E ti non tes conta en Suíza, 'pringao'?

Os patrióticos fundadores do ABC, os Luca de Tena; o fast and furious hispano, Fernando Alonso; un ex maxistrado do Supremo, López Vilas; o avogado xusticieiro, Jorge Trías, por suposto a familia Pujol... Tiñan unha conta en Suíza até o Botín, ese referente de familia rica pero con conciencia social que tanto gusta pór como exemplo entre a dirección de Podemos.

Non hai dúbida. Os bos españois posúen unha conta en Suíza e se non agochas unha conta en Suíza, nin es español, nin es nada; apenas un pobre pringao que merece todos os recortes e desgrazas que lle pasen.

Máis de dous mil millóns de euros propiedade de máis de dous mil ricos españois ocultos só no HSBC. Ao parecer, a maioría deles abriron as súas contas declarando que o seu oficio era ser "amas de casa". Pero non o consignaron así con ánimo de defraudar ou para enganar a Facenda española. Foi por discreción e para despistar aos fans, que se poñen moi pesados na porta do banco cada vez que vas facer un ingreso.

Se levaba tempo preguntándose por que un país como España, que triplicou o seu PIB e duplicou a súa renda durante o últimos trinta anos, chegara a estar tan mal, ou por que tivemos que recortar máis de trinta mil millóns en investimento social en sanidade, educación, dependencia ou pensións e aínda nos quedan por recortar outro dez mil, aí ten a resposta que buscaba.

Porque a xente que máis riqueza acumulou en España durante as últimas décadas négase a pagar e, se fai falta, mesmo delinque para non facelo

Porque a xente que máis riqueza acumulou en España durante as últimas décadas négase a pagar e, se fai falta, mesmo delinque para non facelo. Mentres iso non se arranxe, xamais sairemos de pobres.

Non é que non nos puidésemos permitir ese modesto Estado de benestar que agora desafiuzamos rápido e sen piedade, coma se o mundo fose a acabar mañá. Trátase máis ben de que quen gardan o seu diñeiro no país helvético non o queren pagar. Encántalles España, pero para tomar o sol, amarrar o iate e levar a banderita no reloxo. Para todo o demais, Suíza, onde vai parar.

Non é que non nos puidésemos permitir ese modesto Estado de Benestar; trátase máis ben de que os que gardan os cartos en Suíza non o queren pagar 

Anuncia o ministro Montoro, moi fachendoso, que este ano se recuperaron máis de doce mil millóns de euros da fraude fiscal, un 12% máis que en 2013. Imaxínense o que recuperariamos se non fósemos o país da zona euro que menos inspectores de Facenda ten por cada mil habitantes, ou se de cada dez euros que dedicamos á inspección fiscal oito se empregasen en inspeccionar as grandes empresas e patrimonios, non a revisar as declaracións dos currelas con nómina e dos pequenos e medianos autónomos, como sucede agora. Daquela España si que sería diferente, pero diferente de verdade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.