Nas últimas semanas as noticias son dantescas. Frases tipo "Estudar para a cola do paro" que saía o pasado 7 de Outubro na Voz. Ese mesmo día, o editorial do Faro de Vigo trataba sobre os males endémicos da educación universitaria. Nese artigo mencionábase, entre outros, que se fixeran universidades pero que ninguén se preocupou de fomentar o traballo de enxeñeiros. Como xa era pouco, a última noticia é a perda do 60% de empresas relacionados co I+D.
Facer innovación neste país é complicado. No ámbito empresarial existen dous grandes problemas: pensase demasiado en curto prazo (debido á escasa capitalización), e a intensa desconfianza entre empresas galegas. A principal consecuencia é o case inexistente investimento privado en innovación, sendo todos eses recentemente universitarios os máximos danados.
Ademais, existe un problema coas administracións, que só fan copiar, intentar copiar todo o que funciona noutros países e facelo mil veces, para que sexa mil veces mellor! Igual temos que volver á típica frase: "se copias, copia ben!" Hoxe en día, unha das modas entre as administracións é facer coworkings, ese edificio que tan pronto se inaugura provoca que se funden máis de quince empresas moi innovadoras. Xa teñen espazo onde traballar!
Actualmente, na cidade de Vigo existen máis de seis coworkings, que facilmente poden albergar arredor das trescentas persoas. A miña sensación, sen datos oficiais, é que o nivel de uso é moi moi pequeno. Para máis inri, nesta cidade, a administración pública ten programados tres novos coworkings.
As raíces iniciais destes espazos eran grandes urbes onde arrendar unha oficina enteira é case imposíbel. As empresas adoitan usalos como punto de encontro, como sitio praa facer contactos ou simplemente para aforrarlle máis dunha hora de transporte público a algún traballador.
Ademais das razóns anteriormente comentadas, estes tamén triunfan por ter acción social e investir no coñecemento da xente. Cando traballaba no coworking do Google Campus de Londres, o nivel de eventos para fomentar o traspaso do coñecemento ou creación de redes extra profesionais eran diarios, o que implicaba unha evolución logarítmica dos que alí estábamos. Tamén se poden encontrar bos exemplos na península, como pode ser o Betahaus Barcelona, ou LaTerminal de Madrid (liderado por unha galega), onde se incentivan medidas de valor engadido para os presentes. En Galicia, temos varios e bos exemplos, como o WeKCo da Coruña, Kaleido Coworking e Sinergia de Vigo, ou o espazo Arrelo de Pontevedra. O bo destes espazos é que achegan novas ideas aos presentes, ademais de educar sobre a importancia da colaboración.
Enunciaba hai pouco a presidenta da Deputación, que un coworking xera traballo. Eu creo que o que xera traballo é a xente que alí esta. Teño a impresión que se está a caer nun problema recorrente do país, unha infraestrutura por si soa non mellora nada, ten que ter o tecido ao redor para que esta sexa exitosa, e sobre todo, educar a sociedade dos usos e beneficios que a infraestrutura traerá, para que a acepten e poidan chegala a usar. Actualmente, as administracións en Vigo igual teñen que pararse a pensar: van ser rendibles? que medidas existen para promover esas redes interprofesionais? Acabarán eses novos centros de coworking nunha guerra de prezos cos xa establecidos? Arruinaremos o investimento privado feito nos últimos anos?
O meu punto de vista é que as administracións céntranse demasiado no cemento, que por desgraza non dá solucións a largo prazo. Un dos principais traballos das administracións ten que ser fomentar o coñecemento, e nunha época de crise fai falla moita orixinalidade. Esta só pode vir de xente formada e animada. O deber das administracións é crear soños entre os máis novos, que por desgraza agora mesmo soñan con estar lonxe. Como dicía Cunqueiro: "Nesta dieta, o home precisa en primeiro lugar, como quen bebe auga, beber soños". É preciso que o que eles pensan que é innovador veña cun plan de dinamización ao redor, senón, será un soño frustrado, e de frustración a "chavalada" estamos fartos.