Hai agora dous anos que veño escribindo aquí cada semana e se repaso as miñas primeiras colaboracións vexo que tratan xa da descomposición do sistema político nado da Transición. Se iso fose así, como será visto o final desta etapa histórica? Xa ocorreu e o que vemos por riba de nós é un baile de espectros? Se non ocorreu entón faltará pouco, como será?, que ocorrerá? Abondará co final deste Goberno para unha crise profunda do sistema?
O futuro inmediato é impredicible, a situación non lle resultou tan opresiva á poboación se non fose polos apuros económicos que padece, se todo continuase como até daquela e non chegase a crise financeira. Sen verse sometida a economía española ás obrigas impostas polos mercados, co consecuente esborralle do sector inmobiliario, probablemente o segundo Goberno de Zapatero cedería o paso a outro Goberno presidido por Rubalcaba. Pero iso non foi así e o electorado deulle o Goberno ao PP. Con todo, hoxe como daquela a economía española segue sometida aos mercados financeiros, gobernados polos seus donos que principalmente aniñan en Wall Street. Agás eles, ninguén coñece o futuro económico inmediato e as súas consecuencias sociais e políticas. Pode ocorrernos calquera cousa.
A insistencia catalá no seu difícil proceso, o asunto ébola, os cartóns de Caixa Madrid? Non retratan desgoberno, retratan un baleiro político clamoroso
Que está a ocorrer? A insistencia catalá no seu difícil proceso, o asunto ébola, os cartóns de Caja Madrid? Non retratan desgoberno, retratan un baleiro político clamoroso. A opinión pública sabe absolutamente que o PP é un partido levantado sobre a corrupción, outra cousa é que lle pareza ben ou mal. Aínda que o custo para un país de aceptar a inmoralidade ostentosa é considerable. Cada día constátase que non hai presidente de Goberno, non hai Goberno, non hai Ministerio de Sanidade, non hai control sobre as entidades financeiras, non hai solución política a unha demanda democrática? O panorama político son minas e ruínas, un cruzamento de ideoloxía cega con toneladas de incompetencia e todo iso presidido por unha cadeira de brazos baleira. Trátase dun Goberno baleiro. Que aplica medidas políticas de dereita radical pero está baleiro de orientación. Sabe moi ben o que quere para favorecer os seus clientes, os seus intereses ideolóxicos e económicos particulares, pero carece dun proxecto de país. Ao contrario, levouno a unha situación desastrosa.
O outro partido que se quere alternativa, ou sexa sostén do sistema, non ofrece moito máis contido político
O outro partido que se quere alternativa, ou sexa sostén do sistema, non ofrece moito máis contido político Nun momento de completa crise do modelo económico, social e político no canto de ofrecer unha nova proposta remítese aos gobernos socialistas dos anos oitenta e noventa. Ao que se lle suma de forma decisiva que para a opinión pública tamén segue aparecendo cada día con casos de corrupción.
Saia a cousa como saia e tarde máis ou menos a escenografía do bipartidismo tal como sae nos medios de comunicación, só acolle a malos actores e actrices de voz impostada. Pero a obra que interpretan só é xestos e palabrería, carece de argumento, non vai a ningures. E xa é pasado.