E non é que chova

Corre polas redes sociais literatura temporal de compromiso. Sentenzas precisas, alustros de intelixencia, metáforas choscas, expresións imposibles, risadas, lamentos, convocatorias á acción, reflexións orixinais, consignas totalitarias, críticas e loas, un pouco de todo. Quen desexe información en tempo real pode sortear os medios  tradicionais sen perda de resolución. Os usuarios impoñen a necesidade dunha nova comunicación, inmediata e participativa. Xa non interesa ser receptor condenado a descifrar convenientemente as mensaxes dos profesionais. O usuario 2.0 esixe participar en todo o proceso comunicativo e retroalimentar a información instantaneamente.

Róubannos, mállannos, deshumanízannos, viólannos, átannos e esíxennos silencio baixo a ameaza de castigos aínda máis crueis

Róubannos, mállannos, deshumanízannos, viólannos, átannos e esíxennos silencio baixo a ameaza de castigos aínda máis crueis. Así cantaba unha mensaxe que apareceu no meu twitter (@AntonDobao) hai uns días. É unha versión crúa do clásico "mexan por nós e temos que dicir que chove", cuxa estrutura profunda expresa idéntica crueldade vexatoria e semellante castigo potencial ante a revolta. A imaxe casa exacta cos tempos convulsos de recortes e folgas e respostas sociais á cínica fachenda gobernante. E envíanos de paso ao territorio da alienación, sobre o que paga a pena reflexionar para procurar respostas aos medios de produción de ideoloxía e, sobre todo, de realidade.

A esquerda que desexe reconstituírse, necesariamente radical na impugnación do capitalismo, ten por diante dous cometidos: o primeiro, conseguir que o proletariado moderno se recoñeza como suxeito; o segundo, comprender os mecanismos de submisión, desvelalos e combatelos

Porque talvez a exquisita sutileza dos mecanismos de alienación —ségueos habendo burdos e recoñecibles— pode explicar a docilidade con que se interioriza a verdade liberal, que é relixiosa. A esquerda que desexe reconstituírse, necesariamente radical na impugnación do capitalismo, ten por diante dous cometidos: o primeiro, conseguir que o proletariado moderno se recoñeza como suxeito, máis aló da súa diversidade e fragmentación; o segundo, comprender os mecanismos de submisión, desvelalos e combatelos. Aínda que iso implique enfrontarse ás grandes corporacións mediáticas. Outra comunicación de masas é posible. E necesaria.

É vello o conto de converter as pequenas violencias de resposta en escusa de asedio preventivo, que diría Heinrich Böll. O poder nunca renunciou ao uso dunha violencia lexitimada por quen a emprega, o denominado uso lexítimo da violencia, aínda que coa perfección dos sistemas de dominio e control foi matizando forzas, frecuencias e intensidades. Para o capitalismo, sempre a aforrar recursos e a ampliar beneficios, é máis eficiente que cada individuo chegue por si ás conclusións convenientes; a maquinaria de dominio simbólico ten que funcionar sen espasmos, continuamente, aínda que en ocasións lle cumpra regañar os dentes e recorrer á forza.

A resposta represiva e de escusa contra esa violencia alcuñada vandálica será saudada coa mesma alegría coa que recibiron a Fernando VII ao berro de vivan as cadeas

Tras unha Folga Xeral convocada polas organizacións sindicais nun contexto de extremada violencia contra os asalariados e outros excluídos, coa destrución feroz de conquistas colectivas vitais, cun futuro inmediato de submisión total da vida ao mercado, cun horizonte de entrega indefinida ao empobrecemento e á exclusión, era de esperar que se espallase por todos os poros da sociedade a imaxe dunha odiosa violencia contra honrados cidadáns e inocentes caixeiros automáticos. Dous contedores, catro caixeiros e rúa e media fumegante son a esencia do fotoxornalismo e da opinión de orde. A resposta represiva e de escusa contra esa violencia alcuñada vandálica será saudada coa mesma alegría coa que recibiron a Fernando VII ao berro de vivan as cadeas. Por moi brutal que sexa. Porque certas posesións están por riba de certas vidas humanas. O Ministerio do Interior do Reino de España xa está traballando no asunto. Calquera resposta será criminal. Talvez saben as consecuencias que terá a súa violentamente agresiva acción de goberno.

A Oleguer Presas insultárono por un delito de lesa humanidade: pensar diferente e expresalo

Hai uns días, Oleguer Presas, ex xogador do F. C. Barcelona, escribía un interesante artigo arredor das desproporcionadas consideracións que merecen diversas formas e graos de violencia. A do sistema e os seus aparellos contra as clases subalternas e os excluídos ou en proceso de exclusión, e as insignificantes violencias de resposta en manifestacións ou mesmo na queima dalgún mobiliario urbano. A dereita catalá, baixo a dirección de Felip Puig, o Conseller de Interior, teima en culminar a súa infame acción de goberno cunha boa ración de dureza policial e penal, de maneira preventiva se for preciso, contra calquera resposta que lle pareza lesiva para os intereses daqueles que lexitiman a súa sistemática violencia, que ás veces parece a consecuencia dunha estraña variante da selección natural. A Oleguer Presas insultárono por un delito de lesa humanidade: pensar diferente e expresalo.

Á multitude que estamos a este lado da barreira, ao fondo á esquerda, que diría o Subcomandante, quédanos manexar os nosos propios instrumentos cando xa non é tempo de depositar a confianza en mediadiores alleos

Á multitude que estamos a este lado da barreira, ao fondo á esquerda, que diría o Subcomandante, quédanos manexar os nosos propios instrumentos cando xa non é tempo de depositar a confianza en mediadiores alleos. Cando así o facemos, eses instrumentos deveñen públicos, de todos e de todas, porque o público non sempre é necesariamente estatal. Como esta Praza Pública, que non podería ser privada para se ofrecer ao debate aberto e sen condicións que nos reclama e que necesitamos coma un gulapo de osíxeno.

Nel estaremos coas armas que posuímos, que son as que se ven. Contra a violencia persistente, a brutal e a sutil, que nos asfixia cada mañá un pouco máis. Contra a violencia que nos condena cun sorriso cínico. Contra esa violencia á que se enfrontou a pasada Folga Xeral e as que virán. Contra a violencia que, mediante ameaza, nos esixe o silencio e a submisión como resposta. Contra a violencia que proxecta institucionalizar o Ministerio do Interior de España. Contra a violencia que nos converte en mercadoría. Porque non, non é que chova.

P.S Mentres escribía este texto, soubemos da morte de Iñigo Cabacas. A causa foi o impacto na cabeza dunha pelota de goma disparada por un membro da Ertzaintza que estaba a moi poucos metros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.