O termo ecofascismo é controvertido pois ten diferentes e contraditorias acepcións. Nun principio a palabra foi un “invento” liberal para desacreditar o movemento ecoloxista ao que acusaban dunha especie de totalitarismo. Porén a acepción máis común e consolidada é a que describe como se están a comportar determinados grupos económicos ou políticos ao respecto dos recursos naturais.
Por outra banda, cando se fala de decrecentismo téndese a pensar en persoas de ideoloxía ecoloxista, non confundir con ambientalistas (máis abaixo volvo sobre este matiz) que ante o teito do petróleo, sobre todo, e a subsecuente crise enerxética e ambiental, tratan de evitar e adaptarse a un escenario próximo de colapso. O decrecentismo faría unha renuncia consciente ao gasto enerxético, isto é, unha vida máis sinxela, de moito menor impacto e resiliente. Mais eu penso que precisamente quen ten unha visión máis clara dun futuro escenario de colapso están xusto nas antípodas deste achegamento: no liberalismo económico máis radical. E dicir, son eles quen teñen moi claro a situación enerxética e material futura, non só derivada do teito do petróleo senón tamén doutros “teitos”. E actúan en consecuencia, acaparando recursos naturais alí onde estean por diferentes métodos: ecofascismo en acción, dominación dos recursos naturais onde queira que estean, ben sexa enerxía, materiais, auga, terras para cultivo ou calquera outra cousa (acaparamento de terras), ata incluso o mar.
Quen ten unha visión máis clara dun futuro escenario de colapso están no liberalismo económico máis radical e actúan en consecuencia, acaparando recursos naturais alí onde estean
Nun planeta próximo aos 8.000 millóns de habitantes, calquera monopolio sobre un recurso natural esencial será unha garantía de supervivencia nun contexto de rarificación deses recursos.
Todo isto ven a conto, xa dirixindo a mirada a Galiza, de que no noso territorio, como en calquera outro, estanse a dar unha serie de proxectos que van na liña do ecofascismo máis claro. Non é que determinada compañía queira executar un proxecto ou outro, non. É unha toma dun territorio coa complicidade precisamente de aqueles que deberan dar garantías de que estas cousas non pasaran, refírome ao actual goberno da Xunta de Galicia. Os casos son claros: Temos os recursos hídricos tomados por compañías enerxéticas. O monte e máis as terras agrícolas e gandeiras tomadas por ese conglomerado que espalla madeira de baixa calidade e celulosa, é dicir, piñeiros e eucaliptos, listos tamén para ser queimados para producir enerxía. No monte os mellores sitios de produción enerxética, de novo, son acaparados polos mesmos. E por último a minería a gran escala somete grandes territorios para a súa actividade extractiva, dende a toma do leste do país das louseiras ata a mina a reabrir en Touro. Incluso podemos falar como a gandería en Galicia pasou de ser un xeito de vida popular a ser un mercado dominado por moi poucas compañías en proceso de concentración que deciden como, de que xeito e a que prezo determinados territorios son empregados no seu beneficio exclusivo. Nalgúns lugares do planeta (África, Oriente Medio e algún punto de Latinoamérica a día de hoxe) o ecofascismo sérvese do control armado chegado o caso. Aquí de momento chega co control político e xudicial.
Que ninguén se preocupe, serán as capas populares quen asuman estes metabolitos do sistema pois os que exercen o ecofascismo nin tan sequera viven próximos aos recursos naturais a acaparar
Por suposto esta toma ten un metabolismo que xera residuos, contaminación, degradación ambiental en xeral, desigualdade e exclusión social… Que ninguén se preocupe, serán as capas populares quen asuman estes metabolitos do sistema pois os que exercen o ecofascismo nin tan sequera viven próximos aos recursos naturais a acaparar. Chama a atención como, precisamente, algunhas persoas do común e mesmo sectores populares enteiros admiten esta modalidade de dominación; non é, creo, máis que un exercicio de admitir a derrota e buscar a supervivencia individual, familiar ou de clan pretendendo que as faragullas do pastel van ser suficientes. Unha estratexia errónea pois coñecemos a presión inicial pero non a presión final que se aplicará a medida que os recursos, en xeral, diminúan.
E importante, na miña opinión, ser moi conscientes de que se trata dunha ofensiva ecofascista en toda a súa dimensión . Neste contexto exercer a contestación de xeito puntual, proxecto a proxecto, é básico pero sen esquecer a dimensión de loita ideolóxica e económica que agocha. Traballar en rede, polo tanto é fundamental, superando o “non na miña leira”. Basicamente retomar os principios do funcionamento do movemento ecoloxista de hai anos e que no seu momento foi bastante eficaz. Falo dos anos 80 e 90.
O ecofascismo hai que combatelo con acción e ideoloxía. Se renunciamos a esta última só queda a acción, é dicir, o “non na miña leira”
Ao principio do artigo facía a distinción entre ecoloxismo e ambientalismo. Ben, hai xa décadas que parte do movemento ecoloxista desideoloxizouse e perdeu perspectiva en aras da supervivencia espuria máis vulgar. Mesmo podemos atopar “ambientalismo” en posturas neoliberais. Así vemos como grandes grupos ecoloxistas, mesmo de carácter internacional, que chegaron no século pasado a ser referentes ideolóxicos e de funcionamento non son hoxe máis que vetustas maquinarias corporativas que apoian alegremente o ecofascismo máis tenebroso. Maquinarias que sosteñen, por exemplo, o cultivo de especies forestais exóticas con aquelo de “non hai que demonizar ningunha especie” ou “os lumes non están relacionados con determinada especie” ou apoian, creo sen ser moi conscientes, os monopolios enerxéticos pero con renovables, ou cousas tan ridículas como bolígrafos desbotables. Son doadamente recoñecibles pois son os que saen nos medios de comunicación convencionais (un pouco, ata niso saen baratos). Por suposto hai organizacións locais, pequenas, que seguen este camiño.
Non nos enganemos, o ecofascismo hai que combatelo con acción e ideoloxía. Se renunciamos a esta última só queda a acción, é dicir, o “non na miña leira” o traballo illado, a mirada curta, o paso cativo e a vitoria pírrica no mellor dos casos.
Publicidade