de transición enerxética en Galicia pilotada por empresas galegas. Ten expectativas de negocio na porta que poderían facela rendible nun prazo moi curto, como son os traballos de mantemento eléctrico de grandes empresas radicadas en Galicia, todo o control eléctrico e as subestacións dos novos parques eólicos, toda a aparellaxe eléctrica das fragatas F-110 e moitas outras cousas que os traballadores de Isowat poderían poñer sobre a mesa.

E ante isto que fai a Xunta de Galicia? Estar “expectante” ou, como diría o conselleiro de Industria, “Que nos dean un Plan”.

E que debería de facer? Pois tendo en conta que cuns 5 millóns de euros se podería tomar o control da compañía, facelo provisionalmente e despois de refrotala, incorporar unha dirección profesional e poñela en produción. Debería entón buscar un socio industrial que tomase o 50%, reservarse para a Xunta unha porcentaxe de control preventivo, incorporar os traballadores a propiedade na porcentaxe que se negociase e mesmo incorporar a Abanca, que agora mesmo é o maior acredor no concurso de acredores, como socio financiero. Todos sairían gañando: a Xunta recuperaría os cartos, os traballadores manterían ops seus postos e Abanca podería seguir facendo negocio financiando a segura traxectoria exitosa de Isowat.

Pero sen poder asegurar os intereses particulares que suxiro no primeiro parágrafo, a actuación dos señores Feijóo e Conde está determinada por prexuízos ideolóxicos neoliberais: “Deixemos o mercado que poña ou non as solucións”. E despois falan de que nós temos prexuizos ideolóxicos colectivistas.

Deberían tomar exemplo doutro liberal, si, liberal pero máis patriota que vostedes. Deberían facer como Macron, que impediu provisionalmente a compra por parte do estaleiro público italiano Fincantieri dos estaleiros franceses STX, para despois controlar o proceso de reconversión defendendo os intereses de Francia e dos traballadores. Por aí podería ir tamén a solución para Barreras en colaboración, neste caso, co Estado Español. Pero diso falaremos outro día.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.