E os xornais renunciaron

Vivimos, está claro, un tempo de cambio de paradigma. Cara onde imos non o sei. Intúoo con máis ou menos claridade. E a miña intuición de cara onde imos é tan fea que mellor levo agora o artigo por outro lugar para que non nos deprimamos máis aínda. Mais o que si é certo é que estamos diante dun novo paradigma, diante dun cambio social profundo porque xa nada é como é aínda que non saibamos aínda como será. Explicarano os historiadores e historiadoras do futuro. Pero isto xa non é a postmodernidade ou o postcapitalismo ou o postconsumismo. Isto é outra cousa.

A perda de credibilidade dos xornais de toda a vida, incluíndo as grandes cabeceiras de Madrid que foron referencia en décadas pasadas para certo pensamento progresista, é unha traxedia que nos prexudica a todos gravemente

E como xa se deduciu do meu comentario primeiro sobre a intuición de que imos cara algo peor, é tempo agora de ver como nos armamos, sen botarnos ao monte a liberar o instinto animal e deixarnos levar pola tentación de tirar polo camiño do medio e montar un escrache colectivo, para minimizar, na medida do posible, os danos. Que están a ser moitos: perda de dereitos laborais, dificultades para acceder á educación e á sanidade, cuestionamento da tranquilidade no tempo da xubilación...

Por iso quero falar dos medios de comunicación.

Do que falo é de pertrecharnos. De coidarnos. De axudarnos a ter argumentos para resistir: E a prensa, xa non nos vale

Unha enquisa recente que lin por aí sinalaba, e non é novidade, que os españois non cren moito, ou máis ben pouco, nos medios de comunicación tradicionais. Estamos a falar dos xornais de papel, sobre todo. Lino e pensei que quizais por iso o xornal que máis se vende no estado español, manda truco, é o Marca. E a pesar de que, como Iñaki Gabilondo sinalaba, quizais dun xeito moi optimista, hai uns días nunha visita a Galicia, que a saúde do xornalismo é boa (non o creo: canto cobran de media os nosos redactores xa nin sequera mileuristas dos medios escritos galegos?; cun soldo indigno é difícil facer xornalismo de calidade), o certo é que a perda de credibilidade dos xornais de toda a vida, incluíndo as grandes cabeceiras de Madrid que foron referencia en décadas pasadas para certo pensamento progresista, é unha traxedia que nos prexudica a todos gravemente.

Porque do que falo é de pertrecharnos. De coidarnos. De axudarnos a ter argumentos para resistir: E a prensa, xa non nos vale. E se dicimos que a prensa xa non nos vale é porque está entregada á Administración política que a financia-sostén-alimenta a través da publicidade institucional ou, directamente, a través de cartos concretos, ou a lobbies económicos de toda caste. Nesta situación, os que estamos vendidos somos os cidadáns, pois necesitamos, e non temos, unha prensa que, sobre todo, sexa prensa.

A estas alturas da película o único que lle pido ao xornalismo é que sexa xornalismo

A estas alturas da película o único que lle pido ao xornalismo é que sexa xornalismo.

É dicir, que conte a verdade, que permita que se escoiten todas as voces, tamén as disidentes, que se dediquen a intervir na realidade para mellorala, adoptando unha actitude crítica fronte do poder. Este último mandado entendemos que hoxe é máis necesario ca nunca. Hoxe en especial. Hoxe, precisamente, no que as cabeceiras están tan enfeblecidas.

Que conte a verdade, que permita que se escoiten todas as voces, tamén as disidentes, que se dediquen a intervir na realidade para mellorala, adoptando unha actitude crítica fronte do poder

A pesar de que os que consumimos información (e eu amo os xornais en papel; hai poucos goces mellores que sentar a tomar un café cun xornal enriba da mesa) hai ben de tempo que a procuramos noutros lugares, en especial  na rede (aí están as voces disidentes. Aí está, por exemplo, o galego), o certo é que a democracia necesita de xornais nos que poidamos sentirnos referenciados. Xornais que non estean entregados. Que non estean humillados. Xornalistas que fagan o seu traballo conscientes de que están a desenvolver un labor social importantísimo. Non se trata de satisfacer á empresa xornalística que che (mal)paga a fin de mes. Trátase de darlle á sociedade argumentos para entender a realidade. Tamén para resistir.

Teñen unha enorme responsabilidade social. E renunciaron a exercela. Agobiados polo mercado e obsesionados con sobrevivir, converteron nunha rutina de comportamento pagar prebendas

Os medios de comunicación teñen unha enorme responsabilidade social. E renunciaron a exercela. Agobiados polo mercado e obsesionados con sobrevivir, converteron nunha rutina de comportamento pagar prebendas, satisfacer ao alcalde que toque satisfacer e pouco máis. E, daquela, a sociedade enteira é peor.

E necesitámolos. Da nosa banda. Con nós. Se tal fixeran, quizais, incluso, volveríamos mercar xornais. Igual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.